30.3.10

Chamádeme Simbad. Cuestionario

Cuestionario-guía para o club de lectura de:
Francisco Castro, Chamádeme Simbad, Vigo, Galaxia, 2009.

CUESTIONARIO
  1. Redacta nunhas 5-10 liñas o argumento da novela.
  2. Seguindo a liña argumental, ¿en cantas partes se estrutura a novela? Sinálaas e xustifica a túa análise.
  3. Os protagonistas -avó e neto- están afastados pola idade, pero aseméllanse noutras cousas. Cita e explica algunhas delas.
  4. O avó padece alzhéimer. a) Describe a enfermidade cos datos que che dá a novela. b) Completa a descrición con datos doutras fontes.
  5. Cita e describe os dous xogos principais ós que se dedican avó e neto cando están xuntos.
  6. O pai de Paulo nega a existencia do tío Bernardino. ¿Por que?
  7. O pai de Paulo e o móbil. ¿Está de psiquiatra o pai de Paulo?
  8. No grupo familiar semella que cada membro ten asignado un papel que comporta dereitos e obrigas. a) Analiza -sempre seguindo a novela- cada un deses papeis. b) ¿Hai algún membro que non cumpre co que se espera del? Xustifica a resposta.
  9. Na novela atopamos personaxes con actitudes egoístas e con actitudes xenerosas. Pon algúns exemplos.
  10. Paulo di: "Non quería que ninguén soubese o triste que estaba. Pero os piratas non choran" (p. 37). ¿Que opinión che merece esta postura do neno?
  11. O Simbad do conto do avó, ¿de que cidade era? ¿Que sabes dela?
  12. O pai de Paulo considera que contar historias é unha perda de tempo (p. 52). ¿Compartes esta opinión?
  13. Na carta que o avó envía a Simbad di que "a vida é unha aventura". ¿Por que define a vida así?
  14. Cando o avó fala de que os filibusteiros lle queren afundir o barco, ¿a que dúas cousas se refire?
  15. As fotos do avó na Taberna do Pirata, ¿en que década se sitúan? ¿Que sabes desa época?
  16. a) ¿Cal é a verdadeira razón pola que foxe o avó da casa? b) ¿Por que a policía non dá con el?
  17. ¿Cal é a reacción do neno cando sabe que lle ocultan os problemas?
  18. Repara na figura do avó. ¿En que consiste para el a felicidade?
  19. ¿Poderías dicir se a novela ten un final feliz?
Procedencia das imaxes: Editorial Galaxia (capa) e Manuel Craneo.

9.3.10

Noticias de literatura-76

Suso de Toro escribe en Luces (El País, 19-2-10) un artigo que nos lembra o editor Ánxel Casal:
"Publicar todas aquelas obras que estando escritas na nosa fala contribuian de calquera xeito ao seu máis grande uso sen perder o tempo en disquisicións inúteis. Nós pensa, e así o practica, que hoxe en galego hai que escribir de todo e para todos".
Óscar Iglesias reseña no mesmo medio Luís Pimental. Obra completa (Galaxia). O artigo achégase á figura do poeta lugués dende distintas ópticas críticas.



Pinto & Chinto publican Os oficios de Chuquelo (Galaxia):
Explican Pinto & Chinto que en certo sentido este can é como «a outra cara de tantos cans protagonistas e que tanto axudan aos humanos en profesións como a de policía ou a de bombeiro». Este, segundo o dúo, é «un can con problemas de traballo estable e que, para compensar os seus fracasos, ten un comportamento moi humano: utiliza a comida para compensar» (lemos en La Voz de Galicia, 19-2-10).
Yolanda Castaño reedita Punver:
A estrutura da obra resulta sinxela, pero chea de matices que van xurdindo ao longo da narración, precisamente, polas leas nas que se mete Punver debido á súa forma de ser. “Trátase dun único relato poético, como no primeiro libro, e pola súa personalidade tan despistada van aparecendo os sucesos, un despois do outro, até que se chega a unha solución final”, conta a poeta.
Esta personaxe non trata de ser unicamente un xeito de aproximar os nenos á poesía, senón que tamén hai moito da propia Castaño nela. “É unha homenaxe a todos eses libros de poemas que lin de pequena e supoño que moita culpa ten en todo isto Gloria Fuertes, por todos eses libros que lin cando era nena e que me engancharon” (Xornal de Galicia, 3-3-10).
Eva Moreda gaña o Premio Narrativas Quentes coa novela Organoloxía:
Organoloxía convértese na quinta obra de Moreda. A autora asturiana, licenciada en Filoloxía Clásica e Musicoloxía e que actualmente prepara a tese de doutoramento en Historia da Música na Universidade de Londres, publicou xa Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota (1997), coa que conseguiu o premio Rúa Nova 33 que organiza a Fundación Caixa Galicia; O demo e o profundo mar azul (2003), Singularis Domitilla (2004) e O país das bestas (2009).
Entrevista con Eva Moreda no Xornal de Galicia (4-3-10). Artigo de Montse Dopico sobre Eva Moreda e Organoloxía no Galicia Hoxe (9-3-10).
Lista de Honra do IBBY: Agustín Fernández Paz con O único que queda é o amor e Ignacio Chao pola tradución de A noite d'O Risón (Gonzalo Moure). Tamén vemos a noticia no Galicia Hoxe e Galiciaé.
Blanco-Amor: Galaxia anuncia a publicación da edición restaurada d' A esmorga:
Escrita realmente entre os meses de maio e outubro de 1955, A esmorga quíxoa publicar ao ano seguinte editorial Galaxia, logo do xuízo eloxioso de Ramón Piñeiro, o seu director literario, probablemente o primeiro lector da novela na nosa terra. Porén, a censura opúxose frontalmente a que o libro saíse en Galicia. O falanxista Miguel Piernavieja del Pozo, censor que avaliou a mediados de 1956a obra, ditaminou que se empregaba nela un "lenguaje soez", polo que A esmorga tivo finalmente que ser publicada en Bos Aires no ano 1959 pola editorial Citania (Galicia Hoxe, 5-3-10).
Sobre o nomadismo do premio Blanco-Amor, véxase este artigo de Alberto Ramos no Xornal de Galicia.
Manuel Darriba: Branco (Galaxia). Unha achega á novela de Xavier Castro Rodríguez:
Hai en Branco un xogo entre xornalístico e literario que non deixa indiferente. Brevidade e precisión narrativa como alicerces informativos e a opinión reservada á conmoción do lector. Tampouco está ausente un percorrido cinematográfico composto por imaxes intensas que centran o instante de cada breve episodio, case bosquexos, que o lector será quen de compoñer na súa totalidade (Galicia Hoxe, 6-3-10).
Camiñan descalzas sobre as rochas (TrisTram), un libro a prol dos dereitos humanos:
A violencia sexual, o maltrato de xénero, os abusos sexuais nos conflitos armados ou a violación como arma de guerra, son algunhas das temáticas que abordan os relatos de Camiñan descalzas polas rochas (Vieiros, 7-3-10).
Neira Vilas presenta Cartas de vellos amigos. Correspondencia 1959-1998 (Galaxia):
Los remitentes de estas cartas son importantes personalidades de la cultura gallega como Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro o Carlos Velo, entre otros. Por ello, se configura como un documento que refleja una parte de lo que se vivía en Galicia a nivel cultural en la segunda mitad del siglo XX.


Imaxes: La Voz de Galicia, Galicia Hoxe, Vieiros.

7.3.10

Sorrisos e boa colleita

Anúnciase este libro colectivo como "unha homenaxe dos humoristas gráficos ao noso rural", e publícase no primeiro aniversario do Banco de Terras (Bantegal). Sinalamos que tamén é unha homenaxe ós propios humoristas gráficos.
Coordina a obra o veterano Xaquín Marín e na relación de colaboradores atopamos uns corenta nomes, todos moi coñecidos, que non imos enumerar agora. Os traballos desta homenaxe preséntanse a dobre páxina: na dereita, a viñeta; na esquerda, unha breve ficha bioblibiográfica do artista que participa na homenaxe.


O conxunto dos "monos" dános unha visión do campo dende diversas ópticas: a simbólica (Rubín, Seijas, Cráneo), a técnica, a urbanita (co seu concepto idílico ou turístico do rural) ou a vivencial.
Tamen nos permiten as viñetas facer unha boa relación dos problemas que afectan ó rural: especulación urbanística, crise económica, empresas enerxéticas, o minifundio (retratado na lingua: Carrabouxo, Fausto),  crise do leite, mecanización, despoboación, incendios, transxénicos, informatización e novas tecnoloxías, política...


Destacan como valores inmutables a calidade dos produtos (Dávila) e o valor educativo da vida rural (Quesada).
Sobre os personaxes teño que recoñecer a miña debilidade por Floreano e a súa gorra (Gogue). Na obra atopamos a este pasatista da vida preocupado, coma sempre, polos problemas de fondo. Aquí recoméndanos regar con viño para aforrar a auga, "que é un ben escaso".

Falaron do libro:

Xaquín Marín (coord.), Sorrisos e boa colleita, Bantegal, 2008.
Imaxes de culturagalega.org