Amosando publicacións coa etiqueta Todos somos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Todos somos. Amosar todas as publicacións

19.11.13

Todos somos (de Marcos Calveiro). Test de lectura

Test de lectura de Todos somos (de Marcos Calveiro).
O divertimento vai destinado ao club de lectura desta novela e non lles roubará aos participantes máis de tres ou catro minutos.
Aburiño.


Información sobre a novela

6.11.13

Marcos Calveiro, Todos somos

Todos somos narra a desaparición dunha nena de instituto. O feito sobresalta as familias da praza
Imaxe: Edicións Xerais
da Bichoca, corre como a pólvora por toda a cidade e altera a vida de todos: os nenos vanse sentir presos e vixiados, os pais amosarán unha cara ata ese momento descoñecida, as crises de parella acentuaranse, o temor e a cólera manifestaranse por calquera miudeza…
As reaccións ante a desaparición tamén ofrecen o mellor e o peor de cadaquén. O pai da Natalia (a desaparecida) préstase a actuar no circo  do telelixo a cambio da paga; a nai de Antón (amigo de Natalia) saca as unllas do seu áspero carácter; a presentadora de televisión non ten reparo en aproveitar a ocasión para promocionarse; cidadáns anónimos, xente de ben e bos veciños, montan patrullas que mallan no primeiro que lles resulte sospeitoso ou mesmo en quen tente mediar e poñer algo de cordura (o pai de Antón acabou en urxencias); os políticos sofren apupos cando van facer a foto coas vítimas; a policía, impotente e superada polos acontecementos, comete erros… En fin, todos senten a necesidade de dar co criminal para que se faga xustiza, para respirar tranquilos, para satisfacer a sede de vinganza ou para sacar tallada.
No medio desta maruxía achamos dous personaxes que tentan controlar o rumbo das súas vidas. A inspectora Lina Souto e o neno Antón aparecen unidos por unha mutua simpatía ademais de pola lembranza dun pasado que converte a Antón nun neno moi especial aos ollos da inspectora. Os dous falan de Natalia en presente e aférranse a calquera aruxiño de esperanza de atopala con vida, procurando non caer en falsas ilusións.
A novela remata sen solución policial. A inspectora logra soltar o lastre do pasado ao desfacerse da carpeta onde gardaba as noticias dun fracaso profesional que a marcara. A vida segue a devalar e o paso do tempo é quen de moer as tristuras máis resistentes.





Marcos Calveiro, Todos somos. Vigo, Xerais, 2013.