Amosando publicacións coa etiqueta Marcos Calveiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marcos Calveiro. Amosar todas as publicacións

14.12.13

Palabras de auga (de Marcos Calveiro). Léxico-2

Palabras de auga. Léxico-2. O exercicio consiste en relacionar a palabra que aparece pola esquerda coa
afín ou as afíns da dereita. Pode darse máis dunha posibilidade. O test dáse rematado nuns tres minutos.

10.12.13

Palabras de auga (de Marcos Calveiro). Cuestionario

Imaxe: Edicións Xerais
Para o club de lectura de Palabras de auga, de Marcos Calveiro.
Velaquí quedan un cuestionario e mais unha breve, pero interesante,  sitiografía.
O cuestionario ten a boa intención de servir de base para coloquio sobre a novela e a cativa intención de que poida ser usado para un hipotético traballo de control.
A sitiografía é útil para un mellor profundamento na educación literaria.

CUESTIONARIO
  1. As palabras teñen un gran valor para a tribo dos Kimba. Comentade este aspecto reparando especialmente nas pp. 10, 11, 50, 134.
  2. Comentade o valor que os nenos dan á verdade e á mentira [p. 35].
  3. Analizade o papel das mulleres do clan.
  4. Jala educa o seu fillo para a supervivencia. ¿Que aspectos caracterizan esa educación?
  5. ¿Para que lles vale ao Kimba a sabedoría das mulleres?
  6. Segundo a novela, pode haber varias formas de perder un fillo. Coméntese cales.
  7. ¿É esperable o final da novela?
  8. Na novela fálase dos nenos soldado. Procurade fontes de información sobre esta lacra social.
  9. Describide o proceso polo que se pasa de neno a adulto no clan dos Kimba. comparádeo co mesmo proceso na nosa sociedade.
    Imaxe: Ramón Trigo
  10. Algúns personaxes da novela recorren ao castigo físico. ¿Por que? ¿Para que?
  11. Analizade a manifestación dos sentimentos entre os personaxes da novela.
  12. Os personaxes da novela falan suahili. ¿Que lingua é esa? ¿Onde se fala? ¿Cantos ususarios ten? ¿En que películas puidestes tela escoitado?
  13. No país imaxinario da novela, ¿como se explotan os recursos naturais?
  14. ¿Cales son as causas da fuxida do clan dos Kimba?


Sitiografía

Marcos Calveiro, Palabras de auga. Vigo, Xerais, 2012. Ilustracións de Ramón Trigo.

19.11.13

Todos somos (de Marcos Calveiro). Test de lectura

Test de lectura de Todos somos (de Marcos Calveiro).
O divertimento vai destinado ao club de lectura desta novela e non lles roubará aos participantes máis de tres ou catro minutos.
Aburiño.


Información sobre a novela

6.11.13

Marcos Calveiro, Todos somos

Todos somos narra a desaparición dunha nena de instituto. O feito sobresalta as familias da praza
Imaxe: Edicións Xerais
da Bichoca, corre como a pólvora por toda a cidade e altera a vida de todos: os nenos vanse sentir presos e vixiados, os pais amosarán unha cara ata ese momento descoñecida, as crises de parella acentuaranse, o temor e a cólera manifestaranse por calquera miudeza…
As reaccións ante a desaparición tamén ofrecen o mellor e o peor de cadaquén. O pai da Natalia (a desaparecida) préstase a actuar no circo  do telelixo a cambio da paga; a nai de Antón (amigo de Natalia) saca as unllas do seu áspero carácter; a presentadora de televisión non ten reparo en aproveitar a ocasión para promocionarse; cidadáns anónimos, xente de ben e bos veciños, montan patrullas que mallan no primeiro que lles resulte sospeitoso ou mesmo en quen tente mediar e poñer algo de cordura (o pai de Antón acabou en urxencias); os políticos sofren apupos cando van facer a foto coas vítimas; a policía, impotente e superada polos acontecementos, comete erros… En fin, todos senten a necesidade de dar co criminal para que se faga xustiza, para respirar tranquilos, para satisfacer a sede de vinganza ou para sacar tallada.
No medio desta maruxía achamos dous personaxes que tentan controlar o rumbo das súas vidas. A inspectora Lina Souto e o neno Antón aparecen unidos por unha mutua simpatía ademais de pola lembranza dun pasado que converte a Antón nun neno moi especial aos ollos da inspectora. Os dous falan de Natalia en presente e aférranse a calquera aruxiño de esperanza de atopala con vida, procurando non caer en falsas ilusións.
A novela remata sen solución policial. A inspectora logra soltar o lastre do pasado ao desfacerse da carpeta onde gardaba as noticias dun fracaso profesional que a marcara. A vida segue a devalar e o paso do tempo é quen de moer as tristuras máis resistentes.





Marcos Calveiro, Todos somos. Vigo, Xerais, 2013.

19.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas. Cuestionario


Cuestionario guía para o club de lectura d’ O pintor do sombreiro de malvas.
(Nota previa: todas as cuestións procuran unha resposta baseada na lectura da novela.)

  1. Na novela, o narrador ocupa boa parte do seu tempo no gozo de ler.Relaciona as obras obxecto de lectura. Analiza a valoración que a sociedade descrita na obra ten das lecturas que se citan e da xente que le. [Para empezares, bótalle unha ollada ás páxinas 14, 26, 39 e 156.]
  2. ¿Quen narra a historia? ¿Cal é o punto de vista adoptado na novela?
  3. ¿En que época se ambienta a novela? ¿Cales son as características máis salientables desa época?
  4. O título da novela é anecdótico.Explícao.
  5. Quen vén sendo o pintor do que se fala na obra?
  6. ¿Podes establecer unha relación entre a personalidade do pintor e a técnica pictórica que emprega? [Véxanse pp. 20-21, 28 e 73.]
  7. Despois da lectura da novela, ¿como dirías que anda a cabeza do pintor Vincent?
  8. No contexto da obra, ¿que valor ten a expresión “A tristura non rematará xamais” (pp. 167, 173).
  9. Se contrastas a biografía do pintor coa figura que del se dá na novela, ¿temos a mesma imaxe do personaxe?
  10. Analiza a figura do sacerdote.
  11. Analiza a relación narrador-Adeline.
  12. ¿Dáse na obra outra relación que representa o contrapunto da anterior? ¿Quen son os protagonistas? Compáraa coa anterior.
  13. Como lector, ¿consideras que queda algunha liña argumental sen desenvolver?
  14. ¿Que decisión vital toma o protagonista-narrador?
  15. Por certo, ¿como se chama o protagonista-narrador? ¿Que recursos se utilizan para dirixirse a el?
  16. Describe o proceso de deterioración psicolóxica do pintor.
  17. ¿En que modo inflúe a pintor na madurez do protagonista-narrador?
  18. ¿Pode dicirse que a novela describe a confrontación de dous mundos? ¿Cal é a túa opinión ó respecto?
  19. ¿De que outros pintores se fala na obra? ¿Teñen algunha relación co noso pintor? [Véxanse pp. 47, 80, 105.]

Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.

13.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas


1. Cóntanos a historia un adolescente a quen a nai envía a vivir á casa dunha tía en Auvers para afastalo da vida de malote que levaba en París. O rapaz, urbanita parisino, non é quen de establecer boas relacións cos rapaces do rural, dos que anda medio fuxido para aforrar tundas. A aparición do pintor Vincent [van Gogh] ábrelle un abano de posibilidades para darlle emoción á súa vida. Entre outras cousas, apréndelle a ver o mundo doutro xeito, a reparar en aspectos para os que os ollos do rapaz estaban cegos. Tamén lle servirá de conselleiro sentimental, aínda que de dubidosa eficacia.

2. O tempo reducido da novela (69 días) representa para o protagonista un curso intensivo de educación, mesmo sentimental: coñecerá a crueldade dos convencionalismos, pensará sobre o seu escuro pasado, abrirá os ollos a un mundo novo, gozará da ilusión dos amores vixiados, sufrirá a presenza da morte e da ausencia dos seres queridos, aprenderá a tomar as súas decisións mesmo sen saber se son as correctas...
Por veces, o lector coida -isto é algo atrevido- que é o adulto Vincent quen, á vista da traxectoria vital escalazada, “educa” a un Vincent adolescente que aínda ten a vida por diante. En todo caso, o relato transmite ó lector a intensidade da etapa final da vida do pintor.

3. A historia sitúase en Auvers no verán de 1890. Nesta viliña dos arredores de París enfróntanse dous mundos irreconciliables. Dunha banda, a sociedade reaccionaria que segue pautas de comportamento preestablecidas; destacan as autoridades políticas, relixiosas e as beatas. Da outra banda, os que tentan vivir seguindo os impulsos do corazón, sen facer mal a ninguén e sen o corsé de normas sociais de obrigado cumprimento. O pintor, o narrador, súa nai... son paxaros que pretenden voar fóra da abafadora gaiola das convencións sociais.

4. A sociedade convencional amosa ante o lector unha crueldade agachada. As normas, por si soas, non son quen de substituír os afectos nin de construír sociedades máis xustas. O lector ve, por exemplo, como se pasa o trámite do enterro das vellas sen importarlle ó familiar que as sepulta nada máis que a herdanza que poida apañar (segundo murmuracións da veciñanza); sospeita cal puido ser o “delito” que lle produce o baleiro social á nai do narrador; sospeita e non se explica o comportamento hostil do xendarme co rapaz... Unha sociedade, en definitiva, que non lles deixa ós diferentes outra saída que non sexa o suicidio ou a fuxida.

5. Falan desta  novela en:

  • Trasfegando ronseis, que salienta especialmente os valores que transmite o relato, así como a súa riqueza pictórica e léxica.
  • Ramón Nicolás: recensión publicada no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia recollida na páxina de Xerais.
  • Ars legendi achégase a esta e a outras obras de Marcos Calveiro. Destaca d’ O pintor a traballada construción de espazos e personaxes.
  • Xornal de Galicia (12-07-2009) dá noticia da concesión do premio e publica unha entrevista co autor.



Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.