16.1.18

VI edición de "Lingua de namorar"

Imaxe do Portal da Lingua Galega
"A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta convocan unha nova edición do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar".
Na ligazón enriba indicada atópase a páxina onde figuran as bases para a participación, así como a declaración de amor da Xunta polo lingua galega.
O prazo remata o 29-01-2018.

14.1.18

Antonio Manuel Fraga. A virxe das areas

Imaxe: Edicións Embora
Dúas beatas de Vilar de Sembra cren estar vendo a Virxe das areas cando atopan na praia, en camisón e desorientada a Norma Lago. Oficialmente, a rapaza levaba dous anos vivindo en Suíza cos seus tíos. Esta misteriosa aparición bota a andar as pescudas do xubilado e hipocondríaco Paco Louro, que remexe na memoria da parroquia ata dar coa resposta.
Vilar de Sembra pode ser o trasunto de calquera vila mariñeira, nomeadamente da Costa da Morte, segundo nos conta o autor. Coma en calquera poboación pequena, todo o mundo se coñece e todos os seus habitantes teñen unha cara pública e outra cara oculta que condiciona as súas vidas tanto ou máis cá primeira. As pescudas de Paco Louro destapan esta realidade paralela e poñen ante os ollos do lector as desgrazas, as vergoñas e a miseria moral que embazan a vida pública dos personaxes que se moven na novela.
Deste xeito, imos sabendo que Norma Lago nunca marchara a Suíza; esta loia faina correr a nai (Esperanza) para tapar a vergoña de que a filla fuxira cun home casado. En realidade, Esperanza estaba trabucada: Norma pretendía escapar co seu noivo secreto (Xureliño), pero atravesóuselle no camiño Casto Rivas, obsesionado coa rapaza, que a secuestra e mantén dous anos atada na baleeira abandonada da familia; drógaa con morfina e abusa dela en presenza da pretendida imaxe da Virxe das areas, da que tamén a familia tiña a custodia. A reaparición de Norma e o enterro de Casto coinciden no tempo e nas causas.

Servando Trillo, tío de Casto, é o que agacha máis segredos inconfesables. Pertence a unha familia de avoengo: industriais, militantes de partidos políticos ultraconservadores… Na guerra civil, Servando Trillo tomou partido polo bando vencedor, que o premiou coa alcaldía de Vilar de Sembra, alcaldía que mantén cando o país retorna á democracia. Encarna o caciquismo mudado de pel, pero non de condicións. Sospeitaba que o sobriño, herdeiro na xinea familiar e sucesor na política local, matara a Norma, de aí o distanciamento entre os dous. O alcalde fora amigo do irmán de Paco Louro antes da guerra e o noso pescudador ten o convencemento de que Servando está detrás da súa morte.

Esperanza é unha muller a quen a sorte lle torceu a cara. Coidou dos pais ata que morreron, do seu irmán diminuído psíquico e da filla reaparecida. É o único esteo da súa casa e gaña a vida traballando en casas de fóra. Amosa unha encomiable capacidade de resistencia e entrega. A filla foina parir na emigración para non luxarlle a honra ao pai, o cura párroco daquela aínda mozo.
De todos os personaxes da novela, son tres mulleres (Esperanza, Carme e Nora) as que cangan coa penitencia máis dura e menos merecida. Neste mesmo bando de perdedores da historia atopamos a Paco Louro (supervivente de familia de represaliados) e o doutor Óscar Bazán (estigmatizado por homosexual). Tampouco resulta unha sorpresa para o lector que sexan os personaxes máis solidarios e tolerantes.

No relato lineal que desenvolve Antonio Manuel Fraga saliéntanse dúas datas historicamente marcadas: 1938 (guerra civil, represión e xenocidio en auxe) e 1981 (“falido intento de golpe de estado perpetrado no Congreso por un grupo de gardas civís, fracaso que algúns aplaudían aliviados e que outros lamentaban en silencio”, p. 13). Os dous bandos enfrontados na primeira data seguen sen se levar ben na segunda. Na novela seguen ocupando o poder local os triunfadores da guerra fratricida e só lles pasa factura a xustiza poética: “Inevitablemente pensou en Servando, que murcharía só até o seu derradeiro latexo de vida. Paco desestimara denuncialo. A morte de Carme fora xa castigo dabondo” (p. 115).

Nesta novela de intriga, ademais da guerra civil, a represión, o xenocidio, a loita por manterse no poder, a violencia sexual, a homofobia… tócase o tema da xeración perdida, personalizada en Xureliño, paradigma desa mocidade estragada pola droga, especialmente na década dos oitenta do século XX.

Paco Louro gardará algúns dos segredos descubertos nas súas pescudas para non causar máis dor. Así e todo, o relato remata cunha raiola de esperanza reflectida na luz dos ollos de Norma.

Dictiografía
_____________________________________
Antonio Manuel Fraga, A virxe das areas. A Coruña, Edicións Embora, 2017.

11.1.18

María Victoria Moreno. Achegas na rede

Imaxe: culturagalega.org
Designación da Academia (Letras Galegas 2018)
  1. O Día das Letras estará dedicada a María Victoria Moreno Márquez”, RAG, 17-06-2017.
  2. A escritora cacereña María Victoria Moreno Márquez, autora do Día das Letras Galegas 2018”, La Voz de Galicia, 17-06-2017.
  3. As Letras do 2018 para María Victoria Moreno, a profesora que viaxou cara ao galego”, Praza Pública, 17-06-2017.
  4. María Victoria Moreno, a autora eleita pola RAG para o Día das Letras 2018”, Sermos Galiza, 17-06-2017.
  5. La extremeña Victoria Moreno Márquez protagonizará las Letras Galegas de 2018”, El Correo Gallego, 17-06-2017.
Sobre a autora
  1. María Victoria Moreno, na Galipedia.
  2. María Victoria Moreno na páxina da RAG.
  3. Letras Galegas 2018 en Sermos Galiza.
  4. R. Castro, “María Victoria Moreno, a ‘nai’ da literatura infantil galega”, Sermos Galiza, 14-06-2017.
  5. Manuel Bragado, “María Victoria Moreno, da vida e da esperanza”, Sermos Galiza, 17-06-2017. Reprodución dun artigo de 25-06-2015.
  6. Xesús Fraga, “María Victoria Moreno Márquez, unha ‘fada chovida do ceo’”, La Voz de Galicia, 18-06-2017.
  7. Ramón Nicolás, “Voz pioneira e polifacética”, La Voz de Galicia, 18-06-2017.
  8. R. Castro entrevista a Pedro Ferriol, marido de María Victoria Moreno, Sermos Galiza, 18-06-2017.
  9. Xan Carballa entrevista a María Victoria Moreno, Biosbardia, 13-05-2015.
  10. Xesús Alonso Montero, “María Victoria Moreno, filóloga sen fronteiras”, La Voz de Galicia, 02-07-2017.
  11. Xesús Alonso Montero, "María Victoria Moreno, políglota militante", La Voz de Galicia, 23-03-2018.
  12. Xesús Alonso Montero, "Victoria Moreno e o lobo epistológrafo", La Voz de Galicia, 30-03-2018. 
  13. Xesús Alonso Montero, "Un ensaio maxistral", La Voz de Galicia, 30-04-2018. 
  14. Xesús Alonso Montero, María Victoria Moreno. A proeza da súa vida e da súa literatura. La Voz de Galicia, 16-05-2018.
  15. Patricia Carballal Miñán, “2018. Anagnórise de María Victoria Moreno”, Praza Pública, 27-12-2017.
  16. "María Victoria Moreno 'contribuíu a situar a literatura galega infantil e xuvenil nun lugar digno'", Praza Pública, 14-01-2018.
  17. La Real Academia Galega ha dado por iniciado el 'Año Ana María Victoria Moreno', El Correo Gallego, 15-01-2018. 
  18. R. F., "Dúas biografías afondan na vida e no carácter de María Victoria Moreno",  La Voz de Galicia, 10-03-2018.
  19. Ánxela Gracián, Doce cartas a María Victoria Moreno. Ilustracións de Antón Seijas. "
    Nelas se rememora a súa infancia como paraíso perdido; as vivencias da mocidade e as aspiracións desta estapa; a súa concepción da docencia na que defende un ensino responsable e respectuoso; as lecturas; os gozos; a lealtade eterna aos amigos e aos mestres; o sentido épico da vida e, finalmente, a escrita como único exorcismo ante a dor de sabernos perecedoiros".Mario Álvarez, El Correo Gallego, 21-03-2018).
  20. Emilio Xosé Ínsua, "Unha novela de María Victoria Moreno", no blog A ínsua do Ínsua, 29-04-2018. 
  21. "María Victoria Moreno: una activista de la lengua gallega en sus libros y en su vida", El Correo Gallego, 01-05-2018. 
  22. Daniel Salgado, "A profesora que escribía para a infancia", Sermos Galiza, 07-05-2018.
  23. Daniel Salgado, "María Victoria Moreno e o Lorca galego", Sermos Galiza,  08-05-2018.
  24. Daniel Salgado, "María Victoria Moreno e a problemática cultural galega", Sermos Galiza, 11-05-2018. 
  25. Siro López, "Os ollos de María Victoria Moreno", La Voz de Galicia, 12-05-2018. 
  26. Xesús Fraga, "Literatura grande para lectores cativos", La Voz de Galicia, 13-05-2018.
  27. "A luz concentrada nunha folla de plátano", La Voz de Galicia, 13-05-2018.  
  28. Pedro Ferriol, "Leccións de vida", Sermos Galiza, 14-05-2018. 
  29. Carmela Ferreira Boo, "María Victoria Moreno, unha pioneira na literatura infantil e xuvenil galega", El Correo Gallego, 20-05-2018.

1.1.18

Rolda pola república das letras-192. Decembro de 2017

Armando Requeixo, Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria
A obra preséntase como un itinerario pola histórica vila e a súa contorna. Trinta e cinco puntos xeográficos cosen as historias e os días do autor de Merlín e familia. “Cunqueiro deixou dito algunha vez que, independentemente do lugar de que estivese a falar, sempre estaba falando das rúas e os tipos de Mondoñedo”, sinala Requeixo (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 03-12-2017).

IlMaquinario, Resaca
En Resaca, ilMaquinario transita entre os límites da realidade e a ficción nun proxecto no que os membros da compañía procuran reconstruír a súa memoria xeracional e familiar a través da historia dunha persoa común que desapareceu e que marcou as súas vidas: Álex (entrevista de Alberto Ramos, Praza Publica, 03-12-2017).

Carlos Labraña e o teatro infantil
[...] un dos autores máis premiados e de dilatada traxectoria en Galicia. A el débenselle unha chea de títulos, como O teatro dos soños (Garola, 2005), Os sons das buguinas (Baía, 2006), Lendas da noite de San Xoán (Everest, 2008), A fraga das árbores palabras (Embora, 2013), Espantallo (Fervenza, 2015) ou O apalpador (Galaxia, 2016) (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 03-12-2017).

Estevo Creus, O lugar que non hai
Os poemas cos que Creus gañou un dos certames literarios máis veteranos de Galiza foron “concibidos para a oralidade”. “Non estaba moi seguro de se funcionarían como texto escrito, por iso o premio foi unha sorpresa”, admite (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 04-12-2017).

Xaquín Marín, Tonecho
Unha retranca que herdou a súa creación, e que amosa en cada viñeta, sexa con ocasión das festas de Nadal, os xogos na rúa, o fútbol, as súas conversas co can Palleiro ou as discusións no seu grupo de idade ou cos maiores (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 06-12-2017).

Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul e Martín Souto, Os últimos carballos do Banquete de Conxo
[...] o libro xunta catro pequenos ensaios que xiran arredor do lugar e o que evoca, e constitúe unha alfaia singular por varias razóns (Berta Dávila, Praza Pública, 07-12-2017).

Xosé Luís Méndez Ferrín, Arraiano entre arraianos
Os textos de Ferrín publicáronse antes no Faro de Vigo, xornal co que mantén unha delongada relación. O máis antigo data de 1979. O máis recente, de hai dous meses. “Van de Asturies a Valença do Minho”, explica o editor Paco Macías, de Positivas (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 08-12-2017).

Fernando Iglesias, «Tacholas», homenaxeado en Arxentina
Tacholas nació en Ourense en 1909 y se fue a Buenos Aires con 19 años. Allí tomó contacto muy pronto con los grupos intelectuales gallegos y cuando en 1936 llegó al país el director de teatro Manuel Varela Buxán se unió a él para formar la primera compañía argentuna de teatro gallego (La Voz de Galicia, 12-12-2017).

Matilde Felpeto, Cociña tradicional galega; Carina Regueiro, Estrelas da despensa galega
A perspectiva de Felpeto é transversal, no sentido de que mestura gastronomía, historia e cultura [...] Regueiro ofrece no seu libro 67 receitas tradicionais pero non refuga dos cambios experimentados pola gastronomía galega nos últimos anos (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 18-12-2017).

Francisco X. Suárez Naval, Alma e o mar
Alma e o mar achégase ao xénero da intriga para, dende a novela, abordar as múltiples violencias que sofren as mulleres (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 19-12-2017).

Arturo Iglesias/Xosé Tomás, Sabela. Almiranta dos mares do sur
Para documentarse sobre Sabela Barreto, Iglesias botou man de libros de viaxes, de novelas e, principalmente, do relatorio de Pablo Fernández de Quirós -piloto de navegación- arredor da travesía polos mares do sur. “O descubrimento das rexións austrais describía a viaxe que capitaneaba Sabela (Tamara Martínez Pastoriza, Sermos Galiza, 26-12-2017).

Antonio Neira de Mosquera, Galicia ante todo. Páxinas esquecidas do Rexurdimento (1840-1853)
Antonio Neira de Mosquera elaborou o seu pensamento, o traballo que recolle galicia ante todo. “É importante para entender o Rexurdimento”, esténdese Xurxo Martínez, “e axuda a facer un relato daqueles pioneiros que situaron Galiza no centro das súas inquedanzas”. Era unha elite intelectual que, máis alá de lugares comúns, “estaba en hora con todos os pobos de Europa”. Obras de Locke, Montesquieu ou Rousseau poboaban as bibliotecas particulares. “O mar era unha vía de comunicación moito máis aberta que a meseta”, conclúe (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 27-12-2017).

Carlos Casares, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias
O ano que a Real Academia Galega dedicou a Carlos Casares (1941-2002) chega a termo. Faino con dúas paradas nos alicerces fundamentais do seu traballo: a narrativa e o xornalismo. O suicidio de Jonas Björklund e outras historias e A ledicia de ler (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 28-12-2017).

Xosé Constenla, O colapso territorial de Galicia
O xeógrafo compostelán Xosé Constenla ven de gañar a décimo sétima edición do premio Ramón Piñeiro de ensaio pola obra O colapso territorial de Galicia. Unha lectura dende o espazo da construción social do país [...] (Susana Luaña, La Voz de Galicia, 29-12-2017).