27.12.07

Cartas de amor, de Fran Alonso. Cuestionario

Para o club de lectores de Cartas de amor.
Déixovos neste post un cuestionario que vos pode servir como guía para comentar esta obra, da que xa falamos aquí mesmo.
Botádelle unha ollada as opinións autorizadas dos vosos colegas de Gondomar, que xa tiveron o pracer de lela antes ca nós, o mesmo cós do Álvaro Cunqueiro e mais outros centros. Na mesma liña van as recomendacións de Rede Lectura.
Botádelle, pois unha ollada... como facedes sempre que volo propoño. ¿Pensabades que non me decataba?
O cuestionario, polo de hoxe, queda así:

1. Fai unha breve relación comentada dos temas centrais dos relatos que compoñen Cartas de amor.
2. Analiza brevemente as personaxes protagonistas de Cartas de amor.
3. Comenta as características da época na que se desenvolven os relatos de Cartas de amor.
4. ¿Por que aparece Alda Merini en Cartas de amor? ¿Que sabes dela que nos poida interesar nesta obra?
5. ¿Que recursos atopas para coñecer o tempo en que transcorren estes relatos de Fran Alonso?
6. ¿Cal é a visión que a protagonista de “Ilegal” dá do noso país?
7. Baseándote nas experiencias vividas polas personaxes principais, analiza o sentimento do medo. (Repara especialmente no conto “Desde as tebras”.)
8. En comparanza cos outros relatos, o titulado “Confesión” presenta unhas características que o diferencian. Coméntaas.
9. Comenta brevemente aqueles relatos onde é especialmente significativa a chamada da terra. (Repara en “Sáhara, améndoa amarga”, “Ilegal”, “Zé, volcán de amor” ou “Lonxe”.)
10. Comenta o tratamento que se lle dá ó turismo sexual en Cartas de amor. Fíxate especialmente en “O que nunca me preguntaches”.
11. Comenta os sentimentos encontrados que manifesta Begoña, “señora de Núñez”.
12. Segundo a narradora do conto “A guerra”, ¿que é o peor, que fai máis dano, nos conflitos bélicos?
13. A visión de Europa nos relatos de Cartas de amor. Reparade especialmente en relatos como “A guerra” ou “O que nunca me preguntaches”.
14. Relaciona os contos con protagonistas adolescentes e comenta como enfocan a vida.
15. A visión da emigración nesta obra.


Aviso que, se cadra, este cuestionario sofre algunha variación.

Máis adiante propoñerei un traballo voluntario: Vigo nunha carta de amor, e basearase no relato "A carta inesperada". Máis detalles dentro duns días.
IMAXE: Cartel elaborado no IES de Teis contra os malos tratos (2007).

24.12.07

Panxoliñas contestatarias e Santa Claus de palleiro

Dicían os vellos latinos que non había nada novo baixo o sol, porque se cada xa ventaban que cada cousa que se vendía como nova tiña raíces moi fondas noutra época ou lugar.
E así como non nos estrañou o do Samaín, tampouco nos resulta tan soprendente o do Apalpador. Tampouco nesta ocasión resultará estraño que os que entenden as cousas ben entendidas consideren tal cousa como invento de nacionalistas. Se así for, que llo reclamen a esta Gentalha.
Entre nós, os vilancicos tampouco foron composicións inocentes. Xa en tempos os galegos servían de elemento decorativo para o portal de Belén: eran xentes exóticas, vivían con e como animaliños, e no tocante a miseria non había quen lles gañase. En resumo, os galeguiños eran un belén vivente que non podía faltar no decorado das panxoliñas.
Mais en tempos achegados a nós, poetas como Celso Emilio ou Manuel María empregaron esta composición como ferramenta de denuncia. Vede, se non, o artigo do profesor Xesús Alonso Montero.
Aburiño. Que Deus nos atope sorrintes e coa calefacción prendida.

23.12.07

Cunqueiro e o teatro

Image Hosted by ImageShack.us
Os bachareis e mais os que estivestes de rolda pola fraga de Esmelle deberiades botar unha ollada a esta noticia. Darío Xohán Cabana debrúzase sobre esta peza teatral de don Álvaro Cunqueiro e recolle o ambientiño cultural de mediados dos anos cincuenta e permite facérmonos unha idea do complicadas que podían ser as cousas máis sinxelas cando se supuña que podían estar guiadas polo pensamento.
Sobre o mesmo autor atopamos nestes días outras noticias. Informan dunha exposición e mais dun libro de longa xestación.
(A imaxe atópase na Wikipedia, baixo a entrada Hamlet.)
E para aproveitar a viaxe, estaría moi ben botarlle 0utra ollada ó artigo de Paula López Ortas. Está na páxina do Centro Virtual Cervantes, o mesmo que o enlace á entrevista que lle fixeron ó noso autor en TV2 hai uns anos. Non deixedes de ler tampouco o artigo de Álvaro Guevara, que analiza a obra dende a perspectiva do director teatral.
E aínda para unha visión rápida do autor -a máis rápida é a do libro de texto- atoparedes este traballo en "El rincón del vago".

18.12.07

Xavier Alcalá

Hai uns días deixabamos aquí uns "apuntiños" acerca da última novela de Xavier Alcalá. Hoxe só queremos anotar unha noticia que publican Galicia Hoxe e mais El País sobre a cesión de documentos orixinais do autor á RAG.
Unha das obras ás que se refire a noticia é Latitude Austral (1992). Non foi a única que propuxemos como lectura, pero desta gardamos máis grato recordo porque tivemos o luxo de que o autor nos viñese falar dela. Despois seguiu un animado coloquio (e non é frase feita) que case durou tanto coma a conferencia. Disto xa hai uns anos e tería que botar man das notas para refrescar datos máis concretos. Comento isto porque, mellorando o presente, un bota de menos aquelas actividades e aqueles lectores.

17.12.07

Bernardino Graña. Conversas.

Conversas con Bernardino Graña, de Rafael Fernández Lorenzo e Héitor Mera Herbello (Vigo, Xerais, 2005).
O libro está editado na colección “Crónica”, mais lese coma unha novela.
Comeza o escritor relatándonos a súa infancia e mocidade, dacabalo entre Ribadavia e Cangas. Describe as condicións de vida da época e ilustra o relato con anécdotas que, sen desviarnos do camiño principal, resulta un gozo para o lector.
Segue despois coa etapa universitaria, igual de abafadora, en cidades como Santiago, Salamanca e Madrid. A universidade, pexada polo réxime triunfador na guerra civil, non satisfacía as ansias dos estudantes mozos, que procuraban outras vías para a información e a creatividade.
No campo do estudo da literatura son especialmente interesantes os dous últimos capítulos, dedicados ó grupo Brais Pinto e ó propio escritor que nos fala.
De forma divertida, Bernardino Graña cóntanos a xénese dese importantísimo grupo creador e animador da nosa cultura, ó que o escritor pertence. Comeza pola anécdota bautismal do propio grupo: Brais Pinto, pretendido afiador que percorreu medio mundo detrás dunha roda que abandonou nun tranvía en Madrid cando a morte o levou deste mundo. Bernardino Graña responde ás preguntas dos entrevistadores cun retrato dos membros do grupo: Alexandre Cribeiro, Raimundo Patiño, César Arias, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Herminio Barreiro, Fernández Ferreiro, Méndez Ferrín... Un grupo que se foi diluíndo nunha sociedade cada vez máis normalizada, pero que non sería o que hoxe é sen o traballo e a ilusión destes persoeiros.
Tamén teñen interese para coñecer grupo e época as referencias literarias –propias e alleas– que Graña cita: Aleixandre e Henri Michaud, no verso; Sartre, no pensamento; Natalie Sarraute e Marguerite Duras, na narrativa. Referencias que se irían acrecentando ou cambiando: Neruda, Cesar Vallejo, a xeración beat (Ginsbert, Jack Kerouac), Mark Tobey, Jackson Pollock, Dylan Thomas, Faulkner, Borges... No caso do noso autor, cómpre salientar a mirada cara a pensadores e poetas orientais (o libanés Khalil Gibram, por exemplo) ou achegados a nós (Torga).
Rematan as conversas cun repaso, curto pero intenso, á súa propia obra, que abrangue teatro e narrativa, se ben Bernardino Graña recoñece que foi máis solicitado como poeta.
Se procuramos un fío condutor do seu quefacer como persoa e como escritor, ese fío levaría enganchados a bondade, a confianza no xénero humano, a visión positiva da vida, o compromiso social e o amor que todo o goberna.


16.12.07

Linguogalbanas

Enlazo esta noticia relacionada coa lingua dos nosos quereres. Ós alumnos de bacharelato convíñalles, se cadra, botar unha ollada a este estudo que nos anuncia a entrevista con Xosé Manuel Sarille. Quen isto escribe, pensa facelo. Lamento que para moitos de vós o asunto remate cando se dá por rematado o ditoso epígrafe de "lingua e sociedade". Pero non hai que queixarse tanto: o asunto da Primeira Comuñón lévao moitísimo peor.
Volvendo ó rego da linguopreguiza:
a) Con ou sen PISA, o galego amolece.
b) Os políticos teñen tanta gana de normalizar o idioma como de arrincaren unha moa sa. Os únicos que o poñen en dúbida son os propios políticos, pero eles non o saben.
c) ¿Houbo realmente algún proceso de revalorización da lingua?
d) Cómpre que a lingua ande mal, mais que non morra. Deste xeito sempre terán unha arma arreboladiza barata e sensible.
Tamén hai voces que din que xa abonda de pesimismo, que estamos nunha boa posición para poñer a lingua a flote...
O tempo dirá.
Pero entrementres, ós que estamos cheos de pesimismo permítasenos lembrar que tamén se volvían optimistas os que estaban a morrer de tuberculose. E permítasenos tamén que, non hai tanto tempo, certas solucións "óptimas" encheron as costas de chapapote.
Pesimismo á parte, os políticos -sobre todo os que ostentan o poder- deberían deixar de lavar a lingua coma Pilatos.
Dentro dus días botarémoslle unha ollada a A impostura e a desorientación na normalización lingüística. E non vai ser por meternos un xute de pesimismo. ¡Quen nos dera!

13.12.07

Xavier Alcalá. Unha falsa luz (2)

De interese para bachareis.
Dámos hoxe cunha nova noticia sobre a esta novela de Xavier Alcalá, derradeira da triloxía Evanxélica memoria. Desta vez (lembrade a anotación de máis abaixo) atopamos datos sobre a xénese da novela, amén doutros datos que axudan á súa comprensión ó situaren os feitos narrados no seu momento histórico.

Insistimos para aqueles que calculan o valor dos libros polo groso do canto que, aínda tratándose dunha novela longa, resulta doada de ler. E mesmo ten moitos momentos divertidos, malia que a etapa histórica narrada resultou para os que a viviron negra de máis. ¿Imaxinades a certo político, aínda en activo, deitado no chan para...? Mellor, descubrídeo vós mesmos.

Un dos aspectos máis salientables da novela é o ser testemuña da represión. Mais tamén o é da miseria moral, da beatería, do complexo de ovellas que asolagou os perdedores da guerra... E, por outra banda, resulta un atinad0 relato das ansias de liberdade, do desarrollismo, das ansias de progreso material e moral da xente do común, do silencioso e lento cambio de mentalidade que foi aniñando no pobo á marxe das consignas dos mandatarios...

En fin, temos para ler unha boa crónica que abrangue a vida política e social dos galegos -e do resto dos españois- dende a segunda metade do século XX.

11.12.07

Durmido sobre os espellos, de Jordi Sierra Cuestionario


Para o club de lectores de Durmido sobre os espellos, de Sierra i Fabra, deixo este cuestionario.
Xa falamos na aula das condicións desta lectura. Así e todo, vou repetir aínda o desexo de que traballedes en equipo. O punto de encontro do club atoparédelo neste blog. O local está aberto a todas horas, ou polo menos mentres o permita certa compañía de telecomunicacións. Quen teña dificultades coa chave, que avise.
Aburiño.

CUESTIONARIO

1. Redacta en dez liñas o argumento da novela.
2. Segundo a novela, ¿que situación se vive en Cuba no momento da visita do protagonista? 3. A novela estructúrase en tres partes. Comenta este aspecto.
4. Segundo a túa opinión, ¿cal é o tema central da novela?
5. A novela é unha viaxe iniciática. ¿Que aprendeu o protagonista para a vida nesa viaxe?
6. Analiza a figura do avó do protagonista.
7. Á luz da novela, comenta esta afirmación: “A liberdade ten un prezo”.
8. ¿Que personaxe da novela é o modelo humano que o protagonista quere imitar?
9. Explica o título da novela.
10. Tira da novela aqueles personaxes reais que foron influentes na revolución cubana.
11. ¿Que feito histórico, revelante para o país, foi o que padeceron os avós do protagonista?
12. Segundo a novela, ¿pode afirmarse que os seres humanos non son realmente donos do seu destino?
13. No remate da novela, o protagonista une no seu maxín as figuras de Tania e mais da avoa. Explica o motivo.
14. A figura do avó sintetiza os ideais dun revolucionario. ¿Cales son eses ideais?
15. ¿Cal é o pago que os avós do protagonista tiveron que facer por seguir un ideal?
16. No inicio da novela o autor describe o pai e o tío do protagonista como personaxes opostos, malia seren irmáns xemelgos. ¿Ten este recurso algunha utilidade dende o punto de vista novelístico?
17. Ó longo da novela inténtase dar unha visión da situación cubana desde diversas ópticas. ¿Como se describe esa situación?
18. Analiza o uso que se fai na novela da figura da muller.
19. Analiza a figura do protagonista.
20. Tendo en conta a presente situación de Cuba, ¿que valor ten esta novela?

10.12.07

Xavier Alcalá. Unha falsa luz

Recoméndovos ós bachareis que vos acheguedes a esta terceira parte da triloxía titulada Evanxélica memoria. Atoparedes nela unha historia novelada da presenza evanxélica no noso país.
Na novela á que se refire o artigo enlazado, Xavier Alcalá narra a memoria dos feitos máis salientables da historia do século XX dende a guerra civil.
Aqueles que teñades un sentimento relixioso tamén aproveitaredes a forma -unha delas- de vivir a fe, de conciliar vida e crenza.
Non pensedes, así e todo, que o protagonista narrador é un beato santulario. Ten moi bo ollo clínico para diagnosticar a caste de xente coa que se vai cruzando. As dificultades sufridas volvérono espelido.
A obra resulta de lectura agradable e cómpre facelo sen présa. Será de especial utilidade para aqueles que teñades un certo pendor pola historia e pola sociedade.

9.12.07

Bilingüismo made in Belgium

Confeso que Bélxica é ¿un país? que me cae instintivamente simpático. Por riba, as xentes que andamos por este instituto de nivel europeo (non son eu quen o di) temos aínda outras razóns para tal sentimento: lembrade polo menos a dous nativos que impartiron clase no centro. A maior abondamento: un, flamengo de fala; e a outra, francófona (ou ó revés, xa non me lembro ben).

Sobre a situación lingüística en Bélxica tamén atoparedes un artigo publicado na revista Perfil, e escrito por quen coñecía a situación de primeira man.


Hoxe tropezo con dous artigos nun xornal francés que non deixan de aqueloutrarme. Non polo que estea a pasar en Bélxica, que é un país civilizado, senón polo que podería significar para nós unha situación semellante.


Prégovos ós bachareis que os leades e, de paso, xuntádelos co que xa tedes sobre "lingua e sociedade".


Os artigos ós que me refiro son: Yves Leterme pête les plombs (encore) e mais Yves Leterme, le politicien qui tient parole. O primeiro é máis interesante dende o punto de vista lingüicida. Ambos os dous artigos veñen citados no periódico francés Libération.


¿Cando deixarán os políticos de ter lingua de zapatilla?


Aburiño e regaládevos, como dixo C.

Lingua esgallada (33)

LINGUA ESGALLADA-33

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e coloca na recadro correspondente a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

330
Ten cancro, como había tido moitos compañeiros del
331
Síntese mui mal porque xa non poden estar xuntos
332
Unha das bazas que lle facían seguir...
333
Enviáballe diñeiro, a veces xoias
334
Pensando en elas
335
Transcurre, parte en 1936...
336
Pide a un pintor que lle retrate
337
Xa que lle recorda os seus orixes humildes
338
Que cambie ese paisaxe
339
El quédase a mirar e póñese triste

_______________
CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Traballo para a mellora de nota, segundo criterios programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog.

5.12.07

Neira Vilas

De especial interese para os bachareis.

Déixovos enlazados un artigo e mais un vídeo protagonizados polo escritor Xosé Neira Vilas.


Aínda que o motivo da noticia sexa o próximo centenario do himno, a nós aínda nos interesan máis os aspectos históricos, biográficos e éticos (ou de educación en valores, se o preferides) que destacan no artigo.


2.12.07

Tintín. O modelo da Castafiore

Seguen aínda as celebracións do centenario do nacemento de Hergé. Sobre o asunto xa deixamos aquí algún "apuntiño". Nós celebramos que Tintín tamén fale galego. Contamos coa colección completa na biblioteca do centro e podedes botarlle unha ollada: non está prohibido nin é pecado nin engorda.
Hergé (Georges Remi) documentábase concienciudamente para compor as súas historias. Neste sentido foi un traballador honesto, malia pecar de inocente ou politicamente incorrecto nalgunha ocasión. O artigo ó que nos queremos referir é un exemplo máis. Publícao o xornal Libération (2-12-07) e refire unha anécdota recollida por Bruno Costemalle no libro Mais où est passé le crâne de Mozart?
Pois segundo Bruno Costemalle, o modelo vivo da Castafiore foi unha americana rica chamada Florence Foster Jenkins. Cantaba mal, seica (escachaba as orellas, di algún comentarista), pero tiña diñeiro para alugar un bo local e "y massacrer les grands airs du répertoire lyrique".
O personaxe de Hergé non é tan cruel, salvo na opinión do rosmón Haddock. Para coñecelo un pouco mellor, propomos unha pequena actividade nas seguintes condicións:

1. Actividade voluntaria.
2. Para mellora de nota, segundo se contempla na programación da materia.
3. Propósito do traballo: estudar o personaxe da Castafiore.
3.1. Álbums nos que aparece.
3.2. Como é a súa imaxe.
3.3. Como se caracteriza o personaxe.
3.4. Cal é o seu papel nas historias en que actúa.
3.5. Cal é a súa relación co resto dos personaxes.
4. Extensión do traballo: entre tres e seis páxinas, sen contar imaxes.
5. Soporte: papel, dixital ou, mellor aínda, blog do grupo.
6. Prazo de entrega: ata o 31 de xaneiro de 2008, se seguimos vivos.
7. ¿Onde atopar os álbums? Na biblioteca do instituto, recoiro.
8. Para calquera outra dúbida, consultade co profe. Ás veces vai á clase.