Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Casares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Casares. Amosar todas as publicacións

6.3.17

Carlos Casares. O galo de Antioquía

Imaxe: Editorial Galaxia / Andrés Meixide
Antonio Madarro, O Calatrón, home de xenerosa humanidade, ferreiro de oficio, empezou a poñer ovos ao tempo que lle proían os rebentos de plumas nas costas. Estas cousas raras metéronlle o medo na alma e correu a pedir axuda ao seu cura párroco, don Marcelo López, quen, por súa vez, estrañado e compadecido pediu axuda ao párroco dunha freguesía veciña, don Luís Romasanta, amigo seu dende os tempos do seminario. Este último denunciou o caso perante a Inquisición (non se cita directamente no conto) e o pobre do ferreiro rematou levado á fogueira “o 2 de xullo do ano 1645”. O auto celebrouse na Praza Maior de Xinzo. O ferreiro saíu da fogueira convertido en galo e marchou voando cara ao “campanario de Antioquía” (lendaria cidade asolagada na lagoa Antela) coa intención de chegar a tempo para “cantar o quiquiriquí das doce”.
Como nos di Hakan Casares Berg na introdución para á edición de 2003:
“O conto de O galo de Antioquía ten, ao meu parecer, elementos esenciais da prosa do meu pai e tamén da súa personalidade. En canto ó humor, compartía na súa vida e cando escribía o gusto polas situacións absurdas e surrealistas, os personaxes pintorescos, dos que por certo moitos eran de Xinzo, e tamén os curas. O outro tema deste conto é esa concepción da intolerancia como o gran mal das persoas, xerme do fanatismo, da violencia, da inxustiza e do sufrimento. O galo de Antioquía recolle estes dous elementos para contarnos unha historia fermosa”.
Ilustración de Andrés Meixide
Neste relato breve atopamos un trío de personaxes que, en versións diferentes, resulta habitual na narrativa casariana: unha vítima, un inquisidor e un amigo que comparte máis ou menos directamente os padecementos daquela. Neste conto, respectivamente, o ferreiro, don Luís e don Marcelino. Os dous últimos, sacerdotes. Física e moralmente contrapostos, a parella de curas amosa as simpatías e antipatías do autor. Don Marcelo lémbranos o protagonista de Ilustrísima: hedonista, amigo do bo comer, xeneroso e compadecido. A don Luís debúxanolo fisicamente feble, bo coñecedor dos libros pero escaso de calor humana: no desenlace do conto actúa como un frío inquisidor que considera o tormento e a execución como vontade divina; por contra, ao pedazo de home que é don Marcelino, na cinematográfica escena final, o ferreiro velle os ollos cheos de bágoas. Nesta escena, o autor fai pasar ante os ollos do protagonista toda a súa vida: os feitos relevantes, as amizades, as inimizades, o amor frustrado… Na cacharela do auto de fe, a omnisciente voz narradora salienta a paz interior do ferreiro.
Ilustración de Andrés Meixide
O conto presenta unha estrutura pechada. Inicio e remate constitúen unha mesma escena. A conversión final do ferreiro en galo e a súa fuxida para unha cidade imaxinaria fornecen o lector dun final esperanzador, non todo remata na fogueira do escurantismo e da intolerancia, aínda que esa circunstancia só sexa posible nun espazo lendario.
Podemos considerar un precedente deste conto “O alquimista Caaveiro” (Os escuros soños de Clío, 1979). Tamén aquí achamos un protagonista chamado Antonio, que puña ovos e que foi executado pola mesma época có ferreiro. Pero fóra destes e dalgún outro pequeno detalle, ambos os relatos son moi diferentes no ton, na estrutura e no argumento. Tampouco se atopa no relato do alquimista o humor e a ironía que rezuma o protagonizado polo ferreiro.
_____________________________
Unha boa axuda para entender a lenda que serve de base a este conto podémola atopar no artigo de Ladislao Castro Pérez e Manuel García Valdeiras, “El simbolismo del gallo en el Noroeste peninsular, de la protohistoria a la tradición Jacobea”, Minius VI, pp. 29-39. (Ligazón enriba).

21.2.17

Carlos Casares. Un polbo xigante


Imaxe: culturagalega.org
Despois dunha morea de anos vivindo fóra, o narrador regresa á vella casa dos pais. O regreso aviva o remol da memoria e lembra unha historia da que fora testemuña cando aínda era neno: a desaparición do criado Nicolás, arrastrado por un polbo que non era outro que a reencarnación do xastre de Agüeiros. O xastre, amigo de esmorgas, levouno de compañeiro de brincadeiras por eses mares do mundo.
Andando os anos, a razón caeu do lado dos escépticos: Nicolás marchara por vontade propia para Bos Aires e tornou ao país cando lle petou ou boamente puido.
O conto convértese nunha reflexión sobre a literatura. O desenvolvemento da historia é un debate entre o narrador e Delfina, un debate entre a obxectividade e a imaxinación. O primeiro trata de ofrecer os feitos tal como foron (ou iso considera) e a segundo tenta iluminar coa súa razón o que se move no mundo insondable do misterio. Para converter as súas afirmacións en verdades incuestionables, Delfina emprega os recursos argumentativos clásicos: apóiase en casos coñecidos, cita a autoridade dos veciños que foron testemuñas, bota man de explicacións plausibles a falta doutras mellores, contraargumenta para neutralizar as reticencias do rapaz e, por se todo iso non abondase, remacha os razoamentos con algún contundente apóstrofe do seu amplo repertorio (burricán, herexe, salvaxe, primo de Satanás, animal, ánima en pena, porco de Cristo, carneiro, cabra, purpurito, burra vella, insensato, pecador).
Malia o testáns que resultan ser os datos obxectivos, o mundo da imaxinación non sempre se dá vencido. Debate á parte, o discurso de Delfina tamén tenta dar consolo á muller de Nicolás, cargada con cinco fillos, agora “viúva” de vivo (en máis dunha das acepcións do adxectivo) e, pasados os anos, tórnase consello útil para o narrador para que tome as precaucións precisas ante situacións potencialmente perigosas.
Entre os feitos narrados e o momento da narración pasaron polo menos vinte anos. Por iso o lector ten a sensación de estar escoitando unha voz narradora infantil. Ademais do paso do tempo, que fai deste conto un exercicio de memoria, achamos outros elementos habituais na narrativa de Casares. O primeiro deles, esa ventá de vidros transparentes que permite enxergar o mundo tal como é. En segundo lugar, os espazos --interior e exterior-- coñecidos, mesmo familiares, onde se moven personaxes aquecidos por relacións afectivas.
Na encrucillada do realismo e o misterio xa se ten atopado o autor sendo neno, como nolo conta n’Un país de palabras. E se ben opta dende ben cedo por un modelo literario realista, o remate d’Un polbo xigante semella levarnos á conclusión de que a vida non sempre se goberna polas frías luces da razón.

Sobre este conto fálase en:

  • Un polbo xigante. Ficha do conto e ligazóns extras na páxina do Consello da Cultura.


Carlos Casares, Un polbo xigante. Vigo, Galaxia, 2000. Ilustracións de Luis Castro Enjamio.

30.1.17

Carlos Casares. Un país de palabras

“Eu creo que os escritores témo-la nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explica-lo mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso. Estes ensaios son reflexións, pero nas que reflexiono narrando, sobre literatura, sobre outros escritores, sobre pintura. Verémo-lo que sae de aí. Polo menos espero que a xente non se aburra”.
(Ana María Platas Tasende, “Conversación con Carlos Casares”, Revista Galega do Ensino nº 21, novembro de 1998.




Capa 1ª edición
Un país de palabras (1998) acolle quince textos de temática variada e amplo marco cronolóxico de xestación. Algúns deles fan referencia a unha data concreta (1926, 1962, 1964, 1967, 1977, 1980), outros móvense sen referencias temporais ou sen concreción temporal (“hai anos”, “nunha ocasión”). Dende o punto de vista didáctico admiten unha variada etiquetaxe porque son á vez textos literarios, ensaísticos, de crítica literaria, de análise social,memorialísticos ou mesmo anecdóticos. Un país de palabras ofrécenos, á fin de contas, o país que o autor tivo ante os ollos, visto de xeito global ou particularizado nalgúns dos seus persoeiros.
Amigos e coñecidos teñen acollida nestas páxinas: Ramón Piñeiro --por suposto--, Basilio Losada, Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Miguel Torga, V. S. Naipul, Torres Queiruga… Constitúen a primeira malla dunha rede que se vai estendendo a outras figuras coas que suxiren ou establecen algún tipo de relación que serve para explicar ou ilustrar unha obra, un feito, unha actitude.

Dado o principal oficio de Casares, non resulta estraño na obra o peso dos escritores: de Torrente Ballester ocúpase en dous textos; noutros dous, de Otero Pedrayo; Cunqueiro, Risco e Piñeiro ocupan a cada un seu, sen contar as amplas referencias a escritores que hoxe son alicerce da literatura universal. Tampouco esquece a súa propia obra: en “A maquillaxe dun bispo”, vencidos os reparos que lle produce a seriedade académica, o autor descríbenos a construción do personaxe principal de Ilustrísima (1980).
Imaxe: Editorial Galaxia
As reflexións sobre a literatura están esparexidas pola obra de Carlos Casares, ademais de en entrevistas e conferencias. N’Un país de palabras achamos o miolo da súa propia teoría da creación literaria, da que podería dicirse que foi unha busca que lle durou toda a vida. Xa de neno se atopou na encrucillada de dous estilos narrativos:
“Tal vez foi a inxenuidade á que me refería antes a que me levou a narrar os meus primeiros contos da mesma forma que o meu avó me contaba os episodios máis destacados da súa longa vida, é dicir, mantendo a orde que seguiran no seu desenvolvemento real” (p. 136).
Non fai falla sinalar que se trata de relatos orais. O trazo da oralidade considérase unha característica xeral da súa narrativa. Con todo, “as maneiras de narrar de meu avó e da miña avoa diferían de forma radical” (p. 138). Mentres el enche as historias de feitos reais, datados, vividos ou presenciados, ela opta polo misterio, o medo, o inconcreto e atemporal. “Entre estas dúas formas de contar, sempre me seduciu a primeira, talvez porque a miña curiosidade infantil se sentía máis atraída pola concreción atraente do real que pola vaguidade neboenta do fantástico” (p. 139). Andando o tempo, esta escolla máis ou menos inconsciente acabaría caracterizando o labor narrativo do autor: “En termos técnicos considérome un narrador lineal, o que non ten para min outro significado que o puramente instrumental, nunca o dun valor estético de tipo estrutural” (p. 140).
As reflexións sobre o carácter do escritor son unha constante ao longo da vida de Casares, e saltan ao falar doutros autores e obras. Lembremos a imaxe do diamante pulido ou en bruto cando fai a comparanza entre Castelao e Otero, ou cando cita, entre outros, os chamados “viaxeiros de cheminea”, acusados de impostores porque inventan lugares que non coñecían. Casares apostila: “Hai realidades que só poden ser comprendidas desde a literatura, nunca desde a reportaxe ou a crónica” (p. 60).
Idea semellante desenvólvese, ao tocar o tema da sinceridade do escritor, no texto “O día que me regalaron a Miguel Torga”. O portugués non comparte a máxima pessoana que reza que “tudo poeta é um fingidor”. Así e todo, a creación literaria imponse:
“Para esta, todo escritor é un manipulador, un fabricante de artificios, mesmo cando manexa aquelas palabras que ten máis preto do corazón, como as que emprega para escribir o seu diario. Pero tamén as outras, as que utiliza nas súas memorias ou nas súas novelas. Non hai ilusionismo sen truco. O máis que se nos pode pedir, como nos ocorre cos magos, é que non se note” (p. 33.
No remate de contas, n’Un país de palabras atopámonos ante un escritor seducido pola literatura, e a ese reino da literatura, como el mesmo admite, pertence o corazón do home.


Falan da obra

Carlos Casares, Un país de palabras. Vigo, Galaxia, 1998.

3.1.17

Carlos Casares. Achegas na rede

Foto: Real Academia Galega
Designación da Real Academia Galega


Sobre o autor

  1. Carlos Casares. Ficha do autor na Galipedia. Véxase tamén a bibliografía sobre a súa obra.
  2. Páxina web da Fundación Carlos Casares.
  3. Á marxe do tempo. “Este blog recupera o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia, dende 1992 ata 2002, baixo o título de «Á marxe»”.
  4. Xesús Fraga, “Queremos tanto a Carlos”, La Voz de Galicia, 10-07-2016.
  5. Carlos Casares, unha vida en imaxes”, La Voz de Galicia, 09-07-2016.
  6. Ramón Loureiro, “A derradeira entrevista a Carlos Casares, en imaxes”, La Voz de Galicia, 09-07-2016.
  7. Ramón Loureiro, “Carlos Casares: ‘A literatura non ten por que gustarlle a todo o mundo’”, La Voz de Galicia, 09-07-2016.
  8. Ramón Nicolás, “Abrazar e seducir a palabra”, La Voz de Galicia, 10-07-2016.
  9. César Casal. “O noso Xavi Hernández”, La Voz de Galicia, 10-07-2016.
  10. Víctor F. Freixanes, “Carlos Casares”, La Voz de Galicia, 10-07-2016.
  11. Christian Casares, “O que un fai na soidade”, La Voz de Galicia, 10-07-2016.
  12. Ramón Loureiro, “As palabras de Casares”, La Voz de Galicia, 10-07-2016.
  13. R. Romar entrevista a Hakan Casares, La Voz de Galicia, 11-07-2016.
  14. María Canosa, “Palabra de Casares”, La Voz de Galicia, 11-07-2016.
  15. Inma López Silva, “Carlos, o sedutor”, La Voz de Galicia, 11-07-2016.
  16. Xesús Fraga fala con Víctor F. Freixanes sobre a figura de Carlos Casares, La Voz de Galicia, 25-07-2016.
  17. Eduardo Fra Molinero, “Nin colonia nin champú”, La Voz de Galicia, 20-07-2016.
  18. Xosé Manoel Rodríguez entrevista a Xavier Casares, La Voz de Galicia, 08-01-2017.
  19. Camilo Franco entrevista a Ángel Basanta, La Voz de Galicia, 06-09-2012. 
  20. "Ourense crea un roteiro polos espazos de Carlos Casares", La Voz de Galicia, 25-01-2017. 
  21. Rodri García, "Últimas conversas con Carlos Casares", La Voz de Galicia, 20-03-2017.
  22. Tamara Montero, "Galaxia edita a primeira biografía do 'xigante' Carlos Casares", La Voz de Galicia, 21-03-2017.
  23. IES Carlos Casares, As estrelas máis estrelas de todas as estrelas. El Correo Gallego, 04-04-2017.
  24. Xesús Fraga, "A viaxe ferroviaria de Carlos Casares arredor da creación literaria e as ideas", La Voz de Galicia, 24-04-2017.
  25. Xesús Fraga, "Carlos Casares, de pioneiro a clásico",  La Voz de Galicia, 13-05-2017.
  26. Xesús Fraga, "Casares, o inimigo de ninguén", La Voz de Galicia, 14-05-2017.
  27. Xesús Fraga, "Casares, a intrahistoria dun académico", La Voz de Galicia, 25-05-2017.
  28.  Carlos Ocampo, "O señor que non quixo esquecer o neno. Claves para estudar a Carlos Casares", La Voz de Galicia, 26-04-2017.
  29. "Sobre Carlos Casares", El Correo Gallego, 30-04-2017).
  30. Francisco Díaz-Fierros, "Casares e a cultura científica",  La Voz de Galicia, 12-05-2017.
  31. Xavier Alcalá, "Casares e a telemática", La Voz de Galicia, 12-05-2017.
  32. A. Blasco, "Día das Letras Galegas 2017. O galego que logrou o desexo de ser querido", Faro de Vigo, 13-05-2017. 
  33. Antón Riveiro Coello, "Carlos e o teatro",  La Voz de Galicia, 14-05-2017.
  34. Alfredo Vara, "Carlos, referente", La Voz de Galicia, 16-05-2017. 
  35. "La Voz presentou na Real Academia Galega o seu libro sobre Carlos Casares", La Voz de Galicia, 16-05-2017.
  36. R. Castro entrevista a Henrique Monteagudo, biógrafo de Carlos Casares, Sermos Galiza, 16-05-2017. 
  37. Joaquim Ventura, "A memoria  miúda. Carlos Casares: capacidade evocativa", Faro de Vigo, 17-05-2017.
  38. Laura Piñeiro Pais, "Abrentes de esperanza. Carlos Casares, poeta de poetas", Faro de Vigo, 17-05-2017.
  39. Armando Requeixo, "Príncipes, vellos e escaravellos. Arredor do Carlos Casares tradutor", Faro de Vigo, 17-05-2017.
  40. Xesús Alonso Montero, "Irmau que nos mataron. Guevarismo e marxismo na obra literaria de Carlos Casares", Faro de Vigo, 17-05-2017.
  41. Especial Carlos Casares. Día das Letras Galegas 2017, El Correo Gallego, 17-05-2017. 
  42. Marcos Pérez Pena, "O día que Viana do Bolo se desculpou ante Carlos Casares",  Praza Pública, 18-05-2017.
  43. Francisco Rodríguez Sánchez, "Enfadado? Non. Asombrado!",  Terra e Tempo, 24-05-2017.
  44. Karmele Vázquez, "A RAG abre o seu arquivo e publica escritos históricos sobre Casares", El Correo Gallego, 25-05-2017. Véxase tamén: "A máis rexa personalidade da nova vida xeracional galega" entra na Academia.

Sobre a obra

  1. Mariluz Ferreiro, “O mundo nunha mazá”, La Voz de Galicia, 11-07-2016.
  2. Carlos Casares en estado puro”, La Voz de Galicia, 02-08-2016.
  3. Mila Méndez / Álex L. Benito, “Os artigos cos que Casares chegaba á casa de tódolos galegos”, La Voz de Galicia, 06-08-2016.
  4. Laura Piñeiro Pais, "Identidade e alteridade en Vento ferido de Carlos Casares", Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, vol 18, 2015.
  5. Vento ferido (filme), web uvigo.es
  6. Saúco Fernández, “Carlos Casares: Unha viaxe de ida e volta pola literatura galega”, La Voz de Galicia, 06-08-2016. 
  7. Anxo Tarrío Varela, "A obra narrativa de Carlos Casares", Revista Galega do Ensino nº 38, 2003. 
  8. Iolanda Galanes Santos, "Carlos Casares y la traducción: obra dispersa e inédita", Quaderns. Revista de Traducció nº 21, 2014.
  9. Denis Vicente / Nerea Sarmiento, Unidade didáctica literaria e cinematográfica de Vento ferido. Universidade de Vigo.
  10. Xoguetes para un tempo prohibido. Galipedia: ficha da novela e ligazónz relacionadas.
  11. Os escuros soños de Clío. Ficha da obra na Galipedia e ligazóns relacionadas cos relatos.
  12. Ilustrísima. Análise da novela na Galipedia.
  13. Javier Goñi, "Carlos Casares publica una novela contra la violencia y la intolerancia",  El País, 16-01-1997. [Presentación da edición en castelán de Deus sentado nun sillón azul (1996)]. 
  14. Ana Luna Alonso, "El Manuscrito inédito de O Principiño. Un texto fundacional de la literatura gallega traducida", Cédille. Revista de estudios franceses nº 11, abril de 2015. 
  15. Camiño Noia, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra (ed.), Actas Simposio Carlos Casares. Fundación Carlos Casares. 
  16. J. G., "A tradución de Ilustrísima proxecta internacionalmente a obra de Casares",  La Voz de Galicia, 16-05-2017.


Actividades varias / efemérides
  1. Karmele Vázquez, "Un roteiro percorre as rúas de Ourense coa obra de Casares", El Correo Gallego, 19-02-2017.
    Imaxe:
     O xogo de Leoncio/Faro de Vigo
  2. M. Mato, "El universo Casares salta a tableros de juego creados por alumnos", Faro de Vigo, 05-05-2017. 
  3. "Carlos Casares nas páxinas de La Voz",  La Voz de Galicia, 10-05-2017.
  4. Jesús Garrido, "Carlos Casares multidisciplinar", La Voz de Galicia, 10-05-2017.
  5. "Talía leva a escena a novela de Casares Os mortos daquel verán" , Sermos Galiza, 12-05-2017.
  6. Víctor F. Freixanes, "Dúas celebracións", La Voz de Galicia, 14-05-2017. 
  7. "Unha lareira ourensá na Academia" , La Voz de Galicia, 16-05-2017.
  8. Elva Otero, "Guía imprescindible para espremer a Festa das Letras en Compostela",  El Correo Gallego, 16-05-2017.
  9. Rita Álvarez Tudela, "Londres rinde homenaje a Carlos Casares", La Voz de Galicia, 22-05-2017.