28.2.09

Coma en Burela...

En Vigo tampouco non hai xente acomplexada co galego. Só os que se senten montunos... e eses no te deben ser de Vigho.
Así e todo, se algún hai e quere irse liberando de complexos pode botarlle unha ollada a esta páxina de Vieiros e mais a estoutra do IES Perdouro.
Aburiño.

23.2.09

Centenario do Futurismo (2)

Considero de interese para os bachareis que vos enfrontades este ano ás vangardas na literatura este artigo de Jacques de Saint-Victor, publicado en Le Figaro.

Saliento aqueles anacos que considero máis aproveitables para o cometido enriba sinalado e deixo ligado o artigo completo:

Hai cen anos, o 20 de febreiro de 1909, o poeta italiano Marinetti publicabaen Le Figaro O manifesto do futurismo. Un texto que ten marcado profundamente a historia cultural do século XX.
O manifesto do futurismo, do poeta italiano Filippo Tommaso Marinetti, publicado en Francia o 20 de febreiro de 1909, nas columnas de Le Figaro, anuncia, ás veces para o mellor e ás veces para o peor, todas as vangardas do século XX, con ese culto á modernidade, ó dinamismo e á velocidade, ó home novo e á cidade, á tecnoloxía e á violencia, e mesmo á guerra, o seu rexeitamento do pasado, das tradicións, da natureza, etc.
¿Por que (...) Le Figaro, á vista das provocadoras teses defendidas por Marinetti (destruír museos e escolas, combater todas as formas de moralismo, cantar as masas, etc.) acepta a publicación? (...) Aínda que Marinetti, habilidoso manipulador (será un modelo para publicistas, comunicadores e outros organizadores de eventos), tíñase proposta enguedellar a filla de Mohammed al-Rashi Pascià, o principal accionista de Le Figaro. Pero esta non é a única explicación. O xornal optara dende había uns anos por un certo elitismo literario e cultural , o que lle permitiu tocar ambientes que doutro xeito non estarían interesados. A operación foi comercialmente útil porque estas relacións foron influentes en París. Aqueles que querían imitalos compraban o xornal.
Así, Le Figaro publicara o Manifesto de simbolismo, de Jean Moréas, 18 de setembro de 1886, que se opón á certeza científica da literatura naturalista . (...) Deste xeito, cando Marinetti, coñecido principalmente en París polos seus poemas en francés, decidiu falar de si mesmo a través da publicación dun manifesto, é Le Figaro o medio que elixe.
Pero o impacto do texto vólvese contra Marinetti. (...) Marinetti marcha a Italia, onde estrutura o movemento futurista con numerosos artistas, pintores e escultores, como Boccioni, pero tamén arquitectos (Sant'Elia), músicos (Russolo e o seu concepto de ruído), cociñeiros coas súas receitas delirantes de polo Fiat ou zume de petróleo. Moitas veces actuando de maneira provocadora (abonda pensar nos orixinais seráns futuristas), o movemento publica máis de 400 manifestos ou panfletos, en todas as áreas (...).

Marinetti enzoufarase na política. Apoiará a fanfurriñada de Mussolini, quedando moi marxinado polo espírito de provocación (...). A importancia do futurismo nas artes, na publicidade, vídeo, etc., non precisa demostración. Pero este movemento cultural mundial, que atinxe tamén a Rusia (Maiakovski), está detrás de moitas outras cousas, mesmo do Manifesto Cyborg actual (basta
con ler a novela de Marinetti, Mafarka o futurista, que evoca o home-máquina). Tocante ó feminismo, unha nova descendente de Lamartine, Valentine de Saint Point, escribiu dende 1912 dous manifestos a prol da muller (Manifesto da muller futurista, Manifesto futurista da luxuria) que evocan temas que se cren novos na pluma de Simone de Beauvoir. Os futuristas tamén serán seguidores do que chamarán, moito antes ca Onfray, "a antifilosofía". ¿El non dicía Musset que "cómpre ser parvo para pensar que se ten inventado algo".

21.2.09

Centenario do Futurismo

De interese para estudantes de bacharelato amantes da literatura e as artes de vangarda.

O Xornal de Galicia fai referencia a este evento. O periódico francés Le Figaro, que publicou o Manifesto tamén lle adica uns cantos artigos : "¿Que lle debemos ó Futurismo ?", "Futurismo e Fascismo ", "Poesía e política " ou "Marinetti o 'chauffard' (chofer ruín) da arte", por exemplo.
Mais se collemos ó chou un xornal italiano -tocoulle a Corriere della Sera - a idea que nos dá é a dunha festa rachada en honra de Marinetti e do seu movemento: bailes en fachadas, comidas futuristas, exposicións... e artigos de fondo sobre o movemento e o seu creador: "Il Futurismo nero su bianco ", "Lidea di Marinetti? Arte+azione ", "Il Futurismo è tutto qui" ou "Il Futurismo dopo 100 anni ", que recolle unha boa relación de celebracións tamén en París.
En fin, demasiada documentación para ler dunha sentada. Cómpre ir pouco e pouco.



Imaxes de Corriere della Sera.

12.2.09

Noticias de literatura-54

Neste mes de febreiro tivo lugar unha homenaxe ó escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Preséntase o mesmo día o libro A semente da nación soñada. O Faro de Vigo e mais Galicia Hoxe recollen a efeméride (7-2-09).
Margarita Ledo Andión le o seu discurso de ingreso na RAG: "a cadeira que ocupará aguantou o peso do eclesiástico traseiro do bispo Araúxo e os quilos poéticos de Pedrayo. Esta figura marcouna especialmente: “Coñecino cubrindo unha reportaxe en 1974. Fiquei abraiada polo seu romántico discurso” (Xornal de Galicia ). "A catedrática luguesa elixiu os escritores Rosalía de Castro e a Otero Pedrayo como "modelos de personaxes públicos" porque "teñen conciencia
en si propia" e da "fala como o modo de estar e de actuar". Referentes que ao seu ver, materializan o seu compromiso na lingua, no uso público do galego como acción en que o asume un suxeito colectivo, o pobo, identificado coa nación", engadiu" (Galicia Hoxe).
Carlos Santiago presenta Acantinado , colección de relatos tabernarios: "Unha reivindicación que parte da filosofía editorial de "copia, pega,
inventa, faino ti mesmo". "É algo así como o acceso absoluto á cultura libre, sen un control acérrimo dos dereitos de autor e sen o modelo mercantilisita que está suxeito á subvención", explica o autor compostelán" (Galicia Hoxe, 30-01-09).
O Salón do Libro , centrado no tema do amor, homenaxea a Fina Casalderrey.
O BBVA saca á luz 25 láminas de Castelao . A historia destes debuxos ten o seu aquel. O banco considéraas "xoias da coroa ".

Imaxe de Vieiros e Calameo.

10.2.09

Soidades de Ana. Léxico-2

Para os membros do club de lectura de Soidades de Ana (de Jordi Sierra i Fabra) que queirades xogar co léxico da novela.

Neste exercicio debedes relacionar as palabras da esquerda (empregadas na 0bra) coas da dereita, na medida do posible.




Imaxe do Cartafol de libros de Vieiros.

8.2.09

LINGUA ESGALLADA-45

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e propón a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

Imaxe de Autêntica editora.

450
Ocorre entre primaveira e verán

451
A cambio de besos dálle terras.

452

Aparece un persoaxe que é o sapo.

453
Aínda así, casouse co señor Fuco porque a mandaban os pais.

454
Na calle de B., que estaba en Londres.

455
Sen ningún tipo de herida.

456
A persoa alí asesinada fora asesinada por medio de veleno.

457
Estaba esparramada.

458
Quen había sangrado había sido o asesino.

459
Cando había llegado ó carruaxe descubriu...


CONDICIÓNS DO TRABALLO

BAC: Rectificación +explicación.

ESO: Rectificación.

Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.

Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.