Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Lourenzo González. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Lourenzo González. Amosar todas as publicacións

28.12.13

Manuel Lourenzo González. Flor de area

Imaxe: Edicións Xerais
Flor de area é unha “obra que continúa o relato comezado en Irmán do vento” (2003), segundo se nos di na presentación editorial. Desta volta a narración vénnos da man da protagonista, que acouta as súas memorias entre os 14 e os 17 anos (marco cronolóxico 2003-2006).
No comezo da escrita, a rapaza atópase nun campamento militar onde se adestra para misións suicidas. Necesita escribir “para restaurar a fe e querer seguir vivindo” (p. 13).
Ao longo de 25 capítulos a moza Amrah vai debullando a súa curta pero intensa vida nun país oprimido por forzas estranxeiras e opresor para a súa propia xente, especialmente para as mulleres. No medio do seu relato aparecen poemas e textos do caderno do seu namorado Khaled.
Deste xeito, os lectores imos sabendo:
1. Da situación familiar: os conflitos, o divorcio dos pais, o reencontro co amor da infancia, que agora vive como granxeiro.
2. Da morte de Khaled e da recuperación do caderno “A miña casa no deserto”.
3. Do reingreso da protagonista nun grupo político.
4. Da espionaxe para o grupo clandestino.
5. Da visita secreta da nai e do vello (xuíz poderoso e socio do pai) coa que a prometeran en matrimonio.
6. Do contencioso con Israel. Da revisión do divorcio dos pais.
7. Do embarazo da protagonista.
8. Das dificultades para manter en segredo o embarazo e das complicacións que lle pode carrexar.
9. Da decisión de ter o fillo. Da fuxida para Kerbala, tapada coma se fose un secuestro.
10. Do encontro coa nai e do acubillo nun bonito apartamento.
11. Do nacemento do fillo, para o que dá o seu nome verdadeiro.
12. Do descubrimento do engano por parte do seu noivo xuíz. Da liquidación da compañía co pai, das hostilidades entre ambos os dous. Da reunificación da familia e dos plans para o futuro.
13. Da visita de Haythan. Da noticia de que os correlixionarios mataran a Khaled por traizón. Dos novos labores de espionaxe.
14. Do atentado. Do reencontro co coronel Mortimer e das sospeitas.
15. Do encontro cos integristas, da chamada de socorro a Mortimer, da malleira que reciben aqueles a mans dos axentes do coronel.
16. Da visita á súa amiga en Bagdad.
17. Da chamada de Hytham, da cea co coronel e do debate sobre a guerra. Das investigacións e transporte de material de guerra en cadaleitos. Do cesamento nos labores de espionaxe.
18. Da invitación á inauguración dun complexo turístico. Da descuberta da espionaxe e da morte do coronel.
19. Do plan para librarse da persecución dos sicarios do coronel. Da despedida do fillo e da fuga.
20. Do camiño cara ao campamento de instrución. Do desespero.
21. Das fotos e cartas e escritas e recibidas durante os nove meses de campamento. Do seu amigo palestino, a quen saca do analfabetismo.
22. Do agocho compartido co palestino Utba, das relacións sexuais e do inicio da redacción do seu diario. Da visita do Ben Laden. Da misión descoñecida.
23. Da misión abortada e da morte dunha familia en vinganda polo asasinato de Mortimer.
24. Da nova misión suicida: matar a Obama. Da viaxe aos EUA.
25. Do atentado frustrado. Do descubrimento da conxura de Haytham grazas ás pescudas do pai de Amrah e da liberación do preso número 11 de Guantánamo, que non é outro que Khaled.
Finalmente, un epílogo ganduxa as partes soltas da historia e anuncia un novo amencer e relaciona esta historia coa relatada en Irmán do vento.


Sen dúbida, o tema principal é a vivencia amorosa da protagonista. Para a rapaza a libre escolla de parella supón logros que van moito máis alá do sentimental ou sexual. Supón a superación das convencións sociais restritivas para as mulleres, en especial, pero tamén para os economicamente desfavorecidos; supón vencer o sometemento ás xerarquías familiares ou sociais para ser responsable das súas propias decisións e dona do seu propio destino, sen que iso signifique deixar de pertencer a unha familia ou a unha tribo (ou patria).
Canda este tema, o lector aprecia o desenvolvemento doutros coma o dos conflitos bélicos (a acción transcorre durante a ocupación de Iraq polos norteamericanos), a represión, a vinganza, a corrupción dos que aproveitan o río revolto para medrar, a insolidariedade, o abuso de poder, a traizón… Temática que contrasta fortemente co degaro da protagonista por vivir libre e en paz nun mundo gobernado pola xustiza.
O relato preséntasenos en forma de diario. Amrah escribe un caderno coas súas vivencias; mais o caderno vén sendo tamén a conticuación do que deixara escrito Khaled. Ambos os dous cadernos poden lerse como novelas de aventuras, sen esquecerse da importancia que teñen os datos históricos que neles se refiren.


Sitiografía


M. Lourenzo González, Flor de area. Vigo, Xerais, 2013.

17.9.11

Irmán do vento (de Manuel Lourenzo González). Cuestionario

CUESTIONARIO para o club de lectura de Irmán do vento:
  1. Cando o doutor Meira o coñece, o protagonista ten catro anos, pero presenta unhas características especiais. ¿Cales?
  2. ¿Que opinión ten da guerra o arqueólogo? ¿A que guerra ou guerras se refire?
  3. ¿Cal é o propósito da novela, segundo o arqueólogo?
  4. Segundo a novela, ¿que trazos caracterizan a cultura árabe? 
  5. Explica o marco temporal da novela.
  6. Conta algúns detalles que amosen a organización xerárquica da familia.
  7. ¿Que virtude social é a que máis se valora? ¿Por que?
  8. Comenta estas palabras do doutor Meira: “Viaxamos moito, pero non imos a ningures” (p. 55).
  9. A igualdade home-muller na novela.
  10. Describe o papel das mulleres na tribo dos koblai. ¿Hai algún personaxe que mantén unha actitude contraria á descrita?
  11. ¿A quen beneficia a guerra?
  12. Na aldea tamén hai personaxes aproveitados. ¿Quen son? ¿Como actúan?
  13. O sentimento do medo. Tratamento que se lle dá na novela. (Véxanse pp. 66, 78-79; 85, 87.)
  14. Os soños e as ilusións do protagonista.
  15. O neno pregunta: “¿Debemos sentirnos orgullosos dos nosos devanceiros?” (p. 84). ¿Por que fai esa pregunta? ¿Que resposta lle deron? ¿Cal lle darías ti?
  16. O ensino na tribo dos koblai.
  17. Segundo o protagonista narrador, ¿cal é o libro de relatos máis lido en Occidente? ¿Que significa tal libro?
  18. Comenta estoutra afirmación do narrador: “O diñeiro non é útil cando do que se trata é do amor e da vida” (p. 189).
  19. Compara a maioría de idade entre os koblai e os occidentais. Xustifica a túa opinión.
  20. Analiza o valor do “conto” dentro do relato “obxectivo”.
  21. Establece a comparanza entre o relato principal e o conto inventado por Khaled.
  22. Al-Galego cóntalle ao protagonista unha mentira. ¿Cal é? ¿Para que lle serve? ¿Por que a mantén?
  23. Describe brevemente a estrutura desta novela.
  24. Segundo Khaled, ¿ten algunha función o mundo da imaxinación?; ¿serve para algo?




M. Lourenzo González, Irmán do vento. Vigo, Xerais, 2003 (7ª edición 2008).

Etiquetas: , , , ,

8.8.11

Manuel Lourenzo González. Irmán do vento

Imaxe: Xerais
1. Irmán do vento cóntanos a historia de Khaled na súa propia voz. Preséntanolo o doutor Meira (Al-Galego), arqueólogo, que o coñecera con catro anos e que se despide del con 16 (maioría de idade para os koblai) cando marcha da aldea para pórse a salvo do exército norteamericano e mais para procurarse un futuro que, nese momento, é un soño.
A historia que se nos conta ten un marco cronolóxico preciso e céntrase maioritariamente nos anos da segunda guerra de Iraq. Un Khaled aínda neno vainos narrando o seu espertar á vida nun caderno que lle regalaran para ir adestrándose como contador de historias. A través das cartas que lle dirixe ao seu amigo Alberte --un fillo imaxinario do doutor Meira--, o lector vai tendo noticia da familia de Khaled, do lugar onde viven, dos medios de vida, da xerarquización do clan, das segundas nupcias do pai, da rapaciña que lle gusta e, sobre todo, dos rumores de guerra.
O protagonista atópase nun momento crucial: ten que aprender a ser home. A guerra vai ser o elemento catalizador polo que Khaled deixará de ser o neno da broma das ras para converterse no heroe capaz de traer o corpo do pai para que repouse entre os seus.
A guerra supón o esfarelamento da vida cotiá e o estrago de moitas vidas e familias. Mais ao noso protagonista, que sempre foi un neno preguntón, faille caletrar en temas coma o da identidade, o medo, a dignidade, o sacrificio polo país, os parasitos sociais, o sentido da vida... A guerra, afortunadamente, non lle dá acabado cos soños nin coas ilusións.

2. Irmán do vento, á parte de ser unha novela de denuncia, tamén é un relato de aventuras, especialmente a partir do capítulo 13, onde temos noticia da desaparición do pai de Khaled e o rapaz comeza a matinar no xeito de dar con el ou co seu corpo para traelo de volta.
Esta parte da novela constitúe toda unha viaxe iniciática. O protagonista escapa da casa sendo neno e retorna feito un home e coa misión cumprida. O autor faino coincidir coa data do aniversario que significa a maioría de idade.
A viaxe na procura do pai pon o rapaz en contacto con outros modos de vida e amósalle tamén os estragos que a guerra lle causa ao país.

3. Do outro lado do espello do relato principal está o conto que Khaled vai construíndo como
Foto: Xoán Carlos Gil / La Voz de Galicia
exercicio literario. Ese conto garda evidente paralelismo co relato principal e no seu argumento cúmprense aqueles soños que se frustran na vida “real”. Péchase cun final feliz que contrasta co final aberto da novela.

4. Ademais do conto, esparexido ao longo do relato, na novela aprécianse dúas partes. Unha formada pola introdución e mais o epílogo, onde a voz do doutor Meira conta o propósito da novela, presenta o protagonista, enmarca cronoloxicamente e remata a historia. A outra parte, que consta de 24 capítulos, consiste no caderno co que Khaled vai escribindo a súa propia historia para que algún día a coñeza o amigo Alberte, fillo imaxinario do doutor.

5. Do punto de vista temático, cómpre salientar a reflexión que se fai sobre os propósitos das guerras, sobre a diferenza de culturas e sobre a consciencia de identidade como pobo.

6. Outras lecturas


7. Para coñecer o autor

Etiquetas: , , ,

14.7.08

Manuel Lourenzo González. No outono das fragas.

A presentación editorial describe No outono das fragas deste xeito:
"Manel é un adolescente que goza contemplando a natureza. Un día, divisa un paxaro exótico e decídese a seguilo. Entra tras el nun bosque próximo a Miravelle, a súa aldea. Pese a que a industrialización deixara o bosque minguado, cando Manel intenta saír del, decátase de que é moito máis espeso do que recordaba e acaba perdéndose. Pronto ha descubrir que o bosque está encantado e que o levará a unha viaxe pola historia e as lendas de Galicia".
En realidade hai moito máis. Denuncia a novela a perda de personalidade do país a mans do "desarrollismo" e da especulación sen xeito nin control. Pouco pode facer o neno Manel -ou calquera que estea igual de inerme có neno- para evitar a desfeita. Só o coñecemento, a memoria e a imaxinación poderán permitirnos saber como eramos. A fraga que en tempos fora inmensa converteuna o progreso en pouco máis ca unha leira residual. Por ela se mete o noso Manel, como noutrora fixera santo Ero de Armenteira no xardín do convento detrás do paxariño. Supomos que un paxariño calquera deses que estaba afeito a ver todos os días. Mais o paxaro que vai seguindo Manel xa lle resulta exótico. O santo quería saber do futuro e cando volve ó presente atópao cambiado; o rapaz, evadíndose da desfeita do presente, coñecerá a través da fantasía un pasado esplendoroso que as sucesivas mans dos homes foron esborrallando. Na súa aventura pola perdida inmensidade da fraga, Manel vai tropezando con seres do noso imaxinario popular (santa compaña, mouros, xacias, animais que falan...) e con personaxes protagonistas (individuais ou colectivos) de feitos históricos (romanos, condes, cruzados...). Cando logra dar co camiño que o devolve á súa casa, Manel chama polo nome a veciños, coñecidos e familiares coma se estivese a esconxurar o perigo de ter cruzado o río do esquecemento:
"Ao tempo que chamaba a todos polos seus nomes e corría a encontrarse con eles, a fraga ía quedando atrás, tan atrás como a noite e os soños. Mais, na mente de Manel, unha palabra seguía a dar voltas como un paxariño rebuldeiro: lembrar".
Non sabemos se santo Ero traía algo da súa visión celestial. Manel traía como testemuño da súa aventura pola pasado unha pluma do paxaro exótico. Como di o paxariño ó inicio do relato: "Non todo pode ser explicado".
(Manuel Lourenzo González, No outono das fragas , Planeta/Oxford, 2007. A primeira edición da novela é de 1995, como nos di o autor no prólogo.)
Leron a novela: Bibliotrasancos, que a recomenda para primeiro ciclo da ESO; o mesmo que Biblioteca IES Manuel Antonio.

2.4.07

O aliado inesperado


Se chegaches ata aquí, prezado membro do club de lectores d'O aliado inesperado, preme neste enderezo. Atoparás o cuestionario de guía da lectura e algunha cousiña máis.
Xa sabes que esperamos a túa contribución a lectura no blog do grupo ou nos comentarios desta entrada.
Pego tamén aquí o cuestionario referido:

O aliado inesperado
  1. Argumento (10 liñas).
  2. O punto de vista do lobo (en cursiva no texto).
  3. A organización da obra.
  4. O espazo narrativo. Sitúao nun mapa vid. P. 49).
  5. As soidades (p. 66).
  6. A idea da amizade (pp. 63-4).
  7. Regras da amizade a da alianza.
  8. Infórmate sobre a guerra civil e a guerrilla. Tratamento destes temas no relato.
  9. Os temas anteriores, ¿teñen relación? ¿De que nos serven desde o punto de vista da narración?
  10. Infórmate sobre o despoboamento do rural. Tratamento do tema nesta novela.
  11. O medo.
  12. Os perigos dun lugar deshabitado.
  13. Os vellos: problemas e solucións.

  14. Comenta os cambios producidos na forma de vida no paso de pais a fillos.
  15. Os vellos e a política.
  16. Tratamento literario da figura do lobo.
  17. O home e o lobo: proceso de achegamento. Ou se o prefires: humanización do lobo e alobamento do home.
  18. A carta como recurso narrativo nesta novela.
  19. As razóns do vello para non abandonar a aldea.
  20. As razóns do fillo para abandonar esa mesma aldea.
  21. As razóns sociais para desprazar o vello do seu hábitat.


Propoño, ademais, un par de traballos, a escoller, voluntarios e nas condicións previstas na programación:

1. O lobo na nosa literatura.

2. A guerrilla nas nosas letras.

*Se alguén non se lembra das condicións, pódellas preguntar ó profe. Supoño que o coñecedes. (Que quede entre nós: non morde).



Ánimo e sorte.