Mais aquela soidade supón unha dura proba para a fe do apóstolo. Dálle as queixas a Xesús, que aínda "andaba pola terra, e chegara a Teixido na compaña de san Pedro". San Pedro "moqueábase" do seu compañeiro, pero Deus compadeceuse e fíxolle a promesa que hoxe é a cerna da nosa lenda: "Ninguén, nin morto nin vivo, se librará" de facer a peregrinaxe ao seu santuario, ou o que é o mesmo, a san Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo.
Exposto o miolo da crenza, o relato vai desenvolvendo os detalles da peregrinaxe: o espazo natural no que remata o camiñar dos romeiros, os camiños que conducen a el, os amilladoiros que os van marcando cos ofrecementos de pedras, as promesas que conducen os crentes ao santuario, os exvotos que se deixan, a herba namoradeira, os xuncos de ben parir, o respectuoso coidado cos animais que poden ser a encarnación dalgunha ánima, a descrición do templo, a proba do anaco de pan, o ramo de san Andrés, as figuriñas de pan... Referencia, en fin, todo obxecto e ritual que ten que ver coa crenza así como o seu valor simbólico. Tampouco esquece o autor as circunstancias históricas da fundación do santuario nin as lendas dos territorios veciños.
O relato comeza centrado na figura do apóstolo como protagonista da súa propia lenda, pero pouco a pouco o texto vai deixando os trazos de creación literaria para irse convertendo en texto divulgativo dun elemento da cultura galega, que arrinca dende os máis recuados tempos da nosa historia e que segue vivo e poderoso na actualidade. O que hoxe é lugar de peregrinación cristiá ou punto de atracción turístico fora xa lugar de culto naturalista en tempos pretéritos.
A natureza ten no conto un protagonismo sobranceiro que engole o elemento humano. Preséntase viva e personificada (característica tradicional na nosa literatura): "A montaña [...] mergullaba os seus pés no mar"; "Ollaban as pedras, falaban as follas, rían as augas, movíanse con vontade de seu o sol, a lúa, as estrelas, o ceo, a terra". Non é un simple escenario onde ocorren os feitos que se contan. É unha forza poderosa, chea de elementos simbólicos, que atrae os seres vivos ao seu seo e condiciona o seu destino. Do seu influxo nin se salva o apóstolo: "No sen fin dun camiñiño [...] demandábao unha voz moi fonda".
Pecha o relato co retorno á figura de san Andrés como dinamizador desa "peregrinaxe singular" que o autor, narrador en terceira persoa, nos acaba de contar.
_________________________________
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (1993). San Andrés de Teixido. Vigo: Ir Indo, (Contos do Castromil nº 24).
Sobre esta empresa de viaxeiros léase tamén os artigos de
- Xosé González Martínez. "Cando a empresa Castromil facía país en Galicia arredor do seu idioma...", Mundiario 20-03-2015: https://www.mundiario.com/articulo/politica/cando-empresa-castromil-facia-pais/20150325142058028580.html
- Marcos Pérez Pena. "100 anos do primeiro Castromil", Praza 30-06-2018: https://praza.gal/cultura/100-anos-do-primeiro-castromil
Ningún comentario:
Publicar un comentario