20.3.16

A confesión de Lúcio (de Mário de Sá-Carneiro). Cuestionario

CUESTIONARIO
para club de lectura de A confesión de Lúcio, de Mário de Sá-Carneiro
Imaxe: Jailson Lima:
Biografía Mário Sá-Carneiro

  1. O suicidio é un tema principal nesta novela. ¿Como se enfoca?
  2. Para o narrador, ¿en que consiste a felicidade?
  3. Caracterizade a vida bohemia do París de finais do XIX: tipos, trazos, medios, profesións…
  4. A expresión “non foi un fracasado porque tivo o valor de esnaquizarse” (p. 16), ¿pode resumir toda unha vida?
  5. Se tiverdes que analizar o modelo de muller da época narrada na novela, ¿que trazos presentaría como definitorios?
  6. ¿De que tipo de poesía se fala na novela?
  7. No mundo artístico da bohemia parisina observamos o predominio de determinadas artes. ¿Cales son? ¿Que temas adoitan tratar?
  8. Segundo o narrador, ¿como é a vida torturada de Ricardo Loureiro?
  9. Relacionade e comentade algúns aspectos da biografía do autor visibles na do protagonista narrador da novela.
  10. Comentade o papel do medo na construción dos personaxes.
  11. A expresión “mentir non é querer menos” (p. 75), ¿que valor pode ter no contexto en que se di?
  12. Imaxinade, partindo da lectura, como sería unha sociedade amoral nas relacións humanas.
  13. No relato dáselle importancia ao tratamento entre amigos: ti / vostede (cfr. p. 75). Comentade este aspecto.
  14. ¿Que é o que realmente tortura o narrador?
  15. Analizade o proceso da relación entre os amantes.
  16. ¿Que efectos ten no protagonista o sentimento de noxo?
  17. ¿Como viven a amizade os personaxes da novela? ¿Cales son as súas condicións e os seus límites?
  18. Cando o protagonista retorna a París e reflexiona sobre o acontecido en Lisboa considera que o seu amigo Ricardo de Loureiro é un home vil. ¿Pode aceptarse esta consideración?

10.3.16

Mário de Sá-Carneiro. A confesión de Lúcio

Imaxe: Hugin e Munin
Lúcio Vaz, narrador e dramaturgo, cumpriu dez anos de cadea polo asasinato do seu amigo poeta Ricardo Loureiro. Lúcio non cometera o crime nin se defendeu da acusación. O seu relato tenta aclarar co estraño da súa actitude e a incredulidade que provoca. O protagonista nin intenta xustificar os seus actos agora como non intentou defenderse antes de ser condenado; só tenta explicar o misterio que o converteu en vítima. Nin o propio protagonista entende a situación vivida e pide ao lector que acepte esa vida na incerteza, nesa franxa imprecisa entre a realidade e o misterio. A voz narradora confesa que non é doado entender —nin crer— o relato que vai desenvolvendo.
Nesa franxa de incerteza vai gañando protagonismo a figura de Marta, fermosa muller chea de misterio, de pasado descoñecido para o narrador. Está casada con Ricardo Loureiro, pero mantén relacións extraconxugais cos seus mellores amigos. O narrador cre que o marido ten que coñecer estas relacións e mesmo sospeita que as fomenta. O lector non se sente especialmente estrañado da situación dado o ambiente amoral no que se moven os personaxes, pero si pola razón de tales relacións: Ricardo Loureiro, incapaz de corresponder ao afecto dos amigos, válese da entrega da muller como sucedáneo. A decepción que provoca esta situación acelera o inexplicable desenlace: Ricardo dispáralle a Marta, pero o único cadáver que aparece na escena é o del. Cumprida a condena, o narrador remoe a experiencia na soidade da vida no campo.
Os personaxes da novela presentan uns trazos que fan visible o autor. Os estudosos da literatura portuguesa (Saraiva, Lopes, Barreiros, entre outros) coinciden en sinalar fundamentalmente dúas:
  • A angustia: os personaxes, o mesmo que o creador, viven nun permanente desencontro consigo e co mundo; nin eles entenden o mundo no que viven nin o mundo os entende a eles; séntense desprezados como persoas e como artistas. A vida angustiada e dispersa que levan condúceos ao suicidio, que se presenta na novela como solución ao fracaso.
  • O egotismo: visible na adopción do punto de vista (narrador en primeira persoa) pero sobre todo na actitude do narrador, que se erixe en intérprete único da súa historia, da súa obra e da dos seus amigos.
Ambas as dúas características son unha boa base para provocar a
  • Frustración, que pode levar a acabar coa vida ou a destruír a obra, caso do noso protagonista.


Dictiografía

Mário de Sá-Carneiro, A confesión de Lúcio. Santiago de Compostela, Vólvense os paxaros contra as escopetas, 2013. Tradución de Benxamín Constante.