31.10.10

Noticias de literatura-88

Premios de teatro para Raúl Dans, Xavier Lama, Neira Cruz e Inacio Vilariño:
Raúl Dans resultou gañador na XIX edición do Premio Álvaro Cunquerio para Textos Teatrais, pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris. Unha proposta que, en palabras do autor, se somerxe "nas zonas escuras da alma humana" nunha historia protagonizada por mulleres de todas as idades, para descubrir o público ao "descoñecido" que cada persoa leva dentro. Así mesmo, o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil foi para a obra Os reloxos preguiceiros de Néboa, do escritor e xornalista Xabier Lama. O xurado destacou a orixinalidade do tema, a fantasía da concepción dos personaxes, o alto grao de elaboración literaria e a singularidade do mundo creado (Xornal de Galicia, 18-10-2010).
A noticia desenvolvida no Xornal de Galicia (19-10-2010), no Galicia Hoxe (19-10-2010), A Nosa Terra (18-10-2010) e La Voz de Galicia (20-10-2010).
O contador de estrelas, de Jaureguizar, lectura recomendada polo Galicia Hoxe (Ler na escola):
O contador de estrelas é unha novela que trata sobre o derrubamento da candidez, sobre o salto sen rede á madureza dunha rapaza que ve como o amor, a amizade, a aventura e a mentira lles dan a volta á súa visión inocente da realidade. Unha aventura que se divide nos dous meses, xullo e agosto, que a rapaza vivirá como unha auténtica experiencia (Galicia Hoxe, 20-10-2010).
Brais Rodríguez Verde gaña o Castelao de Banda Deseñada con A man do diaño:
da que destacou [o xurado] que “a partires dun anécdota sinxela constrúe, nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista” (Xornal de Galicia, 25-10-2010).
Noticia do evento en La Voz de Galicia (25-10-2010): “Brais Rodríguez se lleva el premio Castelao de cómic” e “Un alegato antibelicista de Brais Rodríguez gana el premio Castelao” (26-10-2010).
Retranca e o estraño secuestro (Xornal de Galicia, 26-10-2010).
Artigo en El País (27-10-2010): “Retranca se queda sin emprenta por sus chistes sobre el Papa”.
Segundo Faro de Vigo (27-10-2010): “Una revista satírica ‘secuestrada’ por un chiste sobre el Papa”.
La Voz de Galicia (31-10-2010) conta o desenlace do suceso e o aniversario de Retranca.
Os oficios de Chuquelo, de Pinto & Chinto, recomendado por Galicia Hoxe (27-10-2010):
Chuquelo é un can moi especial que vai vivir mil e unha aventuras porque non atopa o seu lugar neste mundo. Este peculiar cánido intenta facer ben as cousas, pero é un can sen oficio nin beneficio. Como can é un desastre. Só desenterrar ósos o compensa da súa tristura. Velaí a clave da súa vida.
Antoloxías sonoras:
"Temos a certeza de que escoitar e ler os nosos poetas permitiralles comprender mellor a singularidade coa que naceron como pobo, e guiaraos por ese camiño de emoción que tanto axuda o home a se realizar". Así explica Francisco Villegas o novo proxecto da editora que dirixe, do Cumio, que acaba de tirar do prelo o primeiro e o segundo volume dunha colección de antoloxías sonoras dos poetas galegos actuais máis importantes (Galicia Hoxe, 29-10-2010).
Titúlanse Nacer é unha república de árbores e De sombras e poemas que son casas, dúas antoloxías sonoras de Chus Pato e Xosé María Álvarez Cáccamo respectivamente preparadas, e lidas en voz alta, polos propios autores. Cada volume, editado en tapa dura, vai acompañado dun CD con gravacións de Pato e Cáccamo (Xornal de Galicia, 31-10-2010)
Ricardo Carvalho Calero lembrado por Miguel Anxo Fernán Vello no centenario do seu nacemento: “foi un paradigma de sabedoría, compromiso galeguista e nobreza persoal” (Galicia Hoxe, 29-10-2010).
A Nosa Terra (28-10-2010) dános a nova da semana dedicada á figura de Carvalho Calero e da inauguración dunha estatua na súa honra.
Galicia Hoxe (30-10-2010) dános noticia da musicalización da poesía de Cavalho Calero e da organización dun congreso sobre o autor. No mesmo xornal (31-10-2010), lemos a noticia da celebración do centenario.
Cándido Pazó pon sobre o escenario as Memorias dun neno labrego de Neira Vilas:
-Había bastante tempo que tiña ganas de facer esa translación. En parte porque permite desenvolver o meu interese por facer xéneros híbridos, en parte porque é un personaxe que case todo o mundo coñece e ten na cabeza e tamén porque no ano próximo cúmprense 50 dende a súa publicación inicial (La Voz de Galicia, 30-10-2010).

E xa que estamos no Samaín, non vén mal esta reflexión de Luis Dávila

29.10.10

Mentir contando a verdade

Co título "Mentir dizendo a verdade", publicado no blog Página23, atopamos este vídeo que nos ensina  nun minuto escaso o tipo de bomba de reloxería que manexamos cando temos un periódico nas mans.
Un post anterior do mesmo blog comenta un libro (Os cínicos não servem para este ofício. Conversas sobre o bom jornalismo, Lisboa: Relógio d’Água, 2008) que engade detalles sobre a mensaxe do vídeo citado.
Os dous traballos advirten da enorme capacidade da prensa para, sen mentir, crear estados de opinión ou mundos absolutamente falsos.
Tamén se poden contar directamente as trolas que se queren converter en verdades. Por exemplo: "Núñez Feijóo anuncia que xa non se realizará a campaña sobre o decreto do galego por non ser necesaria debido ao "apoio social" recibido".

21.10.10

Rozario morreu

No Caderno P2 do xornal Público podemos ler este longo artigo de Francisca Gorjão Henriques sobre a morte do derradeiro usuario dunha lingua e, daquela, da propia lingua. Para algúns, mesmo xente de poder, é unha noticia desexable. Para os que temos unha relación afectiva coa lingua propia e, daquela, tamén coas alleas non deixa de ser unha noticia dobremente triste.
Por estes lares lémbrasenos que non temos dereito a ser pesimistas; que abondo pesimismo hai xa como para permitirnos o inútil luxo de sermos pesimistas. Permítaseme non concordar. Os tuberculosos tamén eran optimistas, especialmente cando se facía impensable o retorno á vida. Como galeguiño, cando leo artigos coma este síntome especialmente implicado e lémbrome de poñer as barbas de mollo.
O artigo fala da vida, paixón e morte do portugués crioulo de Cochim, a lingua de William Rozario, mais os seus datos poden ser extrapolables a calquera lingua “regional” minorizada que polo mundo ande. Resumamos:
1. Rozario non lle aprendeu a lingua ós seus fillos porque “já estava em desuso". Chegouse a unha situación en que ningún membro da familia, salvo o pai, era quen de se comunicar na súa lingua. ¿Soa lixeiramente coñecido?
2. A comunidade á que pertencía o falante era pequena. No ámbito en que nos movemos os galicianos, ¿segue soando a coñecido?
3. A consideración social dunha lingua depende moito das decisións políticas. ¡San Caetano nos valla!
4. “Para poupar uma língua da morte, ou trazê-la novamente à vida, é preciso levá-la para as escolas, meios de comunicação, serviços religiosos, "dar espaço para que ela seja usada". Ou seja, reunir o empenho de uma comunidade, já que o interesse científico, por si só, não basta”. (Podemos contrastar esta autorizada opinión coa lectura dalgún decreto de plurilingüismo.)
5. “Quando se extingue uma língua extinguem-se outras coisas com ela”. (O exterminio non é exclusivo de persoas ou animais. No mundo abondan “racionais” que o practican.) No caso das linguas cómpre o exterminio das que non sexan “lengua de la nación”.
6. Unha lingua seguirá viva se a vontade colectiva dos seus falantes así o quere. Pero...
7. "Uma língua que deixa de ser funcional já não está viva, a sua morte anunciada espera apenas pela certidão de óbito". Nalgunha “región” máis ou menos coñecida disparan nesa dirección.
A lectura do artigo é especialmente recomendable para os estudantes de segundo de bacharelato, moitos deles incapaces xa de lles transmitiren unha lingua coma o galego ós seus futuros trinta fillos. (En realidade, as proxeccións demográficas indican que na próxima década seremos uns cincuenta mil galegos menos. Como dixo Manuel Rivas nalgunha ocasión, en Galicia non se emigra, xa nin se nace.)
Como sempre hai máis dunha cunca para quen non quere caldo, aínda podemos tomar dúas máis. A primeira, no mesmo continente: lemos en El País (21-10-2010), edición en papel, páxina 6, a tunda que levaron uns sete mil estudantes tibetanos a mans dos antidisturbios chineses por se manifestaren en defensa da súa lingua. E se cambiamos de continente, damos co que nos conta Susana Irles no artigo “Ao rescate das linguas en perigo” (Galicia Hoxe, 21-10-2010).

Sobre William Rozario vexamos este artigo precedente: Morreu o Crioulo Português de Cochim.


Abur e arriba los corazones.

20.10.10

Mellorando o presente-02

Para segundo de bacharelato.
Recollo e pego unha noticia que atopo en La Voz de Galicia (20-10-2010). O texto orixinal está en castelán; o que pego aquí está traducido polo automático do propio periódico. Fago isto coas seguintes malas intencións:
a) Evitar a perda de tres puntos no exame de selectividade.
b) Revisar a tradución automática e facer as correccións precisas. Pensade que sodes bilingües harmónicos.
c) Volver redactar a noticia, para facer a lectura máis "económica".

Texto da noticia

Un condutor deu positivo cinco horas despois de sufrir un accidente e tras ser operado

O mozo admitiu os feitos e recoñeceu que bebera máis da conta.

Data de publicación:
20/10/2010
Sufriu o accidente en Carballo e quedou atrapado entre o amasillo de ferros en que se converteu o seu coche. Esperou a que os bombeiros o excarcerasen, e perdeu litro e medio de sangue durante a demora. Logo os sanitarios atendérono sobre o asfalto, introducírono nunha ambulancia e trasladárono ao Hospital A Coruña, onde foi intervido cirurxicamente. O seu preocupante estado de saúde impedira ata entón realizarlle a proba de alcoholemia. Así que no posoperatorio fíxoselle con consentimento médico. A sorpresa da Garda Civil foi maiúscula cando viu o resultado, pois cinco horas despois de sufrir a colisión o condutor aínda tiña no seu sangue 0,6 miligramos de alcol. Onte, este mozo acudiu aos xulgados de Betanzos por un suposto delito de condución baixo os efectos do alcol. Admitiu os feitos e recoñeceu que ese día bebera máis da conta. Entón aceptou unha condena de 8 meses de retirada de carné e unha multa de 360 euros.
O sinistro ocorreu o pasado 21 de xuño sobre as tres da tarde. O condutor circulaba xunto a un amigo cando perdeu o control do coche, dando tres voltas de campá antes de terminar na cuneta.
O copiloto puido saír polo seu propio pé sen ferida algunha, pero o condutor quedou atrapado no interior con importantes feridas. Sangraba abundantemente pola cabeza e por un brazo, polo que chegou a perder litro e medio de sangue ata a chegada dos bombeiros, que o excarceraron. Un equipo do 061 atendeuno no lugar e ante a gravidade das lesións decidiron trasladalo ao Hospital A Coruña, onde o someteron a unha operación de urxencia. Tras a intervención, sobre as oito da tarde, dous axentes da Garda Civil que acompañaban ao ferido, pediron permiso aos médicos para sometelo á proba de alcoholemia. Por dúas razóns. Primeiro, polo forte alento a alcol que desprendía cinco horas despois do sinistro; e segundo, porque o copiloto lles recoñeceu tras o choque que beberan unhas cervexas.

Mans ó choio.
Imaxe de elation blog

16.10.10

O grupo Brais Pinto na literatura galega. Miniquest

Déixovos esta segunda miniquest sobre o grupo Brais Pinto. Na primeira propúñavos unha visita ó Verbum e facíavos referencia ás propostas didácticas desta entidade. Nesta segunda miniquest, insisto na visita e prégovos que reparedes especialmente nos aspectos literarios que afectan ó grupo que se estuda.
As miniquest que se enlazan aquí son tarefas de carácter voluntario. As condicións de execución, data de entrega e valoración xa as comentamos e son as que figuran na programación de aula.
Para acceder á miniquest, premede no título do post.

14.10.10

Noticias de literatura-87

Marica Campo fala de lingua e literatura para o Xornal de Galicia (3-10-2010) por mor da publicación de Onde houbo lume:

a escritora explora o complexo universo das vidas femininas contadas non como decorado, complemento ou contraste estilístico, senón dende dentro delas mesmas e dende o afán por as comprender na súa especifidade.
Manuel Rivas: artigo de Pablo L. Orosa sobre a obra Todo é silencio:
Nos anos oitenta, cando se produce a internacionalización do narcotráfico, aparecen os vellos nomes, "os que se curtiron no vello negocio". Homes cautos e astutos, que se lucraron a principios de século con calquera tipo de mercancía: wolframio para o armamento alemán durante a segunda Guerra Mundial, dinamita para a pesca -como na actualidade- ou ata co tráfico de persoas.
No entanto, Todo é silencio aborda unha etapa posterior, entre 1968 e principios dos anos 80. O período en que os contrabandistas pasan do tabaco á cocaína e créanse as primeiras redes internacionais do narcotráfico (Galicia Hoxe, 3-10-2010).
Noticia de Todo é silencio no Xornal de Galicia (8-10-2010).
Artigo de Xesús Fraga (La Voz de Galicia, 9-10-2010) que describe o marco sociolóxico que se desenvolve na novela: Rivas: «O peor tóxico do narcotráfico foi a creba das defensas éticas da sociedade».
Faro de Vigo (14-10-2010) recolle a presentación de Todo é silencio.
A esmorga volve ó cine, pero desta vez
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do proxecto cinematográfico para levar ao cine a famosa obra de Eduardo Blanco Amor A Esmorga. Editorial Galaxia, representada polo seu director, Victor Freixanes, e o director de cine Ignacio Vilar, están a desenvolver conxuntamente “un proxecto netamente ourensán” (Xornal de Galicia, 4-10-2010).
Noticia da rodaxe d’A esmorga no Galicia Hoxe (5-10-2010). A noticia recollida en La Voz de Galicia (5-10-2010)
Andrea Maceiras entrevistada no Galicia Hoxe (5-10-2010) por mor do premio Meiga Moira, acadado con Violeta tamurana:
Unha obra que cualifica como unha "alegoría contra o racismo" na que advirte os seus lectores de que "quen sustenta o dominio sobre os pobos o fai mantendo a ignorancia e o temor ao descoñecido e ao diferente".
Domingo Villar entrevistado en El Mundo (4-10-2010):
Domingo Villar (Vigo, 1971) ha puesto en los estantes de las librerías españolas más de cuarenta ediciones de sus dos aclamadas novelas, Ojos de agua y La playa de los ahogados. Traducidas también a infinidad de idiomas extranjeros (este fin de semana ha estado en Milán presentando La spiaggia degli affogati), ambas han conseguido poner de acuerdo a crítica y público en que las aventuras de Leo Caldas y Rafael Estévez valen la pena. Gracias a ellos el vigués será el único español en el prestigioso congreso alemán de literatura policíaca, Mord am Hellweg.
María Canosa gaña o Pura e Dora Vázquez con O papaventos de Laura:
“Unha historia moi imaxinativa, alegre e fresca, nun entorno familiar cheo de ternura” (Xornal de Galicia, 8-10-2010).
Noticia do galardón e doutros aspectos relacionados en La Voz de Galicia (9-10-2010).
Entrevista con María Canosa no Galicia Hoxe (12-10-2010):
"Dende sempre, vin a literatura infantil e xuvenil como un reto. Comecei a escribir de pequena para xente da miña idade, sobre cousas que me podían interesar a min e os nenos da miña vila. Despois decidín facer algo novo e foi entón cando me decatei que os contos para nenos son máis difíciles do que un pensa. Tes que usar frases curtas, palabras sinxelas, que eles coñezan. A literatura infantil e xuvenil é unha experiencia moi gratificante. Porque os nenos, cando len, teñen unha inocencia e espontaneidade únicas".
Xesús Manuel Marcos: O esconxurador. Recensión de Romina Bal no Galicia Hoxe (13-10-2010):
Unha historia que tende pontes entre tempos e que de seguro te atrapará ata o final. O esconxurador, novela publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira.

12.10.10

Mellorando o presente-01

Transcribo aquí un exercicio de aula. Vou vello e esfolgaxado como para ir facer fotocopias, así que deixo o texto colgado para aforrar paseo e papel. Seica andamos escasos de cartos, pero non de vontade de amolar con deberes.
Dito isto, propoño as seguintes actividades sobre a carta que transcribo:
1. Comentar a lexibilidade do texto.
2. Corrixirlle a ortografía alí onde sexa preciso.
3. Comentar as meteduras de zoca na morfosintaxe e no léxico.
4. Redactar de novo o documento, procurando mellorar coherencia e estilo.
Nin que dicir ten que o texto dá para moito máis que para facer uns exercicios de lingua, mais polo de agora ímonos centrar só nesta materia.

Vémonos mañá.

Texto que transcribo

Querido Luis, espero que esta carta sírvache de reflexión por todo o que me has feito ao longo da miña vida, curta gracia a ti.
Sempre terei a esperanza de que algun día sufras tanto como e sufrido eu ao teu lado. Todos os días con magulladuras, golpes... etc. E ningunha marca de maquillaxe, por moi cara que sexa, esconderá as feridas e a cara de sufrimento que he tenido que aguantar.
¿Non te dabas conta de que pola tua culpa sentíame tan pouco valorada? Todo tiña que estar perfecto cando ti chegaras do traballo si non quería que fose golpeada ou violada polo meu propio marido, nin sequera podía falar, nin en publico nin en privado contido por si metía a pata en algo e empezarasme a berrar.
Quizais a mellor solución sería denunciarte ou irme de casa, pero tiña medo e ademais nunca traballei na miña vida e non quería deixar aos meus fillos a mans do seu pai, o mesmo que pega palizas a sua muller e madre dos seus fillos.
Espero que con esta carta te deses conta do que fixeches mal,
pero por desgraza non hai volta atrás o que si espero e que ningunha outra muller sufra por culpa das tuas mans e oxalá o haia conseguido.


Nota sen gastos: Visto o traballo anterior, vai ser mellor non dicir nada sobre ideas peregrinas como as de igualdade de competencias nas linguas cooficiais, imposición del gallego, liberdade de elección de lingua e outras prosmadas conflitivas. O texto foi producido por indíxena de 14 anos. Ben se ve o perigo de extinción que corre la lengua de la nación española.

10.10.10

Brasil aumenta apoios à tradução

Lemos a nova no jornal portugués Público.
Imaxe de Daniel Rocha
Líbreme Deus de establecer ningunha comparanza. As cifras non a admiten. O que si se poden comparar son actitudes dos políticos foráneos e dos nosos. Desgraciadamente, tamén nisto calquera comparanza é ridícula. Non teño sentido dicir que a cultura brasileira estea "ensimismada". Polas medidas que toman ata parece que cren que a lingua é unha poderosa industria. Por estes lares prefiren explotar as mexericadas de la imposición del gallego, tirar libros ó lixo ou gastar unha pasta en convencernos da bondade do plurilingüismo, co Lalalá como música de fondo.
Como onte non dabamos atopado exemplos concretos para apoiar a parolada, hoxe (12-10-2010) podemos engadir estes dous pillados ó chou:
O da importancia da honra sen cartos ou o da honra lingüística da clase de tropa.
Lamentablemente non hai que esforzarse moito para atopar casos deste teor. Mesmo a prensa ben subvencionada está chea deles.

9.10.10

Verbos-2

Deixo esta ligazón ó test verbos galegos-2 por se queredes entretervos dous ou tres minutiños repasando as conxugacións.

Para acceder ó test, premede no título do post.
Se se detecta algunha gralla, prégase a comunicación.

Nota: p1=primeira persoa de singular; p3=terceira persoa de singular; p6=terceira persoa de plural, etc. 

Abur.

6.10.10

Brais Pinto e o seu mundo. Miniquest


Imos dar  unha volta polo VERBUM para botar unha ollada á exposición

Brais Pinto, o afiador revolucionario

No museo atoparemos un folleto que recolle amplamente a exposición. Tamén nos facilitarán unha unidade didáctica con propostas de actividades. Pola nosa parte, propomos esta sinxela miniquest para facer, individualmente ou por grupos, durante e despois da visita á  exposición.
Para acceder á miniquest, premede no título do post ou na ligazón.

2.10.10

Noticias de literatura-86

Teresa Moure publica A intervención: 
alude a un comando ecolóxico-artístico que xorde na novela como unha reacción social e política á apatía das vidas dos protagonistas (A Nosa Terra, 24-09-2010).
Herta Müller pode lerse de novo en galego. Marga do Val traduce Randea do alento:
En Randea do alento, Müller inicia a súa historia no 1945, cando se inicia a deportación da minoría alemá en Romanía aos campos de traballos forzados en Ucraína (Galicia Hoxe, 28-9-2010).
Sobre Herta Müller en galego é de interese o artigo de Miguel Anxo Fernán Vello no Galicia Hoxe (1-10-2010)
Rubén Ruibal vai ver representada Limpeza de sangue:
Logo de cinco anos no limbo, dous premios de prestixio e unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o dramaturgo Rubén Ruibal parece a piques de sufocar a maldición que persegue o seu texto máis coñecido (Xornal de Galicia, 1-10-2010).
Artigo de Camilo Franco (La Voz de Galicia, 2-10-2010): “Todo o ruído que fixo a Limpeza de sangue
Andrea Maceiras gaña o Meiga Moira (literatura infantil e xuvenirl) con Violeta tamurana:
A obra ten un heroe moi definido, que vence as dificultades a través dunha forte vontade e un desexo firme de servizo e sacrificio pola comunidade humana á que pertence. Asemade, destaca tamén a figura do mentor, exemplo e guía para dar un sentido aos obxectivos marcados.
Propón unha mensaxe non racista, poñendo en valor a tolerancia, sabedoría ancestral e a fusión coa natureza, ao tempo que significa a importancia relativa da verdade e o coñecemento para loitar contra a tiranía e o imperialismo, quen sustentan o seu dominio sobre os pobos a través do mantemento da ignorancia e do temor ao descoñecido e ao diferente (Xornal de Galicia, 1-10-2010).
Noticia da galardoada Andrea Maceiras Lafuente e da súa obra en La Voz de Galicia (2-10-2010).
Manuel Rivas, entrevista (ben ampla) en El Paìs por mor da saída de Todo é silencio:
"Agora, o plano económico pasa a ter o dominio por medio do diñeiro e outros medios de control social: o pazo, o coche que conduces", explica (El País, 1-10-2010).
María do Carme Kruckenberg despídese con A voz da auga:
Tanta expectación débese a un libro novo no que se insire o anuncio da retirada da autora da escrita poética. O posfacio de A voz da auga (Edicións Barbantesa, 2010) expón o carácter definitivo desta obra na que, segundo o texto editorial, "a madurez da verba lírica de María do Carme Kruckenberg alcanza o seu punto álxido" (El País, 1-10-2010).
Teatro do Noroeste pon en escena Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado:
A obra conta a historia dun grupo de cómicos que van facendo o Camiño de Santiago representando un tipo de pezas dramáticas medievais chamadas danzas de morte e, en ocasións, fan tamén algún auto sacramental. Na súa peregrinación teñen como guía o Códice Calixtino pero, debido a que manexan unha edición defectuosa do mesmo, apártanse da ruta e acaban perdidos nun bosque que está preto de Compostela. O grupo de cómicos atópase cun problema, xa que o actor que nas súas funcións fai o papel de Home Inocente fuxe coa actriz que encarna a Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións (La Voz de Galicia, 1-10-2010).
Marica Campo presenta Onde houbo lume, onde
novela a vida de once personaxes, once mulleres solteiras que quedaron varadas por motivos que non tiñan relación coa súa vontade (La Voz de Galicia, 1-10-2010).
Imaxes de Galicia Hoxe (Herta Müller) e La Voz de Galicia (Espello Cóncavo, Andrea Maceiras, Historias peregrinas).