Hai uns anos informaba El País do desaloxo duns okupas; non lembro se foi en Madrid ou en Barcelona. Un deles xustificaba a súa acción coas razóns dun bo pai de familia: necesitaba unha vivenda digna; non quería quería que o día de mañá o seu fillo fose "uno de esos negros gallegos que andan por ahí".
Xosé Antonio Fidalgo (Os saberes tradicionais dos galegos, 2001:243) recolle un par de perlas polas que non nos imos encabuxar: a do letreiro dunha estación de tren que indicaba o lugar que debían ocupar "perros y segadores" (estes eran os galegos que ían apañar trigo a Castela) e mais o dito tan coñecido que reza: "Los gallegos vinieron al mundo para descanso de los animales".
A quen lle conveña oirémoslle dicir que iso foi noutrora. Hoxe gañamos en estima e consideración, e tal que sei eu...
Se cadra, dirán verdade. Sempre será mellor estar no mundo para divertir monas que para descansar animaliños.
Y luego te hay gente que se te incomoda toda por una comedia de monifrates.
Creo que teñen que cambiar máis cousas que as acepcións dos dicionarios. No que a min portén, prefiro que os dicionarios sexan obxectivos e fiables nos seus datos, por noxentos que me resulten.
¿E todo isto en que tema do programa entra? ¿En lingua e sociedade? ¿E vai caer na selectividade?