Amosando publicacións coa etiqueta Paravea no inferno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paravea no inferno. Amosar todas as publicacións

6.12.14

Plácido Betanzos, Paravea no inferno

Paravea no inferno é unha radiografía da Galicia costeira dos primeiros anos da República.
Imaxe: Biblioteca Leliadoura
Plácido Betanzos pon ante os ollos do lector a vida e costumes das xentes traballadores do noso litoral. Faino con trazos precisos, con descricións atinadas e sinxelas. A través das vivencias dos personaxes, o lector recibe unha boa lección sobre a sociedade do primeiro terzo do século XX.
O personaxe principal é Santiago o Laberco, patrón dunha “dorna de catorce cuartas”. Un barco navegador herdado de seu pai. A dorna, ademais de ferramenta de traballo e medio de vida, vén sendo un membro máis da familia, e igual de sacrificada. Completan a tripulación o fillo, Antón, e o curmán, Axeitos. Santiago casou con María, que traballa na fábrica de salgadura. Os prezos miserables que o fabricante paga polo peixe e a explotación da muller éncheno de carraxe e acenden en Santiago un feroz sentido da dignidade que espera ver restituída coa chegada do novo réxime.
A sogra exerce de matriarca da familia. O mar levoulle dun só golpe marido e fillo. Muller co poder de ver as ánimas e saber das súas necesidades acepta a vida con resignación, sen asustarse polas cousas do máis alá. É o depósito da sabedoría da tribo, o enlace coa tradición.
A través dos personaxes coñecemos a vida en Lantañón (ou en calquera aldea mariñeira): trafegos, necesidades, festas, nacementos, namoros, velorios…
Por veces, na conciencia social de Santiago brilla o verme da esperanza. Mais polo de agora vive na casa da sogra, pobre e escasa de mobles. As comodidades do fogar son un soño. Abondan, en troques, os traballos escravizantes para todos os membros da familia, as posibilidades de accidentes e naufraxios, a veciñanza da fame.
O contrapunto da historia dánolo don Pascual, empresario e cacique. Vive nun pazo e non fai vida na aldea. Pasa por filántropo e ten xente que o gaba porque lle debe favores.
Así e todo, o cacique ten o vezo da ludopatía (hai quen di que chegou a xogar a muller) e pérdeo todo no casino. A escena final é triste: a ruína do amo supón a chegada doutro novo do que nin se sabe quen é nin como. Santiago o Laberco só espera que non sexa peor.
Aquí remata o relato. Para saber do remate da historia cómpre ir aos manuais, pero para o coñecemento da antropoloxía social do primeiro terzo do século XX, a presente novela resulta un manual estupendo.

Dictiografía

Plácido Betanzos, Paravea no inferno. Edicións Fervenza, 2011.