Amosando publicacións coa etiqueta Métodos de traballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Métodos de traballo. Amosar todas as publicacións

22.1.14

Unha carta de Umberto Eco

Umberto Eco. Foto: l'Espresso
Este pasado Nadal o xornal italiano l'Espresso pediulles a recoñecidas personalidades do mundo da cultura e do pensamento unha carta dirixida a algunha persoa querida que recollese os seus mellores desexos para o novo ano 2014. O recoñecido semiólogo e novelista Umberto Eco diríxelle a carta ao seu netiño. O escrito non deixa o lector indiferente; mesmo algún deles se ten indignado por comparanzas desafortunadas do intelectual (abonda con ver os comentarios).
Imaxe: l'Espresso
Así e todo, a carta contén interesantes consellos didácticos. E neste sentido está recollida e comentada na páxina MetaDidattica. O consello é antigo e resúmese nunha sinxela frase:

--Benquerido netiño, aprende de memoria.

Non se trata, asegura Eco, dunha recomendación de vello rosmón que se leva mal cos trebellos dixitais. Tales trebellos velaí están para seren usados por mozos e anciáns; facilitan a vida e axudan a atopar a información nun lóstrego. Pero non saben distinguir entre o útil e esterco informativo. Non poden substituír o cerebro nin o coñecemento.
O autor da carta quere advertir ao seu neto dunha enfermidade da que adoecen os mozos dos nosos tempos: a perda da memoria. E non se refire soamente a perda do gusto por meter cousas na cabeza, senón tamén a perigosa ignorancia de non querer saber das cousas que sucederon antes de nacermos e que están a condicionarnos a vida: "porque moitas veces aquilo que aconteceu antes explica por que certas cousas suceden hoxe". Eco concibe a memoria como un músculo que cómpre exercitar para non virar en idiotas.
Salto aquí os pequenos detalles, que Umberto Eco podería levar ata o infinito. Considero precioso o remate da carta: cando o neto chegue a vello, o exercicio da memoria teralle permitido vivir miles de vidas porque o que se aprende deste xeito converte ao estudante nunha sorte de protagonista dos feitos que estuda.
Non obstante o dito, sabemos de xente que considera o gusto por aprender como vicio de dexenerados. E tamén sabemos que existen gobernantes, noutras partes do mundo, que prefiren bueyes que aren y no gente que lea. O que non sabemos é se o consello de Eco pode terse en consideración nunha ensinanza de calidade.
Abur e sentidiño.

1.12.13

Redes sociais. Precaucións que cómpre tomar

No blog da Biblioteca das Escolas de Vila Pouca de Aguiar Sul atopamos este simpático vídeo que nos recomenda as precaucións mínimas que cómpre tomar cando andamos zanfoneando polas redes sociais.
O vídeo xa non é novo, pero a xulgar pola casuística que se coñece nos centros docentes non está de máis insistir no sentidiño (mensaxe comercial á parte).
Que non caia en saco roto. 
Abur. 


15.12.10

Aprender palabras novas

"Para aprender palabras novas chega con repetilas 160 veces. Chega con 14 minutos de esforzo para que o noso cerebro xa nos distinga os vocábulos novos dos vellos.
O dito repetita iuvant vale tamén cando se aprende unha lingua nova: para deprender unha palabra descoñecida abonda con repetila 160 veces. Descubrírono os investigadores da universidade de Cambridge, segundo os cales son suficientes 14 minutos de esforzo para que o cerebro xa non dea distinguido os vocábulos novos dos antigos".
A noticia atopámola no xornal Corriere della sera (15-12-2010). Como método de enriquecemento de léxico semella abondo aburrido, pero aí  deixo a ligazón do artigo coa descrición do experimento. Por probar...

10.6.10

Menú para época de exames

Estamos nos derradeiros días do curso, caen os exames coma cantazos e sentímonos algo esfolgaxados. Nesta época toda axuda é pouca. Por iso non estará de máis coidar a alimentación. Como dicía meu avó, unha mantenza axeitada é a base dunha boa saúde; e a saúde, se se coida, pode durarnos toda a vida.
No xornal O Público atopamos esta infografía da dietista Eduarda Alves, onde se nos propón unha grella de comidas (seis no día) pensada especialmente para época de exames.
Que aproveite. E non deixedes de fincar os cóbados.

4.6.08

Exames

Quen máis quen menos xa está a contar polos dedos os días que faltan para rematar o curso. Uns farédelo con ilusión, outros con ansia e dúbidas e outros con noxo. Pero a todos vos quedan aínda os últimos exames nos que xogades unha boa parte dos resultados académicos.
Por iso vos suxiro que lle botedes unha ollada ó suplemento La Voz de la Escuela de hoxe. Na páxina 2, Ana T. Jack recomenda unhas sinxelas e útiles estratexias para superar exames.

Xa sei que vos resultarán familiares, pero non estará de máis lembralas.

Insisto. Non pretendo con este "apuntiño" aprenderlle a un pai a facer fillos, como vulgarmente se di, mais hai técnicas tan evidentes que se esquecen por rutina ou nervios.

No artigo que cito hai un parágrafo que transcribo expresamente: "Non se pode cualificar cun aprobado un exame que consiste nunha meada* de datos sen desenvolver, con ideas soltas e cunha redacción pésima". Entendo que con isto quere dicir que a desculpa de "¿pero usted sabe lo que quiero decir, no?" non vale de moito.

Botádelle unha ollada ó artigo, seguide os seus consellos e... avante toda.
(Nota sen gastos: O artigo está redactado en castelán, pero supoño que o daredes lido sen necesidade de tradutor automático.)
*¿Que significará esta palabra?