31.1.15

Noticias de literatura-157. Xaneiro de 2015

Lourenzo Fernández Prieto, Outras olladas sobre o golpe, guerra e ditadura
Lourenzo Fernández Prieto
Foto: El Correo Gallego

Fernández Prieto, que dirixe o proxecto Nomes e Voces, de investigación da represión franquista en Galicia, participa nun movemento de historiadores nados despois do 60 que se reformulan a historiografía clásica sobre a España de despois da República (Juan Martínez, El Correo Gallego, 06-01-2015).

Días de Cuba e Lar, Nai, Pan (Galaxia) son dous dos últimos libros que publicou Xosé Neira Vilas. O autor de Memorias dun neno labrego non para. Nunca. Lar, Nai, Pan é unha evocación da infancia perdida, mais tamén a denuncia da sociedade desigual e clasista da posguerra (Montse Dopico, Praza Pública, 09-01-2015).

Con Cuarto Minguante, o escritor visita literariamente a emigración galega da segunda metade do século XX cun libro que a editorial define de “prosa gozosa e vibrante, labrada cunha lingua de inequívoca estirpe popular e cunha presenza constante dun humor sutilmente retranqueiro” (Sermos Galiza, 08-01-2015).

Gracia Santorum, profesora do IES Pintor Laxeiro e animadora de moitas iniciativas literarias, é quen está detrás do Libro do Mal Amor que xunta haikus que denuncian a violencia contra as mulleres (C. V., Sermos Galiza, 08-01-2015).

Suso de Toro, Somnámbulos
Suso de Toro 
Foto: Óscar Corral/El País
De Toro explica que esta nueva obra contiene hilos que la vinculan directamente a sus dos novelas anteriores, Home sen nome y Sete palabras, la primera centrada en la figura de un verdugo fascista y la segunda en la búsqueda de la identidad del propio autor y de sus orígenes familiares en Zamora. Ambos temas reaparecen en Negocios de familia, que narra el encuentro de un antiguo militante antifranquista con un guardia civil que participó en la última ejecución de la dictadura y ahora trata de averiguar quién era su padre (Xosé Hermida, El País, 14-01-2015).

Son 58 relatos, que mesturan realidade e fantasía. Ao principio custábame escribir en galego. Teño 52 anos e deixei de estudar aos 16, e ademais estivera internado en Valencia para facer a EXB. A escola que tiven foi en castelán, e ademais lía en castelán. Aínda sigo aprendendo galego… (Montse Dopico, Praza Pública, 16-01-2015).

    A obra, como en poucas semanas terá o público novo a oportunidade de comprobar, introduce temas de interese perenne, por moito que nos pese, aínda que non todos os aspectos se poderán valorar de idéntico modo hoxe que nunha época que aínda arrastraba os modos franquistas como pallas coladas ao cu. Ou si? Vexamos: a xerontocracia dos axentes culturais institucionais; as capeliñas e cadeas de favores entre próceres e recomendados do sistema literario; a asumida españolidade e a pobreza intelectual de moitos vultos da cultura; unha reflexión sobre o plaxio ou a ética do escritor; a limpeza dos premios literarios; a cuestión ortográfica, pois usa catro normativas distintas; a cuestión da tradición literaria ideal, española ou lusófona. E isto sen contar que moitas das personaxes, algunhas baseadas en famosos factótums da cultura, serán facilmente recoñecíbeis polas súas funcións no sistema, outras coñecidas por un nome similar ao real e algunhas probabelmente ficarán ocultas para a maioría nunha primeira vista de ollos, até porque se trata de mesturas de atitudes ou de persoas reais da altura (Alfredo Ferreiro, Praza Pública, 21-01-2015).

A escritora coruñesa Eli Ríos (Londres, 1967) coa obra Bicha [...] destacando da obra premiada "o atractivo dos seus personaxes para o lector e a importancia que o relato da a amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio" (Galicia Hoxe, 23-01-2015).

novela que transcende a diluída fronteira entre os sistemas literarios infantil e adulto (Isabel Mociño, El Correo Gallego, 30-01-2015).

O carácter popular da figura e a poesía de Pereiro e o feito de tratarse "dun escritor excepcional" levou o Goberno local de Monforte a propoñer que a Casa da Cultura da cidade leve o seu nome e que, ademais, o 2015 sexa o Ano Lois Pereiro na capital de Lemos (DAvid Lombao, Praza Pública, 29-01-2015).

Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim (Nin en soños vou perder a miña lingua), de Sechu Sende, foi elixido en 2010 como mellor libro publicado en curdo nese ano. Era a tradución, publicada pola Editorial Avesta, de Made in Galiza (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 29-01-2015).

A boneca de Blanco Amor, (Galaxia), o seu último libro. Nel, imaxina a orixe chilena da muller de porcelana do pazo dos Andrada. Fala con Blanco Amor, malia que este xa non poida responder. E pensa o mundo, coma sempre, desde a razón e o antisentimentalismo, malia contar historias de amor. Nas que as mulleres escollen o seu propio camiño (Montse Dopico, Praza Pública, 30-01-2015).

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, destacou onte o carácter «poliédrico» de Valentín Paz-Andrade. Foi durante o acto de presentación en Vigo do boletín da RAG dedicado de forma monográfica á súa figura (La Voz de Galicia, 31-01-2015).

23.1.15

Lingua esgallada-53

Lingua esgallada-53.
Velaquí algunhas expresións recollidas de probas escritas que tropezaron co estándar lingüístico. O exercicio consiste en sinalar a expresión que non se mate coa norma.
Bo divertimento.

22.1.15

Carmen Blanco. 'A fuga'

"O escenario é unha gaiola de hámster" perfectamente equipada para que o inquilino non bote nada en falta. Nin sequera a liberdade.
Nesa gaiola, os humanos meten un esquío lixeiramente prexudicado (brazo en estribeira, cabeza vendada). O esquío teima por fuxir: fáltalle aire. O hámster, acomodado, teima por quedar na súa casa ben provista e segura en compaña do novo inquilino.
Despois de moitas requinaternas e fugas frustradas acaban por chegar a un entendemento cordial e a un final que promete un futuro feliz.
______________________________
Carmen Blanco, A fuga. A Coruña, Edicións Embora, 2013.
Personaxes: 2 (esquío e hámster).

20.1.15

Filgueira Valverde. 'O Vigairo'

1

O Vigairo (1927) é unha novela curta publicada pola histórica editorial Lar. Preséntase como “ensaio simbólico, orixinal e inédito”, na liña de traballos etnográficos doSeminario de Estudos Galegos. Leva unha dedicatoria a Casto Sampedro porque na intención do autor está o “fague-la miña cántiga á boa vila mariñeira de antano”.
O relato céntrase na figura do Xoán do Pontevedra, derradeiro vigairo da Confraría do Corpo Santo. A través da rememoración a novela describe e homenaxea o Gremio de Mareantes e aquela Moureira da que noutrora foran donos e señores.
2
Nunha ducia de capítulos moi breves (en realidade, partes epigrafadas, curtas, ás veces resoltas nun par de parágrafos) Filgueira cóntanos a historia da Pontevedra mariñeira. Ábrese o relato cun lírico pranto polo mar da Moureira que dará o ton elexíaco que percorre a obra (1). Preséntanos deseguida o protagonista, Xoán de Pontevedra, O Vigairo, xa vello, que toma o sol (2) e a vila (3). “A vila do Vigairo ten tres pobos: un gabexa no mar, outro traballa na terra, outro suga nos celmas da terra e do mar” (p. 15); describe os lugares, as arquitecturas, as xentes, usos e costumes, as referencias históricas, xogos, traballos, medios de vida… O terceiro pobo é o do Estado (p. 10), que lambe e non produce.
Retorna a narración á figura do protagonista e explica o seu alcume (4), relátanos o seu pensamento sentencioso e lapidario (5) e a súa vida (6); o Vigairo mide o tempo polos feitos vividos: “Chegou a facer súa a cencia do mar, do seu mar” (p. 15). A través dos ollos do Vigairo o narrador dóese da fidalguía caída e morta, dos pazos e mosteiros baleiros ou esborrallados, dos muros derruídos, da vila antiga perdida. A dor polo alleo válelle ao protagonista para non se laiar do perdido no seu casal (7).
Á filla do Vigairo (8) chámanlle a Raíña. É unha moza fermosa, dunha “enmeigada rudés” (p. 17). Se cadra, pode personificar a propia Terra. Descríbese rapidamente a súa decadencia e morte, famenta e esfarrapada, por se “namorar do máis cativo amador de cantos viñeron de terras alleas a sugar do mar e os seus derradeiros tesouros” (p. 18).
Nun plano onírico represéntanse as desgrazas naturais como loitas do Mar e a Terra (9): “As casoupiñas homildosas da ribeira morreron estrizadas polas xenreiras da Terra e do Mar” (p. 19). Canda o medo producido pola carraxe da Natureza vai o universo lendario; as lendas son un recurso para a creación de medos e os seus remedios, como podemos ver na recreación da lenda do Urco (10).
As xentes que viven do mar saben que ás veces se torna monstro e reclama o seu tributo. Ao Vigairo levoulle a filla (11) e tamén o levou a el (12). No ambiente festeiro do Corpus, o Vigairo chora porque non ten quen o leve á festa. Está cego. “O Vigairo non ten lus, nin ten Mar, nin ten espranza” (p. 21). Pensa que vai na procesión, cae do peirao e afoga.
3
Como se dixo ao principio, envolve o relato un sentimento de mágoa polos tempos pasados que, se non foron mellores, tampouco serviron para mellorar o futuro. Ao lector preséntaselle a visión dun pasado que xa se foi. Estatismo e memoria son dúas características deste relato como fotografía dun tempo que xa era historia no momento en que se escribe. Percibimos unha memoria adolorida por tempos que se perderon coma semente que non deu xermolado.

A sociedade tamén se presenta inmóbil, sen permeabilidade entre clases. Ata o espazo se reparte por gremios ou clases sociais.
Imaxe: Editorial Galaxia
A paisaxe na novela amósasenos animada e activa: “O Vigairo caeu e afogárono as augas do regato” (p. 22); a Terra e o Mar pelexan e en consecuencia “as casoupiñas morreron estrizadas” (p. 29); a cidade faille o pranto ao mar da Moureira (p. 3).
O argumento da novela desenvólvese dende o punto de vista dunha terceira persoa omnisciente que mantén un alto grao de complicidade cos lectores: “Tedes que sabere que…” (p. 18); “Non lle preguntedes quen é a ninguén da vila…” (p. 4).
O Vigairo é o protagonista do relato, mais tamén un pretexto que lle serve ao autor para tratar xentes e hábitat como personaxe colectivo. Deste xeito, o Vigairo tórnase testemuña cega e muda.

  1. Xosé Filgueira Valverde, O Vigairo. A Coruña, Lar, 1927. (Edición pola que se cita).
  2. Xosé Filgueira Valverde, O Vigairo, en Antoloxía da novela curta, Vigo, Galaxia, 1990. Selección e prólogo de Carlos Casares.

17.1.15

Carlos Labraña. A fraga das árbores das palabras

Os marcianos chegan á terra e comenza a colonización. Primeiro polas boas; despois, pola brava. O seu desexo é converter a todos nunha especie uniforme no falar, pensar, vestir… arrebatándolles a lingua, pensamento, cultura, libros…
Un grupode rapaces loita por recuperar o que están a perder. Despois dunha accidentada viaxe, chegan á fraga das árbores das palabras, liberan as ánimas dos devanceiros que viviran libres no país e, coa súa axuda, gañan a batalla.

Carlos Labraña, A fraga das árbores das palabras. A Coruña, Edicións Embora, 2013.
Personaxes: 14 + xente.

12.1.15

Manel Cráneo. Cousas de mortos

Imaxe: Entrecomics
Recolle este álbum 14 historias, xa publicadas en diversos medios, que teñen a reflexión sobre a morte como fío condutor.
O primeiro que percibe o lector --coma o célebre personaxe de Castelao-- é que os mortos non son todos iguais. Os esqueletos de Cráneo teñen unha personalidade tan complexa ou máis que calquera vivo que aínda teña a carne ben apegada nos ósos. E as súas reflexións sobre cuestións tan fundamentais coma o sentido da vida son tan asisadas que, malia careceren de pescozo, non deixan de amosar unha cabeza ben asentada sobre os ombreiros.
A través das cuncas baleiras dos personaxes vemos os camiños da vida. Mais no devir vital non é o máis importante onde os camiños nos leven; como se nos di en “O morto de malos aires”, “o único que importa sempre é… volver”, mesmo que sexa para axustar contas de morto por lerias acontecidas en vida.
Os entrañables esqueletos destas historias están sempre a camiñar e apréndennos, como en “...A dous quilómetros do Santo”, que o camiño máis seguro e elemental é o que nos leva á
morte. Se non se entende así --como lle ocorre ao fantasmiña desta historia-- córrese o risco de ser tan parvo como para morrer despois de morto (p. 26).
As breves historias do álbum debúxannos unha filosofía da morte con matices tan variados coma os da filosofía da vida. Unhas veces enfócase dende unha actitude cínica (“Antístenes morto”), outras saudosa (“O morto de malos aires”) ou apocalíptica ou resignada… Os mortos semellan tan vivos que ata asisten a sesións de terapia: arrastran as teimosías de cando vivos. Mesmo chegan a pensar --coma o lector-- que os seres realmente vivos son unicamente eles.


Falan do obra:

Manel Cráneo, Cousas de mortos. A Coruña, Demo Editorial, 2012.

3.1.15

Filgueira Valverde. Achegas na rede

Noticias da designación


Valoracións e debate


Reflexións de antes que serven para despois. Reflexións de despois que serven para antes


Sobre o autor


Sobre a obra

Ler,  escoitar e ver a Filgueira Valverde na rede