7.7.17

Amadeo Cobas. A cacería

Imaxe: A cacería / Edicións Xerais
1. Zairo, protagonista e narrador desta historia, está a vivir un momento fundamental na súa vida. Vai participar na primeira gran cacería. É un acto transcendental para calquera membro da tribo: recibe o agasallo dunha lanza e deixa de ser neno para ser considerado home; terá que demostrar que ten valor para arriscar a vida e intelixencia para saber conservala. A cacería tamén é unha actividade social: os máis fortes saen á procura da mantenza de toda a tribo. Por iso son recibidos con solemnidade cando regresan á aldea.
Pero desta vez o regreso dos cazadores só atopa morte e destrución, e consideran cativada a xente que non está entre os cadáveres. Non teñen nin idea de quen puido ser o inimigo nin Consello de Sabios que os poida dirixir en semellante transo. Cómpre enterrar os mortos e reaccionar axiña para evitar que a tribo desapareza.
Reorganízanse e inician a persecución dos atacantes seguindo máis a intuición que as pegadas que deixaran. Zairo está advertido por seu pai: aínda ten moito que aprender e debe pór especial coidado en gardarse do inimigo da casa.
Durante a persecución van cruzando territorios doutras tribos, coas que fan intercambios de mercadorías e ás que lle piden información e axuda. Na terra dos agricultores identifican o inimigo (as xentes das sombras) e Zairo coñece a Killari, que se converterá no amor da súa vida. A rapaza e uns cantos labregos incorpóranse voluntariamente á persecución das xentes das sombras. Para Zairo e para ela esta será a verdadeira cacería iniciática.
A proximidade do inimigo causa as primeiras baixas no grupo perseguidor e obriga a reorganizar a marcha. No primeiro combate, Zairo, atenazado polo medo, está a piques de ser abatido, pero Killari sálvalle a vida.
As disensións entre os membros do novo Consello forzan un cambio de xefe e de estratexia que non tardará en resultar prexudicial para os reféns en poder das sombras.
Nos momentos decisivos reciben a inesperada axuda duns estraños guerreiros mouros, que montan cabalos moi grandes e coñecen ben o inimigo común. Avísanos da súa estratexia e ofrécenlles un antídoto contra o veleno dos seus dardos.
A tribo de Zairo vence na cruenta batalla final. O rapaz rescata a súa irmá das gadoupas do inimigo, pero na situación caótica da loita non dá atopado a súa nai. Si descobre o menciñeiro atado a unha árbore para que o coman os bechos.
O camiño de retorno tampouco vai ser doado. Zairo debe encargarse do xefe que leva secuestrada a súa nai. Bota man de novas tácticas para provocar o desánimo entre os seguidores do tirano. Vencido o inimigo da casa, os cadáveres dos líderes serán enterrados nun lugar descoñecido para evitar a influencia que puidesen ter despois de mortos.
O matrimonio de Zairo e Killari suporá tamén a alianza dos seus pobos e o soño dun futuro en harmonía.

2. A cacería é unha novela de formación. O protagonista describe a organización social da tribo e o exercicio do poder. Participa activa e directamente na loita polo poder. Xa convertido en xefe, Zairo sabe que o uso arbitrario do poder leva á infelicidade; o poder non ten sentido se non se aplica a mellorar a vida do común.
Ademais de técnicas de guerra e o exercicio da responsabilidade, o protagonista vai aprendendo a xestionar os afectos e outras cousas miúdas da vida. Todo un conxunto de habilidades que comporta o proceso de pasar de meniño a home feito.
O autor estrutura o relato que nos conta este proceso en sete partes que forman un monllo de 31 capítulos de grande dinamismo narrativo.

3. Falan d’A cacería


Amadeo Cobas, A cacería. Vigo, Xerais, 2016. V Premio Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Ribeira”.

3.7.17

Rolda pola república das letras-186. Xuño de 2017

En referencia ao Cantar de Valtario, escrito no século X, está considerado como un dos máis grandes exemplos da literatura latina medieval. Con 1.400 versos presenta unha moi difícil fusión entre "a tradición xudeo cristiana, o latín e o carácter xermánico".
O Cantar de Ruodlieb escrito tamén en Alemaña un século despois, pode considerarse como o primeiro libro de cabalaría. "Foi pioneiro aínda que con éxito escaso, pero presenta a primeira escena de danza da literatura medieval, o primeiro anano, o primeiro saúdo cortés, e aquí aparece tamén o xogo do xadrez" apuntou (Karmele Vázquez, El Correo Gallego, 02-06-2017).
[...] Salvador é a capital de Baía, no Brasil. A alí emigrou un gran número de galegos durante a primeira metade do século XX. Sobre todo do sur de Galicia, sobre todo de Ourense e sobre todo de catro parroquias. Nunha delas, había un tipo chamado Benito Fernández, o meu avó paterno. Emigrou para Brasil nun buque francés no ano 1959. Despois, desapareceu (entrevista de Alberto Ramos, Praza Pública, 02-06-2017).
[...] constitúe un verdadeiro manual práctico de aprendizaxe da fraseoloxía galega. [...] O libro, coordinado por Xesús Ferro Ruibal e editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), foi realizad por M. Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández (Praza Pública, 03-06-2017).
Neste libro era importante para min, sobre todo, traballar co concepto de eco. O eco que provocan as palabras. O eco, e a emoción, foron dúas liñas moi importantes na construción de O cuarto das abellas (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 03-06-2017).
Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo son os gañadores dos premios Xerais 2017 que este sábado se concederon na illa de San Simón: a XXXIVª edición do Premio Xerais de Novela, a IXª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil (Sermos Galiza, 03-06-2017).
Que un espectáculo galego, cunha compañía pequena, se cole aí, competindo a nivel estatal, con dúas nominacións, xa é un gran éxito. Ten moita transcendencia para nós pelexar con compañías institucionais e produtoras moi importantes (entrevista de Héctor J. Porto, La Voz de Galicia, 07-06-2017).
Neste 2017 celébrase o bicentenario do nacemento de Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896), autor en 1861 de Ensayos poéticos en dialecto berciano, unha obra escrita en galego que se anticipou mesmo aos Cantares Gallegos de Rosalía (Praza Pública, 07-06-2017).

García Negro só tivo palabras de agradecemento para as persoas presentes e asegurou que “o que me conforta é ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tanto tempo” (Sermos Galiza, 10-06-2017).
Salientan temas como a necesidade de colaboración para acadar fins e manter secretos, o amor nas diferentes variantes, a relación avós-netos, a necesidade de protexer a natureza [...] (ELOS, El Correo Gallego, 11-06-2017).
[...] unha hipótese que defende que a santa é o resultado dun proceso de cristianización dunha deidade anterior, pagá, e cuxas características, símbolos e rituais, foron apropiados pola nova relixión. Dentro desta corrente de pensamento, era posible concretar aínda máis e identificar esa deusa que se transformou en santa: Mariña foi antes Nabia (Xesús Fraga, La Voz de Galicia, 13-06-2017).
É unha mestura de thriller político e de memoria histórica, no ambiente na transición do que tanto se fala agora. Semella un tema pouco tocado na narrativa galega, ou cando menos no ton que pretendo. Hai un xornalista de televisión empeñado en recuperar a un vello director exiliado, Afonso, ignorando que provocará unha singular catástrofe co seu empeño (entrevista de X. M. R., La Voz de Galicia, 19-06-2017).
Se trata de un trabajo que arrancó en enero de 2014 en el que plasma búsquedas fatigadas pero ansiosas en archivos, bibliotecas, entrevistas y libros, muchos de ellos descatalogados. Asegura que "este libro es una declaración de amor a Vigo” (entrevista de Mar Mato, Faro de Vigo, 21-06-2017).
[...] pode descargarse de balde desde a web desta institución [Consello da Cultura]. A edición en galego foi realizada a partir da primeira alemá de 1917 por Patricia Buján Otero e con revisión científica de Jorge Mira. A fonte de referencia empregada para esta obra foi a copia dixital publicada en liña polo Max Planck Institute for the History of Science (Berlín) (Sermos Galiza, 23-06-2017).
Porque fala de destrución, de demolición e dos cascallos que quedan despois dela. Penso que son ciclos continuos: pasamos a vida derrubándonos e reconstruíndonos outra vez… Somos como estruturas dinámicas que se constrúen sobre a demolición de estruturas anteriores (entrevista de Montse Dopico, Praza Pública, 23-06-2017).
Xabier Quiroga ven de presentar a súa versión literal ao castelán da súa última novela “Izan o da saca” (2016), que sae ao mercado baixo o título “La casa del nazi” [...] Trátase dunha traducción de Isabel Soto, na que o autor colaborou activamente (Atlántico, 23-06-2017).
[...] no que estuda os procesos de depuración, incautacións e tribunais especiais da ditadura (entrevista de Carme Vidal, Sermos Galiza, 28-06-2017).
Desde Teófilo Comunicación cando se cumplen 200 anos desde que se inicia a Carta Geométrica de Galicia, queremos rendir unha homenaxe a un dos galegos máis ilustres que deu esta terra, Domingo Fontán, quen fixo posible que Galicia contase, por vez primeira, cun retrato axustado, unha carta xeométrica que permitiu que todos os galegos e o mundo enteiro puidese coñecer a fisonomía da nosa terra (María Abascal, El Correo Gallego, 30-06-2017).