Estas últimas semanas déronnos noticias literarias ben tristes e ben ledas, case que sen termo medio.
A gadaña deixounos sen Ramiro Fonte na flor da vida, coma quen di. Unha triste desgraza a deste país, que conta por moreas as mortes prematuras. De Ramiro Fonte quédanos unha obra significativa, mais canda o pesar que causa a despedida da persoa queda tamén a mágoa pola obra que aínda tiña por facer.
No mundo da nosa literatura seguen as opinións críticas encontradas. Miguel Anxo Fernán Vello recolle tres: a de Francisco Rodríguez (desta vez crítico pesimista), a de Carod Rovira e a de Rexina Vega. O autor do artigo comparte o parecer da escritora: somos un país pobre en xente e recursos económicos, pero temos motivos para estar orgullosos do noso discurso literario. A maior abondamento, M.A. Fernán Vello remacha o tema noutro artigo afirmando: "Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto
-coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non
ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación
literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da
sociedade -e sobretodo no plano estético- á que inicialmente vai
dirixida. E mesmo moi por riba de sectores sociais cultos e galeguistas, e nacionalistas, que simplemente non len".
Quen teña ollos para ler, que lea. Aínda que os que len non son o obxectivo destas palabras.
En teatro destacan os dous premios gañados por Teresa González Costa: o Álvaro Cunqueiro por Sempre quixen bailar un tango, e o Manuel María por Pingueiras e tarteiras.
Entre os narradores, salientamos a presentación da novela de Pacho Blanco, gañadora do Torrente Ballester.
Murado e Reimóndez estiveron pola feira de Frankfurt, nunha aposta por facer máis internacional o libro galego.
Rivas, xa un clásico entre nós, triunfa en Francia con L'ÉCLAT DANS L'ABÎME. Mémoires d'un autodafé (Os libros arden mal). A prensa francesa fixo unha boa recepción da novela.
O Premio Nacional de Ensaio mereceuno Beramendi, pola obra De provincia a nación. Historia do galeguismo político.
Faro de Vigo dá noticia da edición bilingüe de Eume, de César Antonio Molina.
Unha das noticias máis gozosas está relacionada con Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura infantil pola obra O único que queda é o amor . La Voz, o mesmo que El País, dan a noticia sinalando o título da obra galardoada. O Galicia Hoxe ofrécenos unha entrevista co autor. Na entrevista d' El País e mais na do Faro de Vigo o autor ten palabras de agradecemento para os seus lectores, ós que considera o auténtico galardón.
No eido da poesía destaca a publicación dos poemarios Nadja c'est moi e Amebas, de Xosé Luís Mosquera Camba, cos que conseguiu o premio de Carral e o accésit do Esquío.
Imaxes den La Voz de Galicia, Editions Gallimard, Xerais blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario