20.11.19

A lingua da terra natal

"A lingua da terra natal é o alimento espiritual das almas sinxelas. O idioma é o bálsamo que mitiga a nostalxia do expatriado. [...] A comunidade do idioma é unha das que máis influíron na formación da Patria e por este motivo os conquistadores sempre trataron de arrincar as linguas propias dos pobos anexionados; e os pobos vencidos sempre defenderon o seu idioma como o derradeiro resto da súa indepencia".
A quen escribiu esas palabras executárono, canda outras once persoas, na estrada Coruña-Ferrol o once ou doce de setembro de 1936. Non tivo xuízo. Chamábase Arturo Noguerol Buján. Non foi un acto de amor o que o levou a unha foxa común do cemiterio de Serantes. Tampouco se pode dicir del que fose delincuente, nin separatista, nin fanático impositor de galego excluínte ou como lle queira chamar o gobernante "de turno". Nin fai falla ser lingüista para saber que unhas linguas espertan máis afectos ca outras.
En fin... Para sabermos máis podemos botar unha ollada ao libro de Jesús-Fernando Román Alonso (2003): Arturo Noguerol. Xornalista, arbitrista e financeiro do Galeguismo. (Galegos na Historia), Vigo, Ir Indo. (Cita e imaxe tiradas deste libro, pp. 25 e 49 respectivamente).

15.11.19

"Extraordinario" (de Antón Lopo. Léxico-3

Extraordinario. Léxico-3
Este test tamén se basea no léxico da novela Extraordinario, de Antón Lopo. É tan sinxelo coma os dous anteriores. Consiste en sinalar, de entre as palabras da lista, aquela que se axeite á definición que se dá na cabeceira da pregunta.

11.11.19

"Extraordinario", de Antón Lopo. Léxico-2

Extraordinario. Léxico-2
Velaquí outro test aínda máis faciliño có anterior sobre o léxico de Extraordinario, novela de Antón Lopo.
O que se pide é sinalar as palabras que conteñan unha valoración negativa ou marcar como positivas aquelas que non suxiran tal valoración.

5.11.19

"Extraordinario", de Antón Lopo. Léxico-1

Extraordinario. Léxico-1
Este test de léxico baséase en Extraordinario, novela de Antón Lopo que ten como eixo temático as relacións no seo da familia.
O test resulta faciliño e completalo ocupa menos de cinco minutos. Para realizalo cómpre premer na ligazón.
Agradécese a comunicación das meteduras de zoca que se atopen. Deséxase un bo divertimento.
Imaxe: Extraordinario/Editorial Galaxia

3.11.19

Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: "O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra"

Imaxe: O soño crebado/IEV
O soño crebado é unha exposición amena e didáctica sobre a aniquilación da II República polo bando vencedor da Guerra Civil de 1936. O título é unha declaración de intencións: recolle o sentir tanto daqueles que viviron os feitos narrados coma dos que xa nados na ditadura e mesmo na actual democracia percibiron aquel intento de réxime político como unha ventá aberta á esperanza que se atrancou de golpe. A obra é unha achega clarificadora a ese período traumático da historia das Españas que aínda alporiza hoxe a algúns sectores políticos que xa non  viviron os feitos pero que deben de se considerar herdeiros do bando vencedor. Neste "caderno didáctico" non se xulga nin se condena; expóñense sinxelamente os feitos sen tapullos nin preocupación pola corrección política.

Cómpre sinalar que a obra é máis ambiciosa do que o título suxire: o marco cronolóxico esténdese dende as etapas precedentes á República ata os anos posteriores ao remate da II Guerra Mundial; o espazo xeográfico expándese máis alá de Vigo e bisbarra, e os feitos narrados, mesmo sendo locais, poden considerarse exemplos concretos dun estilo de actuación extrapolable ao resto da Península e a outros países europeos. Non estamos, xa que logo, ante un humilde caderno didáctico de historia local, senón ante un auténtico tratado que estuda unha etapa concreta da virulenta historia do século XX partindo dun escenario local pero sen deixar de ollo o espazo global que inflúe sobre ela.

 Expostos os precedentes dos tempos da República, o estudo céntrase na esperanza que esperta o novo réxime na sociedade, especialmente entre as clases populares, nos vaivéns padecidos pola incipiente República, no levantamento militar e, conseguido o control do territorio polo exército sublevado, nas consecuencias que tivo na bisbarra o desenvolvemento da guerra: recrutamento de soldados para as distintas frontes, requisa de medios materias, control da poboación por medios violentos (detencións, xuízos sumarísimos, paseos, sacas, fusilamentos...) e accións de propaganda para xustificación e lucimento do bando vitorioso. Os mecanismos de defensa dos leais á República crean entobados, fuxidos e guerrilleiros. A marcha da guerra provoca na cidade e bisbarra a habilitación de cuartelillos, centros de detención, campos de concentración, hospitais...

A traxedia tórnase máis vívida cando escenario e personaxes resultan familiares. A información gráfica que se achega amósase eficaz neste sentido. Na inmensa traxedia que supón o exterminio do inimigo interior (los malos españoles) hai episodios que puideron ser publicados no exilio polos que deron fuxido das gadoupas dos perseguidores. Outros malamente lograron resistir a corrosión do tempo e o sudario de silencio con que os taparon os vencedores. E outros episodios especialmente punxentes tiveron desenvolvemento literario, coma o das vítimas do bou Eva, ás que Unha morte lanzal, de Julián Rodríguez Novo, rende sentida homenaxe. No estudo aparecen nomes de infausta memoria pola súa crueldade e nomes de xentes que non merecían a morte que lles deron. O libro recórdanos todos: uns para que deprendamos a non repetir a historia, outros para devolverlles a honra que a barbarie lles roubou. Entre os miles de títulos publicados sobre o tema aquí tratado, este "caderno didáctico" que temos entre mans resulta ser un bo antídoto contra a desmemoria.
____________________________________________
Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra. Vigo, Instituto de Estudos Vigueses, 2019.