Amosando publicacións coa etiqueta Estudos literarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estudos literarios. Amosar todas as publicacións

28.7.15

Avelino Muleiro (coord.), 'Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino'

Imaxe: Librería Andel
Persoeiros da cultura, do país e de fóra, reúnense nesta obra para homenaxear o escritor Xosé Neira Vilas e a súa criatura máis universal, Balbino, con motivo do 50º aniversario de Memorias dun neno labrego. Da lectura longa e entretida deste volume que recolle análises, experiencias e opinións sobre autor e obra, o lector aprende que:
  • o propio autor é un balbino máis;
  • o personaxe vén sendo o epítome do emigrante e da aldea global;
  • Balbino é da estirpe dos bos e xenerosos; un rapaz con conciencia de clase que sabe da falta de compango; un labrego, exemplar da cultura labrega porque lles lembra aos gandeiros de onde veñen; un labrego que esperta o orgullo de sentirse tal; un labrego que eleva a fala á dignidade que merece;
  • Balbino é un neno dun país sen as escolas necesarias para os que teñen devezo por aprender; escolas que non falan a lingua ágrafa que os nenos maman;
  • a lingua é un cordón umbilical que une á Terra, sobre todo se se está lonxe;
  • Balbino describe unha época e unha Terra moi próxima aos que lles tocou vivilas e converteu unha aldea en universal. As súas memorias son unha radiografía etnográfica natural e auténtica (Avelino Muleiro);
  • as súas reflexións valen para calquera neno de calquera tempo e lugar. para el, vivir e pensar son dous aspectos indisociables da persoa;
  • Balbino apréndenos outro xeito de ollar. Un exemplo de amor á Terra (Marcos Seixos), que reclama os dereitos humanos na súa lingua;
  • Balbino vén sendo a representación de cada Ninguén, unha “gratificación na autoestima” (Baldomero Iglesias).

Falan da obra

Avelino Muleiro (coord.), Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino. Vigo, Ir Indo, 2013.

2.7.15

Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Este libro recolle a exposición coa que se homenaxeou o poeta o Día das Letras do 2014. Trátase dun traballo colectivo coordinado por Alfonso Blanco Torrado que, baixo o título de "Unha voz limpa e comprometida", traza a traxectoria vital e poética do homenaxeado e sintetiza o triplo basamento da súa obra: lingua + paisaxe + cultura labrega. Afirmación que se pode ver corroborada polas imaxes desta fotobiografía.
Completan o traballo as achegas de Luís G. Tosar ("Diálogo con palabras amadas e soñadas") e Armando Requeixo ("A poesía que non se vai xa máis" e a "Cronoloxía", ampla e detallada).
Como agasallo, acompaña ao libro o documental de Xosé Antón Cascudo, O instante eterno, que recolle o espazo poético diazcastriano.
Imaxe: Xosé Cid. Escultor


Dictiografía

Alfonso  Blanco Torrado (coord.), Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz. Vigo, Galaxia / Xunta de Galicia, 2014.