Amosando publicacións coa etiqueta Banda deseñada / Ilustración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Banda deseñada / Ilustración. Amosar todas as publicacións

28.1.20

Viale Moutinho. "Manhas do gato pardo"

José Viale Moutinho preséntanos nesta obriña a adaptación de media ducia de contos populares rusos:
  1. "Manhas do gato pardo"
  2. "Urso pateta"
  3.  "Raposa rapozeca e cegonha de bico comprido"
  4. "A união faz a força"
  5. "Casa panela de barro"
  6. "Comer, beber, rir e fugir"
1. En  "Manhas do gato pardo" (que dá título a toda a colectánea) temos un gato demasiado lambón ao que a dona bota fóra da casa despois de lle quentar a pelella. Mallado e choroso vai camiñando na procura de novo acubillo. Vano acompañar na viaxe o carneiro e o bode, convencidos polo gato de que poden rematar nun bo asado. Van atopando outros animais polo camiño: uns, amigos, coma o oso; outros, inimigos, coma os lobos. O gato mañoso vainos librando dos perigos que poidan aparecer por eses camiños do mundo.
O relato ten unha estrutura semellante á dos músicos de Bremen, mais nesta vagabundaxe os protagonistas non se propoñen lograr un obxectivo definido, senón que semellan preferir ir tirando sen rumbo e procurar saír sans e salvos dos perigos que se lle presenten. Máis que un equipo solidario semellan un grupo dirixido por un líder astuto --o gato-- que os fai actuar en proveito de todos, aínda que lles custe algún sacrificio.

2. Un oso parvo e un labrador aproveitado de máis son os protagonistas desta breve historia. O labrador vai convencendo o oso de que, no canto de comelo, resultaríalle máis beneficioso colaborar con el. Pero o humanao resulta ser unha grade que leva todos os terróns e o babeco do oso queda sempre a velas vir. Canso dos abusos do labrador, o oso encabúxase e estrágalle os cultivos de xeito que ninguén saca proveito do campo. No remate de contas, labrador e oso non se poden ver.

3. O mesmo resultado, aínda que desenvolvido con métodos máis sutís, é ao que se chega na historia da raposa e a cegoña. A actitude aproveitada da primeira e o pago coa mesma moeda da segunda fan que se perda unha boa amizade. É o que ten querer quedar ben sen facer gasto.

4. O resultado contrario acádase cun cambio de actitude. No relato "A união faz a força" demóstrase que a colaboración honesta entre individuos, aínda que non se leven ben, dá sempre bo resultado sen que ninguén saia prexudicado.
Tamén demostra que sae a conta confiar na sabedoría dos vellos.

5. Na casiña da panela de barro vanse xuntando animaliños diversos que gustan do acubillo e viven felices nel ata que chega un oso paspallán e abusón que lles escacha o refuxio. Tamén neste relato a unión fai a forza e a acumulación de recursos dos amigos serve para lle dar ao oso unha lección inesquecible.

6. En "Comer, beber, rir e fugir" un pobre estorniño vese obrigado a facerlle o traballo suxo a un raposo que o ameazaba con paparlle os fillos. Canso do insaciable extorsionador, acaba por tenderlle unha trampa para que o raposo acabe nas mans dos cazadores.

Velaí, pois, media ducia de historias populares que nos agasallan a vellos e novos con consellos útiles para a vida en calquera lugar e tempo.

_______________________
Viale Moutinho: Manhas do gato pardo. (A ra que ri), Lisboa, Plátano Editora.
Ilustracións: João Luís.

18.2.17

O Garaxe Hermético. Verne imaxinado

Verne imaxinado é unha obra colectiva realizada polo alumnado do Garaxe Hermético (Escola
Profesional de Banda Deseñada e Ilustración). Reúne un mollo de sete pequenas historias que reinterpretan o universo verniano.
Explican na introdución o sistema de traballo: “Equipos formados por alumnos e alumnas repartímonos o traballo ao longo de todo o proceso creativo”.
A través das sete historias, o lector recoñece o Verne máis universal e mergúllase nas que foron ou puideron ser as súas fontes de traballo e inspiración. Esas minihistorias son:

  1. “O cego”:  Verne está a sufrir unha crise de creación cando sabe do falecemento de Amandine Aurore Dupin (George Sand). Lembra como foi o seu encontro con ela e como lle serviu de inspiración a autora e a novela Laura, viaxe a través do cristal. Nesa obra inspírase a novela verniana Mistress Branican (única de protagonismo feminino).  Como di o protagonista desta pequena historia: “Ao cego de nada lle vale o espello”, pero nel latexa outro tipo de vida que paga a pena. “O cego” tamén é unha homenaxe aos cambios sociais logrados grazas á loita feminista
  2. “O vello”: Un vello capitán retirado cóntalle a Verne a historia que provocou o seu odio irredutible contra os ingleses. Despois de despedirse para continuar a viaxe, o escritor anota o nome: Nemo.
  3. “A illa”: Unha illa que navega como un globo; un enxeñeiro que traballa para gobernos que paguen as armas de destrución masiva que deseña e constrúe… Ao capitán que recollen parécelle que lle fan  perder á arte da guerra o que podía ter de heroico, pero acabará por comprobar que  “é tráxico descubrir que non podemos confiar na palabra dos poderosos”. Esta minihistoria é unha homenaxe á novela A illa misteriosa.
  4. “A aposta”: Lémbranos A volta ao mundo en 80 días. Unha aposta perdida e unha vida salvada dálle a Verne o título da novela.
  5. “A mesa”: Uns ladróns entran na casa do escritor, que xa non está en activo; descobren a mesa do sabio Salomón, que segue amosando mundos novos e misteriosos que poñen en fuga os ladroeiros pero encabuxan a un vello Verne que xa non os vai novelar.
  6. “Os peixes”: Un barco de pesca marcha para o mare de Terranova. Os mariñeiros manifestan desconfianza porque un deles meteu a bordo un animal con pelos. Pero os malos agoiros non se cumpren: cargan o barco a tope e, ademais, os peixes traen no ventre cupóns de lotería. Regresan á casa contentos coa súa boa sorte.
  7. “O buzo” (sic): historieta protagonizada polo propio Nemo, preso no afundido Nautilus vixiado por unha lura xigante; fala en pasado e non ve o seu rostro no espello.
No seu conxunto, os relatos son de agradable lectura e contemplación. Só resultan un pouco magoantes algunhas grallas lingüísticas, doadas de arranxar e que non restan ningún valor a estes estupendos traballos. As historias recrean e interpretan o universo verniano e a súa simboloxía e, asemade, desenvolven unha temática propia que vai na liña da reivindicación da igualdade entre as xentes e os pobos, da vida digna e en paz, da valoración da ciencia e mais da imaxinación.

O Garaxe Hermético, Verne imaxinado. Deputación de Pontevedra, 2016.

20.1.16

Rodrigo Cota / Jano, Nacho Camacho

Imaxe: Demo Editorial
Avísasenos en nota introdutoria que o álbum recolle as tiras do personaxe Nacho Camacho creado para a revista Retranca (desaparecida).
Os autores presentan o personaxe como macho alfa, macizote de ximnasio (aínda que non o pise), materialista e admirador de Clint Eastwood. O seu mellor amigo espétalle na cara que “ademais de ser imbécil es un homófobo impresentable”. Quizais o salve que Nacho Camacho descoñece os significados das dúas últimas palabras. A nai/sogra non é menos benigna: “anormal” e “borracho” (recado transmitido a través da inocencia do neto).
Pero o problema que máis o tortura, así e todo, é a homosexualidade do fillo preadolescente. Séntese incapaz de “curalo”, de convertelo nun home de verdade. O fillo demostra máis madurez, naturalidade e sentido común ca o seu proxenitor, a quen trata sistematicamente por Nacho (nome familiar / ghicho calquera).
A reflexión máis profunda sobre si mesmo é unha visión dende fóra e tópica; séntese identificado con certa imaxe de político: cacique, ladrón, corrupto, puteiro, borracho, mentiroso e oportunista. Sen querelo, descobre que daría un “alcalde perfecto”.

Se fose de carne e óso, Nacho Camacho daría pena, malia que provoque a risa. Estariamos ante un individuo antisocial, incapaz de soportarse a si mesmo, tal como nos amosa a tira da páxina 11. Tira que tamén insinúa que este tipo de individuos son de imposible corrección.
O cómic presenta a estrutura do medio para o que foi creado: tiras que contan historias breves e completas. Esta estrutura anecdótica, ganduxada pola personalidade do protagonista, dá aos ollos do lector a sensación de historia unitaria e completa.

Sobre a obra:

Rodrigo Cota / Jano, Nacho Camacho. A Coruña, Demo Editorial, 2014.

4.1.16

Iban Zaldua e Julen Ribas. A vitoria final


A tenente da policía Sigfrid Frisch ve interrompida a lectura d’ A vitoria final porque o seu compañeiro Ernst lle dá o aviso da aparición dun cadáver no río. A vítima non presentaba trazas de ter morto afogada nin accidentalmente. Levaba aferrado na man un anaco de papel que resultou ser dun cómic coma o que estaba a ler a tenente e tiña embigo, cousa moi estraña en 2050 na Alemaña vencedora da II Guerra Mundial. O caso presentábase complicado porque non se trataba xa dun simple crime, senón da aparición dun elemento infiltrado nunha sociedade de individuos racialmente seleccionados.
A investigación da tenente, ademais de botar luz sobre o caso, serve para poñer ante os ollos do lector unha problemática permanente na historia da humanidade, independentemente do marco cronolóxico que se lle asigne. A tenente Frisch personaliza a loita do individuo fronte os sistemas sociais asoballadores, o valor da persoa libre fronte a burocracia esmagadora.

Así, na Alemaña vencedora de mediados do século XXI atopamos unha sociedade protocolizada ata o máis mínimo detalle. Os avances científicos permiten a selección da raza e a creación de individuos á carta (ata hai un ministerio do ramo). Tamén o pensamento está controlado e nin a policía se libra de padecer o control doutra policía.  A burocracia encorseta a actividade e saltar as súas prescricións significa situarse perigosamente fóra das normas. O estraño debe ser controlado e o disidente, eliminado.
Ademais da pureza racial, do control ideolóxico e a burocracia, ao lector resultaralle familiar a Gestapo, as SS, os uniformes, o antisemitismo e a propaganda oficial como creadora de verdades dogmáticas: gaba as marabillas do réxime e nega as súas miserias. Neste panorama, a tenente Frisch non deixa de ser unha subversiva que, malia ser tolerada, debe someterse ao control da autoridade competente. O seu ex marido é un home de éxito, con influencia social; a ela retiráronlle a custodia do fillo. A nosa protagonista non dubida en enfrontarse á policía ideolóxica nin en saltar as regras para o desenvolvemento do traballo; tamén viste dun xeito informal, fuma no coche e recoñécese voraz lectora de “estúpidos” cómics, ese “lixo para proletas”.
O cómic convértese no tema central do propio cómic. A actividade da protagonista (en color) desenvolve a acción da lectura interrompida (en branco e negro). A historia que nos conta o cómic que temos entre mans vén sendo a consecuencia do final da historia que a protagonista está a ler. Mais o terrible da situación é que para o lector, sexa cal for aquel final, o resultado será o mesmo: ter embigo ou deixar de telo será un problema se así o decide quen dite a norma; cambiarán as roupas e os uniformes, pero os portadores desempeñarán os mesmos papeis; a burocracia e os seus protocolos seguirán sendo igualmente abafadores… E o lector sentirase, en ambos os dous casos, unha vítima potencial á que non lle queda outra que a subversión.

Falan da obra

Iban Zaldua e Julen Ribas. A vitoria final. Compostela, Urco Editora, 2014. Tradución Karlos Cid Abasolo e Ricardo Pichel Gotérrez.

13.8.15

Antón Fortes & Maurizio A. C. Quarello, 'Caderno de animalista'

Imaxe: Letra pequena
Advírtenos Antón Fortes na introdución que Caderno de animalista é un achegamento “a unha serie de obras emblemáticas” dun período que elevou ao cume a pintura e a literatura. Salvo erro, os artistas re-visionados neste libro cobren un tempo que vai de finais do XIX aos anos 60 do século XX, exceptuando a Goya que, se ben é máis antigo, non resulta menos vangardista. Degas, Toulouse-Lautrec, Mondrian, Klimt, Warhol, Dalí, Picasso, Munch… a obra escolma o mellor das vangardas pictóricas, especialmente as relacionadas coa bohemia parisina. E esa nova lectura de obras hoxe clásicas feita dende o punto de vista animal resulta enormemente racional e lúcida.
O carácter lúdico deste libro non impide a crítica social nin o tratamento de temas que preocupan a sociedade actual. Velaí están as referencias á “arte dexenerada” do nazismo ou á produción industrial ou á contaminación.
Admite distintos niveis de lectura, non só a infantil ou xuvenil. Son moi interesantes as propostas didácticas que  fan Inés Martínez e os blogs O lar de Frianciño e Letra pequena, ligados embaixo.

Dictiografía

Antón Fortes & Maurizio A. C. Quarello, Caderno de animalista. Pontevedra, OQO, 2008.

4.7.15

Heliane Bernard / Olivier Charpentier, 'Guernica'

Imaxe: Kalandraka.com
Heliane Bernard (historiadora) e Olivier Charpentier (ilustrador) vanlle dando corpo ao proceso creativo do Guernica. Acoutan o período histórico de febreiro de 1936 a maio de 1937, é dicir, dende a subida ao poder da Fronte Popular ata o remate do cadro que recolle a pavorosa sacudida que significou o bombardeo da vila vasca (26-04-1937). O relato deseñado segue o fío do acontecemento histórico e engádelle o noxo e o horror que a barbarie produciu no ánimo do artista. Ante os ollos do lector, acontecemtos históricos e sentimentos íntimos van confluíndo para explicar a xénese dun mural que recolle a esencia dun país desfeito por unha guerra fratricida e preludia unha etapa negra na historia da humanidade provocada por réximes políticos alicerzados no odio.
Compleméntase o álbum cunha exposición didáctica sobre o acontecemento histórico, un retallo biográfico de Pablo Picasso, unha descrición da súa traxectoria artística e unha análise do Guernica e das súas particulares vicisitudes.
___________
Heliane Bernard / Olivier Charpentier, Guernica. Pontevedra, Kalandraka, 2008. Tradución de Emma Lázare.

23.5.14

Luis Davila. O bichero. Menudo día!!

Para os lectores de Faro de Vigo e os seguidores do blog de Luis Davila os personaxes do álbum O bichero. Menudo día!! sonlle como da familia ou, polo menos, da parroquia. O lector que percorre as tiras d’O bichero vai enganchando con siña Palmira ou con Merseditas, Encarnasión, Mucha, Sinda, Concha, Marselino, Moncho, Benito, Argimiro ou mesmamente Tucho (q.e.p.d.), e vai sabendo das novas que lle concirnen mellor que lendo un xornal. Porque ás historias d’O bichero pódeselles pór data, nomes e apelidos; son noticias debuxadas e ben explicadas.
Aínda que o mundo urbano non é estraño, nestas tiras cómicas achamos unha representación sui generis da aldea global. Os parroquianos anteditos móvense con absoluta seguridade e confianza polo mundo. Tanta que nin sacan o pano da cabeza nin tiran a gorra. Sexa cal for a novidade ou o trebello tecnolóxico, pasará o conveniente proceso de interpretación, asimilación e modificación ata convertérense en ideas ou obxectos de toda a vida. Velaí están, por exemplo, o robot de limpeza cunha fouce implantada (robot con plug-in) ou a planadora tuneada.
Coma no país, abonda n’O bichero a xente da terceira idade, ou próxima a ela, e escasean os mozos. Pero todos eles amosan unha evidente calma retranqueira e un aguzado instinto de supervivencia, do que tamén participan os animaliños que fornecen a nosa despensa. Estes parecen estar animados do mesmo espírito cós humanos.
As tiras están agrupadas tematicamente e o lector non bota en falta ningunha faceta importante da actualidade. No álbum está o retrato da sociedade e da política (corrupción, recortes en sanidade e educación, paro, preferentes, xustiza…), do mundo do deporte (coas súas virtudes e corruptelas), das relacións humanas (familia e parella, sobre todo), do tempo de lecer (vacacións, viaxes, consumo), das ferramentas tecnolóxicas e o seu uso, da meteoroloxía e os seus efectos… Non falta nin o feísmo.
En fin, O bichero péscanos retallos da vida diaria que coñecemos por propia experiencia. Ofrécenos, en definitiva, un vital menú do día!!

Sitiografía

Luis Davila, O bichero. Menudo día. Pontevedra, 2014. Edición autor.

28.8.13

Xosé Manuel Rodríguez Moxom. O lobo da xente

Moxom presenta esta obra como unha adaptación libre do relato de Vicente Risco. A versión en cómic tamén é moi respectuosa co orixinal e capta perfectamente a intención do etnógrafo. Inventar, recoller e transmitir historias ten múltiples finalidades tales como explicar o noso universo simbólico, entreterse, ligar…
É sabido que O lobo da xente trata o tema da licantropía. Unha moza vira en loba por culpa dunha maldición materna, enche o monte de vítimas das súas gadoupas e sementa o medo no corazón das xentes da bisbarra. No caso que nos ocupa, explícanse as causas da maldición non merecida: unha situación de malos tratos, un padrastro que tenta abusar da filla e unha nai cega ante a situación. Cóntallo a protagonista ao mozo que a liberou da súa pel de loba.


Imaxe e texto fan boa avinza. Un mínimo de palabras pon o lector en situación; o resto cáptao coa contemplación das imaxes. Por citar só un exemplo, a sensación de terror que provoca o lobo no ánimo da xente transmítea o cómic cunha acertada combinación de economía verbal e expresivas imaxes.


Falan da obra




Xosé Manuel Rodríguez Moxom, O lobo da xente. ACX BD Banda/Fundación Vicente Risco, 2009.





18.8.13

David DiGilio/Alex Cal, Vento do norte


A historia sitúase na cidade de Lost Angeles. O mundo leva máis de douscentos anos cuberto de neve. A
Imaxe: El Patito Editorial
xente tenta sobrevivir como pode, mais nin sequera nunha situación apocalíptica faltan os conflitos. Como resume un dos personaxes (Mulligan, o científico considerado tolo), “en todo este tempo sobreviviron tres cousas: as cascudas, as putas e os ditadores. Aquí temos das tres... Pero algúns queremos cambiar”. Este desexo de cambio, máis ou menos consciente, é o que move a historia que escribe DiGilio e debuxa Alex Cal.


Nesta situación catastrófica xorden dous mundos antagónicos: o dos que sobreviven solidariamente na superficie (os proscritos) e dos seguidores do líder abusón e ditador que controla os medios de produción de calor (os preeiros, que viven baixo terra). Cae de seu que quen ten o ben máis necesario e prezado en calquera situación ten tendencia a procurar o sometemento do resto da humanidade. A situación non cambia mentres os proscritos non presentan batalla e gañan. A xustiza volve ao seu rego. No camiño quedan moitos caídos, entre eles os líderes. A historia cóntalla a nai ao fillo póstumo daquel proscrito que deu a súa vida en defensa da liberdade e preséntalla como lección para vivir en comuñón coa natureza.



Falan da obra



David DiGilio/Alex Cal, Vento do norte. Santiago de Compostela, El Patito Editorial, 2010.