22.8.08

Elfriede Jelinek. O que ocorreu despois de que Nora abandonara o seu home (1)

Nora, o personaxe da obra de Ibsen Casa de bonecas, abandona marido e fillos para fuxir dun matrimonio abafador. A partir de aquí, Elfriede Jelinek imaxina a continuación da vida de Nora. Ábrese o pano e o espectador atopa a Nora pedindo traballo nunha fábrica. Segue a ser unha muller dinámica e valente, mais a necesidade apréciaselle na roupa fanada. Traballará na fábrica como obreira, converterase na amante do señor Cónsul (Weygand) que a trata como mercadoría perecedoira, pasará ás mans doutro político, seguirá prostituíndose e rematará volvendo co seu marido -arruinado polo seu antigo amante-, con quen vivirá quizais a derradeira etapa da súa vida baseada nunha especie de autoengano que lle axuda a non perecer ante o fracaso e a alienación.

De pano de fondo d' O que ocorreu despois de que Nora abandonara o seu home temos a sociedade do primeiro terzo do século XX, co auxe do fascismo e o fracaso da socialdemocracia: "Na radio escóitase unha marcha. Reminiscencias do temperán fascismo alemán". Helmer non lle deixa apagar a radio, porque lle gusta moito escoitar esa música. Tamén se pregunta o infeliz -nin se decatara de que todo fora un negocio sucio- se non serían os xudeus os que lle prenderon lume á fábrica. Con esta escena vaise apagando a luz do escenario.

Elfriede Jelinek. denuncia a situación da condición feminina e o dominio abafador da economía sobre todos os demais aspectos sociais. Os personaxes desta obra falan sen tapullos dos negocios sen outro criterio que a multiplicación do seu capital. O poder exércese co mesmo obxectivo: manter a obediencia das masas populares e explotalas para o enriquecemento persoal dos poderosos. Non hai afecto nin amizades, só relacións comerciais. Un personaxe paradigmático para ilustralo é Weygand: "O home é un morto a crédito, a muller putrefacción a prazos" (p. 110). O personaxe defínese a golpe de frase lapidaria; non pensa, actúa seguindo máximas. Velaquí dúas moi significativas. Unha, o seu concepto de beleza: "A beleza máis grande que se poida imaxinar (...) tena o capital" (p.58). A outra, o seu concepto da muller: "No que respecta ás mulleres, o que conta para min, sabendo que representan mercadoría que se bota a perder doadamente, é a calidade sobre a cantidade" (p. 51). Para este personaxe, Nora non é moito máis ca unha moeda de cambio (p. 55).
Weygand é un personaxe monstruoso. Non é o único. Case se pode dicir que Jelinek pon en escena personaxes deste estilo, como estereotipos, movidos por un único propósito. E os que en principio non eran desta fasquía, acaban por podrecer pola acción dos outros, que son os que exercen o poder nas sociedades. Quizais por isto nos resulte tan sobrecolledora esta obra: non se trata só de que Elfriede Jelinek estea botando fóra os seus fantasmas; é que a historia aínda non parou de lle dar a razón.
Por veces, o espectador ten a sensación de que os personaxes non falan entre si, senón que manifestan en voz alta os tópicos que os gobernan. Por exemplo, a escena 7 (p. 45):

OBREIRA: Que sexamos golpeadas consola os nosos homes polo feito de non sermos
capaces de consolalos polas circunstancias.
OBREIRA: Ninguén é tan miserento que non teña algo aínda máis miserento: a súa muller.
SEÑOR: Unhas son as coidadoras do noso fogar e como contrapartida son protexidas por nós de forma rigorosa, as outras non son nada.
WEYGAND: A muller excita e deixa que o instinto se satisfaga nela.
SEÑOR: O home gaña mediante destrución, loita, roubo e violencia sobre a moral burguesa.
WEYGAND: O noso instinto incluso pode ser excitado pola cabeza da muller. En realidade ao home aínda o excita máis someter tamén esta pequena cabeciña.

Imaxe de Muylibro.com
_____________________________________
Elfriede Jelinek, O que ocorreu despois de que Nora abandonara o seu home ou os piares das sociedades, IGAEM/Xerais, 2006. Tradución de Susana Fernández e Franck Meyer.

20.8.08

Manuel Guede. Ocaso Otero

A vella Otero (96 anos) convoca os seus fantasmas no pobre cuarto que ocupa en Niza. Trata, antes de confirmar a súa morte tantas veces anunciada, de render contas co pasado. Axúdase dos únicos amigos que lle quedan neste mundo: o carniceiro Georges Idalné e a súa muller Rosalía, paisana da protagonista.
A Agustina Otero desta peza vaise servir do teatro para axustar as súas contas co pasado. Escribe o seu libreto e pídelle ós amigos que representen os papeis que lles asigna. Deste xeito, temos no escenario un tren que emprende unha viaxe imposible a un pasado que lle estragou a vida, pero ó que necesariamente ten que volver para atoparse a si mesma. A viaxe á orixe resulta imposible porque ese tren simbólico ó que sobe Agustina Otero non ten destino: está asolagado baixo un encoro; a terra tamén ten que pagar a súa parte de culpa. O mesmo que o violador, Benancio (sic) Romero (Conainas, Lobo da Xubela), co que toma a xustiza pola man matándoo (en efixie) no escenario. Agustina Otero tivo que reinventarse a si mesma, coma se nacese de novo, a partir da violación. Este feito cruel condicionou a Otero que foi e matou a que puido ser. A Bela Otero biografada por madame Claude Valmont foi un invento, pero a Agustina Otero do libreto nunca chegou a ser. Matouna o Conainas cando tiña dez anos. Agustina Otero, muller de mundo, nunca rompeu de todo coa súa terra nin coa súa xente. Sempre houbo ó seu carón unha Rosalía que lle botase unha man e lle curase a saudade. Para poder deixar este mundo en paz, Agustina Otero pon en escena a vida que se lle negou. Volve ó momento en que a súa nenez se lle tronza para recuperarse a si mesma: "Eu son a Tiniña" (p. 59); "a filla de Carme a Gurumela", como lle obriga a dicir ó seu violador. Sobre a obra fala Inma López Silva: "Render contas co pasado realmente".

Manuel Guede Oliva, Ocaso Otero, Vigo, IGAEM / Xerais, 2007. Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2006.

Imaxes: Biblosclube e Fin de semana (Culturagalega.org).

18.8.08

Tintín "pervertido"

"Tintín ya no es un chaval. Ha cumplido treinta añazos, por fin ha iniciado sus primeros escarceos sexuales y todo su mundo ha dado un vuelco vertiginoso. El capitán Haddock ha caído definitivamente en el alcoholismo, el profesor Tornasol ha sido internado en un psiquiátrico y Milú, su inseparable foxterrier blanco, ha muerto. Por si fuera poco, ha tenido que recuperar su profesión de reportero para hacer de paparazzo".

Lemos a noticia en El País (18-08-08). No alto da portada do libro do que se fala reza: "Homenaje a Hergé en su centenario". ¿Que diría Hergé desa homenaxe se levantase a cabeza?
Nunca se me ocorreu ver a Tintín en clave rosa. Tampouco logro velo en ideoloxía azul. Nas historias de Tintín a cuestión do sexo importa máis ben nada. Supoño que será unha cuestión íntima. A Tintín preocúpano mais outros asuntos como a liberdade, a opresión, a trata de escravos, a democracia... Mesmo como profesional da información, mantén unha actitude ética que non sempre se atopaba nos medios da época.
Non dou visto a Tintín -nin ó seu autor- de tertuliano nun programa de "casquería", pero si que me parece un bo recurso para o estudo de temas tan pouco interesantes coma o do colonialismo ou as ditaduras do século XX. Por poñer un exemplo.
As historias de Tintín poden lerse en varias linguas, entre elas a galega. Os lectores de hoxe deben ter coidado, así e todo. Porque se ben o personaxe non sufriu cambios (sempre figura un rapaz novo), as súas historias foron sometidas á "corrección política" segundo os países e o momento da edición.

No xornal en que lemos a noticia, tamén figuran ligazóns para coñecer a Tintín a fondo.

Imaxes de El País e de Cómics en extinción.

14.8.08

Gallegos ladrones

Aínda non hai moito asistimos a unha acesa polémica sobre certas acepcións de "gallego" publicadas no DRAE. Hoxe non deixa de chamar a atención -polo menos a este lector- o título dunha noticia económica:

Un piloto argentino califica al grupo Marsans de «gallegos ladrones»

As explicacións desta preciosa expresión comezan na propia noticia, redactada por Agustín Bottinelli:
"Ante el estupor de algunos diputados Biró rectificó su lenguaje, aunque dejó en claro cuál es el sentimiento de los trabajadores ante la situación".
Aínda podemos dar máis explicacións aclaratorias. Por exemplo:
a) Que "estos gallegos" non son os de Galicia, fogar de Breogán. Como é ben sabido en Argentina chaman "gallegos" a los españoles todos. Así que escusamos ser tan susceptibles.
b) Que a expresión "gallegos + ladrones" non se trata dunha suma de insultos; ou mellor dito, non son dous epítetos, senón que se trata dun xentilicio acompañado dun adxectivo especificativo. O representante dos aviadores só se queixa dos "ladrones"; o resto dos "gallegos" son xente honrada, e a asociación das dúas palabras citadas non lles afecta para nada.
c) ¿Que terán que ver os de Marsans cos gallegos? Se cadra ó mellor nin son do país. Non vén a conto pórse tan "picajosillos".

Lembro que para un alumno mexicano a palabra "gallego" tampouco lle espertaba devoción. Se a memoria non me falla, este territorio non figuraba na recolleita das acepcións aldraxantes do DRAE.
Mais deixémonos de laricadas. Pablo Biró, vicepresidente da Asociación de Pilotos de Líneas Aéreas, debe de ser bastante "gallego", porque tamén busca culpables na horta do veciño. E ademais da parte que lle toca, "gallegos" coma os que el censura tenos a eito nas elites do seu propio país e dende o primeiro minuto da independencia.
Dende o punto de vista da corrección política, esta leria ten dúas solucións:
1. Eliminar a palabra "gallego" do dicionario. (O inconveniente desta solución é que sempre hai xente que fala sen consultar tal ferramenta.)
2. Facer unha limpeza étnica. Pero esta solución é absolutamente desaconsellable. Tense probado en moitos países, e en todos eles foi un asco.

Imaxe de Hay de decirlo.

6.8.08

Fran Alonso: Cartas de amor. A carta inesperada

Este relato tróuxome á memoria unha anécdota triste que me contou alguén que batallou na guerra civil no bando en que o obrigaron, que resultou ser o vencedor. O vello combatente era dos poucos que sabían ler, escribir e as catro regras. Cando podía, comunicábase -pouco- coa familia. As máis das cartas escribíaas ó ditado e ían para as casas dos seus compañeiros de trincheira e capote: "Unas letrillas para mi novia, Manué", "Para mi madre, Manué"... O bo do Manuel estaba de "letrillas" ata o macuto. Mais en todos os casos, as "letrillas" tiñan que pasar a censura, que habitualmente corría a cargo do capelán do batallón. E había informacións que non se podían dar: que pasaban fame, por exemplo; ou que a un veciño lle rebentara o peito un casco de metralla. Cumpría dar a información en solfa. Por exemplo, que se comía mellor ca na fonda de Tal (que viña sendo o morto de fame oficial da parroquia) ou que o veciño H vivía mellor ca Fulano (parroquiano que xa estaba dando malvas).

"A carta inesperada" ten como pano de fondo a guerra civil. Está datada en maio do 46. En Europa, os fascismos foran vencidos e os xerarcas preparábanse para renderen contas perante os tribunais (Núremberg, por exemplo). En España aínda se vivía na parte dura da posguerra, e os vencedores da contenda comezaban a tirarlle réditos ó triunfo. Os vencidos que quedaron dentro tentan sobrevivir como poden. Ó lector deste relato resúltalle evidente que Begoña está neste bando e que a carta de resposta ó seu antigo noivo está redactada para pasar a censura. Se os couces que lle envía na resposta ó exiliado fosen sentidos, ¿para que molestarse en contestarlle? Detrás desa abxuración do tempo pasado está, en grandes trazos, toda a información que lle pode dar ó seu namorado: segue viva e non foi represaliada; mesmo pode pasar por unha muller feliz. Pero o ton amargo da carta revela a brutalidade dos cambios producidos en pouco tempo.

En dez anos, a protagonista pasou de Begoña a "señora de Núñez". De case adolescente a señora da súa casa, cargada xa con catro fillos "e axiña esperamos ter máis"; de moza que comezaba a participar na vida civil a dama distinguida, de profesión "casada convenientemente": un matrimonio amañado polo pai. Do marido logra unha grande concesión: practicar a vela como divertimento e adornar os xurados nas competicións.
A sociedade tamén pagou o seu tributo: pasou do debate á obediencia. O galeguismo, enterrado: "Lembro (...) a túa amizade co galeguista Manolo Gómez Román, a quen, por certo, non volvín ver". A Begoña, señora de Núñez, reducíuselle o espazo físico da cidade: xa non cita as aforas; a súa vida social limítase a unha zona reducida. Mesmo se está a producir un cambio no aspecto físico da propia cidade: cambios de estilo arquitectónico e no estilo de vida; de cidade bulideira a cidade de silencio e orde, "sen axitación".
Do punto de vista da historia recente, "A carta inesperada" ten un evidente valor didáctico, ademais do literario. Permítenos ver as dúas caras desa moeda que chamamos Vigo unidas polo canto 1936-1939. E tratándose do protagonismo feminino, tamén amosa con claridade o cambio no modelo de muller, mesmo tratándose dunha muller de boa posición social.

30.7.08

Manifesto vai

Vista a clarividencia lingüicida dos pais da patria (e das nais tamén) non sabemos a que fomos á facultade de Filoloxía. Ó que se ve, só demos aprendido trascaburradas. Menos mal que lemos a prensa para que as declaracións sosegadas dos nosos líderes (e lideresas) exerzan sobre nós os efectos da cegadora luz da conversión paulina. Así que, acendemos o facho, sumámonos á procesión dos manifestantes, acollémonos á súa doutrina e aínda engadiriamos máis:
"(...) nuestra esclavitud consistió en sentir corroídas por buitres las propias entrañas nacionales: Cataluña, Vasconia, toda España.
¡Toda España! Porque nos había corroído algo peor que lo geográfico, algo peor que las tierras de nuestros padres, de los padres de nuestros padres. Nos habían destrozado la médula misma de nuestro propio ser. Nuestra propia alma de españoles y de hombres. ¿Pero no os acordáis de aquel horror y de aquella vergüenza?
El católico, en España, había perdido a su Dios. El monárquico, su rey. El aristócrata, su señorío. El militar, su espada. El patrono, su iniciativa. El operario, su posibilidad de trabajo. La mujer, su hogar. El hijo, el respeto al padre. Y hasta la lengua española, "compañera del Imperio" -como la llamó Nebrija ante los Reyes Católicos-, era una escupidera para toda clase de inmundicias regionales".
Isto foi pregoado por Ernesto Giménez Caballero (España y Franco, 1938). A cita pódese ler en Xesús Alonso Montero / Miro Villar, Guerra civil (1936-1939) e literatura galega, Compostela, Consello da Cultura Galega, 1999. O libro de Giménez Caballero aínda se pode adquirir en dúas edicións diferentes do mesmo ano 38 polo prezo de 20 ou 40 euros, asegún.
En conclusión, se os que velan pola nosa felicidade din que cómpre "restaurar" os dereitos de la "compañera del Imperio" e que lle hai que pór límites á nosa lingua -"inmundicia regional"-, ¿ímonos sentir aldraxados, aínda por riba?
Que Deus nos atope sorrintes. Perdón, Dios.
Ah, e as mulleres "a su hogar". E olliño en que lle deprendedes a cuspir ós vosos vástagos.

Imaxe de Hispaniarum.

27.7.08

Kafka

Baixo o título de "Cinco pasiones kafkianas" publica Rodrigo Padilla un artigo no que se achega á biografía do escritor checo.
Entre nós, Kafka é cita inescusable ó achegármonos á "nova narrativa". Os personaxes de K. son a miúdo seres atormentados que se moven nun mundo hostil, difícil de comprender. Autores da nova narrativa galega achegáronse a Kafka en versión francesa. Na España do seu tempo non había luxos kafkianos, malia que España enteira deixaría abraiada ó propio Kafka.
Achácaselle ó coñecemento da narrativa do checo a aparición de personaxes desta fasquía na nosa literatura do século XX. Aínda que, a dicir verdade, este país sempre foi kafkiano de máis como para non facer aparecer tales personaxes.
Non sei se os futuros bachareis van ter noticias do escritor xudeu. En todo caso vai ser difícil que as teñan a través do estudo da literatura galega do século XX. Da do XXI nin falamos: se cadra, a próxima Rosalía vana ter que descubrir novamente os ingleses... se é que queda lingua para outra Rosalía.

Imaxe de XL Semanal, 27-07-2008.

19.7.08

Roberto Salgueiro. Historia da chuvia que cae todos os días

Chove e o traballo na construción ten que esperar. Na cociña da casa, Manuel e Andrés (pai e fillo) discuten, mesmo chegando ás mans, a situación laboral e, sobre todo, a súa relación familiar. Nesta peza teatral, tan curta coma intensa, faise unha radiografía cabal da Galicia do último medio século. O tema máis visible é o da emigración, pero isto non significa que sexa o tema central porque enganchandos a el, como causa ou como efecto, vai o do traballo, o das relacións socio-laborais, o das relacións familiares, o da violencia doméstica, o noivado...
Non sei se hai estudos que valoren os efectos psicolóxicos da emigración nas familias do país, pero abondaría coa lectura de Historia da chuvia para decatarse do sobreprezo pagado por moitas delas, por non dicir todas. Os tres personaxes que vemos en escena (pai, fillo e noiva) levan unha vida -diferente segundo a xeración- marcada pola necesidade de satisfacer as necesidades básicas. Cada xeración sufriu e respondeu a diferentes formas de explotación, pero a cara cambiante desta ten presenza constante. Así, Manuel padeceu unha escola mísera e violenta que abandona cedo para atender os traballos da casa; o extravío das vacas supúxolle unha malleira do seu pai que o deixou estarricado varios días na cama. Despois, xa de casado, marcha á emigración e sofre a separación da muller e do fillo, ademais dunhas condicións laborais de escravo. A necesidade manda, pero o fillo Andrés non lle perdoará o que considera un abandono. A morte da nai obriga o retorno, e o fillo apandará coa carraxe e as malleiras do pai que, agora vello e enfermo, recibe o axuste de contas do Andrés. Retornado da emigración, Manuel segue soportando condicións laborais de escravo, e aínda grazas porque lle permitiron cotizar para chegar a unha pensión. A xeración de Andrés, pola contra, loita e logra mellorar as condicións no traballo; pero cúlpase de non logralas tamén para os emigrantes que traballan para o mesmo patrón. A súa noiva tamén sufrirá as condicións asoballadoras da precariedade laboral.
Tres personaxes (catro se contamos o amigo que non aparece en escena) e dúas actitudes: a de resistencia, aínda que por veces cargada de resignación, do pai e da noiva e a, chamémoslle, abandonista do fillo que prefire liscar para a emigración nas Canarias antes que seguir aturando situacións inxustas no país. Andrés cabréase co mundo e págallas o pai, a moza, o amigo. O carácter reflexivo do pai e da moza quizais logren convencelo de que unha fuxida non arranxa a situación na casa nin fóra.
O escenario é un espazo pechado: a cociña. Sabemos do momento do día pola luz que entra pola fiestra. Entre as dúas partes da obra pasa unha noite, que non foi para todos os personaxes de acougo e reflexión. A cociña aínda hoxe en día é un espazo simbólico; o mesmo que antes á calor da lareira, os membros da familia contábanse historias, falaban, arranxaban diferenzas...
Así e todo, esta cociña ten dúas portas. E a este espectador non lle queda moi claro se Andrés vai facer o que lle di ó pai ou vai seguir coa súa arroutada. ¿Teno claro o pai? Mentres Manuel sae pola porta principal para darlle un recado a Luís (amigo do fillo), Andrés "recolle a chaqueta que deixara na cadeira e sae". Pola porta traseira.
Esa chuvia que acubilla os personaxes na cociña, que provoca que rifen e laven vellas feridas, "cae todos os días". Convértese na historia de nunca acabar e soa a ameaza que asexa os tres personaxes que vemos en escena.
Sobre a obra e o autor: Vieiros Lukor.com dá noticia de premios literarios. O parrulo nun vaso, felicita o autor e comenta a obra. El País: "Feira das artes escénicas". El Correo Gallego. Xornal.com. Premios literatura: "El jurado valoró de este texto la dramatización que el autor hace de los conflictos sociales presentes en Galicia hoy en día, como la falta de perspectivas laborales, las cargas familiares, la emigración, y el choque generacional. Además, destacó que se trata de una obra 'comprometida', que emplea un 'gallego vivo', con 'diálogos ágiles, tensos, creíbles y con carga dramática'".
Roberto Salgueiro, Historia da chuvia que cae todos os días, Vigo, Xerais/IGAEM, 2008. Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2007.

Imaxe en Praza das Letras.

16.7.08

Julio Camba: acento, prosodia e allo.

0. Acabo de ler unha escolma de artigos de Julio Camba presentada baixo o título Maneras de ser español. Libro de tapas duras, con foto do autor elegantemente vestido e título en rojo y gualda. Ediciones Luca de Tena, Madrid, 2008. Leva unha interesante introdución de Almudena Revilla Guijarro precedida dun artigo recordatorio do primeiro cabodano do autor asinado por César González-Ruano. O libro componse de nove seccións que van desenvolvendo distintas facetas destas Maneras de ser español, comezando pola definición de "ser español", seguindo pola política (crónicas parlamentarias), o espírito anárquico, a capital, as dúas Españas, a pluralidade de España, a cociña, o periodismo... O artigo máis antigo é de 1904 e o máis achegado a nós dos anos cincuenta. Así e todo, resulta sorprendente a "actualidade" das crónicas parlamentarias. Se lle quitamos algún nome que nos identifique o momento histórico sobre o que escribe, moitas desas crónicas podía asinalas hoxe mesmo... e serían suaves, así e todo.

1. O que peor leva Camba é o asunto da pluralidade de España. Esta cuestión pono furioso de vez. Resúltalle imposible ver máis variacións cás do traxe rexional, a comida ou a división provincial. Ás veces mesmo entra en contradicións: quéixase de que os estranxeiros ou mesmo os españolitos que andan polo estranxeiro vexan os seus paisanos disfrazados con sombreiro cordobés e sachando con acento andaluz, pero a Camba pásalle algo semellante cando ve os españolitos en España. A percepción que o arousán ten da pluralidade de España é aguzada na lingua e roma no razoamento. Igual ca hoxe en día, tamén os cataláns levan a peor parte na crítica do "regionalismo" porque sempre leva máis paus quen vai en cabeza.

2. Relación directa con esa perigosa pluralidade española téñena os idiomas vernáculos. Raro en Camba se temos en conta que dominaba varias e comía delas. Ou non tan raro... se temos en conta que das linguas vernáculas non se come. Ha ser isto último. Do catalán fala Julio Camba en clave de traxedia (pp. 186-7): "A todos los españoles suele indignarnos mucho que los catalanes hablen catalán. Hay algo, sin embargo, que nos indigna más todavía, y es el que hablen castellano". E métese logo co acento catalán -ten obsesión polo tema-, como algo "terrible" do que os cataláns non se poden desprender. "El catalán, por razón de su acento, está incapacitado para la mayoría de las cosas en cuanto sale de Cataluña". O artigo que se cita mantén esta liña do cabo á cruz. Seica lle acarrexou ó autor unha boa restra de cualificativos como para adornar toda a súa árbore xenealóxica ata Adán ou máis alá.
Despois de nos describir a traxedia do catalán, pasa a revelarnos o segredo do vascuence. Supoñendo que exista tal lingua, deberá de ter unhas cincocentas palabras; o resto "son una hábil invención" (p. 201). Se hai un rico vocabulario vascuence, o depositario é Mourlane Michelena, que o emprega para falar só.
Os galegos, coma sempre, viaxamos con billete de terceira. "Galicia es un país encantador; pero tiene un inconveniente: el galleguismo" (p. 205). (Escribiu "país", pero creo que non chega a definir esta palabra; se o fixo, non me decatei.) O "regionalismo" cualifícao de "cursilería". Tocante á lingua dese "país" só serve para "hacer versos, conmprar pescado y hablarles a las gallinas" (p. 207). ¿E o acentiño? Pues el acentiño... depende: por un lado, pódese "pasar" (p. 186); por outro, condénanos á mudez artística ("Nosotras somos gallegas y en esta compañía no se puede tener acento"; p. 212). Pero quitado isto,

"el acento es uno de los grandes encantos de Galicia. Cuando yo llegué a Galicia, los primeros amigos a quienes vi prorrumpieron en ayes lastimeros:
-¡Fulaniño! -me decían-. Vendrás muy cansadiño. ¡Pobriño!
Parecía que lloraban, y lo que hacían era manifestar una gran alegría. Son los inconvenientes de este acento tan dulce" (p. 213).

Na concepción lingüística de Julio Camba o acento é unha peza fundamental. É o prebe de calquera idioma. E como tal prebe, pode ser exquisito ou noxento: "... y aún dentro de la misma Francia, país de una cociña tan refinada, los marselleses hablan con un acento que, en su cincuenta por ciento, no tiene nada que ver con la prosodia, sino que es únicamente olor de ajos" (p. 267).
Esta teima de Camba co acento lémbrame a actitude dalgún dos meus alumnos: por Dios, que no se les note el acento que no quieren parecer montunos. Seica que lle chaman a isto autoodio ou autoxenreira ou complexo de inferioridade ou algo así. Haberá que llo preguntar a un psicólogo.
Onde creo que atina de cheo o escritor aurousán é no diagnóstico da culminación do proceso glotófago:

"No creo que haya un idioma gallego distinto del castellano. Lo que sí creo es que se podía inventar" (p. 211).
Isto si que é ser avanzado. Espero que lle pase desapercibido ós de Galicia dilingüe.

3. En Camba apréciase unha xerarquización dos idiomas baseada en prexuízos aínda hoxe vixentes: riqueza do país, poder, nivel cultural...
"Pero, además, si nosotros invadimos a Marruecos en nombre de la civilización,
mañana vendrán Francia, Inglaterra o Alemania a invadirnos a nosotros con el
mismo pretexto. En Villagarcía hay seis acorazados alemanes, de los que salen
todos los días a recorrer estas campiñas centenares de marinos. Todos ellos
hablan dos idiomas a más del alemán, y ya es sabido que, entre los marineros de
los buques españoles, lo raro es encontrar alguno que sepa el castellano. Unos
hablan el gallego, otros el catalán, otros el andaluz, y la mayoría no saben
firmar. Por grande que sea la diferencia de civilización que hay entre Marruecos
y España, no es mayor que la que hay entre España y Europa" (p. 166).
Foi publicado en 1909. Motivo: unha das guerras de Melilla. Tempo moi pasado. O malo é que algunhas destas cuestións -as lingüísticas sobre todo- aínda as podemos atopar fresquiñas nos periódicos de hoxe.

Abonda xa. Outro día atenderemos os consellos da maritornes (p. 221), que anda por Madrid endereitando os señoritos crápulas.

(Imaxe de Caixanova)

14.7.08

Manuel Lourenzo González. No outono das fragas.

A presentación editorial describe No outono das fragas deste xeito:
"Manel é un adolescente que goza contemplando a natureza. Un día, divisa un paxaro exótico e decídese a seguilo. Entra tras el nun bosque próximo a Miravelle, a súa aldea. Pese a que a industrialización deixara o bosque minguado, cando Manel intenta saír del, decátase de que é moito máis espeso do que recordaba e acaba perdéndose. Pronto ha descubrir que o bosque está encantado e que o levará a unha viaxe pola historia e as lendas de Galicia".
En realidade hai moito máis. Denuncia a novela a perda de personalidade do país a mans do "desarrollismo" e da especulación sen xeito nin control. Pouco pode facer o neno Manel -ou calquera que estea igual de inerme có neno- para evitar a desfeita. Só o coñecemento, a memoria e a imaxinación poderán permitirnos saber como eramos. A fraga que en tempos fora inmensa converteuna o progreso en pouco máis ca unha leira residual. Por ela se mete o noso Manel, como noutrora fixera santo Ero de Armenteira no xardín do convento detrás do paxariño. Supomos que un paxariño calquera deses que estaba afeito a ver todos os días. Mais o paxaro que vai seguindo Manel xa lle resulta exótico. O santo quería saber do futuro e cando volve ó presente atópao cambiado; o rapaz, evadíndose da desfeita do presente, coñecerá a través da fantasía un pasado esplendoroso que as sucesivas mans dos homes foron esborrallando. Na súa aventura pola perdida inmensidade da fraga, Manel vai tropezando con seres do noso imaxinario popular (santa compaña, mouros, xacias, animais que falan...) e con personaxes protagonistas (individuais ou colectivos) de feitos históricos (romanos, condes, cruzados...). Cando logra dar co camiño que o devolve á súa casa, Manel chama polo nome a veciños, coñecidos e familiares coma se estivese a esconxurar o perigo de ter cruzado o río do esquecemento:
"Ao tempo que chamaba a todos polos seus nomes e corría a encontrarse con eles, a fraga ía quedando atrás, tan atrás como a noite e os soños. Mais, na mente de Manel, unha palabra seguía a dar voltas como un paxariño rebuldeiro: lembrar".
Non sabemos se santo Ero traía algo da súa visión celestial. Manel traía como testemuño da súa aventura pola pasado unha pluma do paxaro exótico. Como di o paxariño ó inicio do relato: "Non todo pode ser explicado".
(Manuel Lourenzo González, No outono das fragas , Planeta/Oxford, 2007. A primeira edición da novela é de 1995, como nos di o autor no prólogo.)
Leron a novela: Bibliotrasancos, que a recomenda para primeiro ciclo da ESO; o mesmo que Biblioteca IES Manuel Antonio.

12.7.08

Francisco Castro. O ceo dos afogados

0. N' O ceo dos afogados Francisco Castro fabula sobre un estraño comportamento dos golfiños de todos os mares, que deciden chamar a atención do mundo xuntándose en círculos case que perfectos en determinados puntos simulando estaren afogados. Tal comportamento causa un bo rebulicio nos programas de información, nos laboratorios científicos e nos consellos dalgunhas empresas. Os golfiños protestan polos efectos destrutivos que o comportamento irresponsable dos humanos ten na vida do planeta. Mais só hai dous seres humanos que poidan comunicarse cos golfiños: Jonathan, un adolescente que non se sabe se padece autismo ou que, e mais Michael Junk, xenio matemático tolo de vez. O rapaz, ó que lle recomendan un tratamento de delfinoterapia, acode á chamada dos golfiños e foxe da casa para emprender un camiño que o levará ó achado e destrución dunha fábrica altamente contaminadora. Logrado o obxectivo, os golfiños volven á "normalidade" do mesmo xeito rápido e inesperado co que iniciaran o seu estraño comportamento.
1. O autor coloca o protagonista ante un desafío inmenso; o rapaz, con minusvalías evidentes, non conta con forzas nin medios para acometelo e saír airoso. Así e todo, triunfa. A crítica de M.P.P. destaca na novela esta "aposta pola utopía"; un rapaz que vive coma enquistado no seu mundo interior é máis consciente da realidade que o rodea ca moita xente "normal" e con poder de decisión que só contempla o mundo como unha fonte da que tirar diñeiro. Na novela denúnciase a insensibilidade dos humanos: os animaliños amósanse máis intelixentes e sensibles que os directores das grandes empresas. Outra das lacras sociais que se denuncian no relato é o control dos cidadáns (traballadores de grandes empresas, neste caso) ó estilo do Gran Irmán orwelliano, representado aquí polo director de recursos humanos. Cómpre sinalar a actitude rompedora cos comportamentos protocolarios que amosan o protagonista e algúns personaxes do seu contorno na procura dunha vida máis acorde coa natureza.
2. A incomunicación é un dos trazos caracterizadores desta novela, mais tamén doutras obras do autor. Na conversa ligada máis abaixo saliéntase esta característica. Resulta paradoxal que o protagonista se comunique perfectamente cos golfiños, pero que lle resulte difícil facelo cos humanos. Tamén é un trazo salientable a múltiple perspectiva dende a que se lle achega ó lector o desenvolvemento da novela.

Fálase da obra:
Nos blogs Fervenzas Literarias e mais Mesturas. Na primeira bitácora atopamos unha longa conversa con Francisco Castro.
Outra pequena recensión atopámola en Latin American Book Source.
Tamén en Lingua de amor, que refire a noticia publicada no Galicia Hoxe.

Francisco Castro, O ceo dos afogados, Vigo, Xerais, 2007. Finalista do 2 º Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

7.7.08

Rubén Ruibal. Limpeza de sangue (o sangue fai ruído)

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), IGAEM / Xerais, Vigo, 2006.

Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais (2005). Premio Nacional de Literatura Dramática (2007).

FERNANDO: Así é que nos envelenariamos coa nosa propia merda. Morreriamos, ¿non? E daquela, digo eu, que o que lle facía falta ao mundo era unha diálise pero cun maquinucho ben ganso para que tivésemos que pasar todos por el, e aos cabróns xa os pillaba a máquina e os mandaba a tomar polo cu, eu incluído (p. 108).

A obra artéllase arredor da vida dos protagonistas Fernando e Pantaleón, que acaban facéndose amigos nunha sala de hemodiálise. Ó principio nin se caen ben, e antes non se coñecían de nada; nin sequera pertencen á mesma clase social: Fernando é un ex ionqui parado que vive do esforzo da súa muller; Pantaleón é un home con estudos, cun bo nivel de vida, mellorado economicamente por vender a súa sinatura para legalizar negocios sucios. Pero os problemas de saúde obríganos a compartir espazo, tempo, confidencias e preocupacións. Tamén os levan a un cambio de actitude ante a vida.

Canda estes dous protagonistas camiñan polos escenarios outros personaxes ata completaren as dúas ducias, se incluímos un par de cans que comparten cos humanos algo máis que o hábitat. Entre todos eles temos representantes do mundo da droga e da delincuencia, da corrupción urbanística, da medicina, das pompas fúnebres, da policía, do servizo doméstico... Algúns deles preséntansenos coa nobreza persoal e da profesión, pero os outros amosan o seu lado máis mísero: xutes, atracos, envexas, certificacións fraudulentas, traballos sucios de pago, subornos, ameazas e avisos, a saúde como mercadoría, desprezo pola vida allea...

Os personaxes van coñecéndose uns ós outros e van entretecendo de paso a dobre vida que levan e os conflitos que isto lles crea ó longo de 31 escenas, algunha delas sen diálogo.

A sala de diálise é o escenario máis frecuentado, mais tamén vemos os personaxes na consulta de don Luís, na cafetería e na sala de espera do hospital, no parque público, nunha rúa de mala morte, na marquesiña do bus, na sala de interrogatorios da comisaría, na vella sala de estar da casa de Fernando, na luxosa casa de Pantaleón, na morgue e, derradeiramente, na sala de velorios... onde, se Deus dá vida e saúde, acabaremos todos.

A familiaridade coa que algúns personaxes falan de escenarios concretos da Coruña lévanos a pensar nesta cidade como unha especie de escenario xeral, aberto, no que vivir e moverse.

A mensaxe final:

Alguén empeza a chorar e un tras outro van aendo todos, botando cada un as súas no mesmiño regueiro de bágoas dos derrotados, ese río que non cesa nin con mortes nin con guerras nin con revolucións nin moito menos con cambios de milenio, é sabido que tanto confiar en que o tempo vai amañar as cousas fai que deixemos que pouco a pouco vaian indo a peor (p. 170).

Lemos sobre a obra:

"Realismo sucio e sangue limpo", crítica de Inma López Silva no portal do Consello da Cultura.

O propio autor reflexiona sobre obra en uvigotelevisión (de onde está tomada a foto). Tamén comenta aspectos da intrahistoria da peza no seu blog Alicia crece.

En Brétemas fáisenos unha viva recomendación da obra.

Noticias do autor e da obra por mor do galardón (citamos só algunhas das que dan a nova algo máis que a secas) atopámolas en El Mundo, El País, Actualidad.terra.es, Ideal.es, 20 minutos publica unha entrevista, La Vanguardia, El Confidencial, Deia, Actualidad Orange, Vieiros liga -polo de agora- media ducia de artigos sobre o autor e a súa actividade teatral, La Opinión de A Coruña...

Hai unha pequena ficha do autor na Wikipedia.

Capa do libro en Alicia crece.

4.7.08

An Alfaya. A sombra descalza

A sombra descalza, de An Alfaya (Vigo, Xerais, 2006). Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2005.

Ninguén nae coa culpa no berce, senón coa mágoa.


1. Tres xeracións dunha familia viven varadas na mágoa causada polo comportamento indigno dalgúns dos seus membros en tempos da guerra civil ou da posguerra. Ese é o pano de fondo. O matrimonio Xuliano-Amadora píntao só con dous motivos: fame e guerra. O home concédelle máis relevancia ó segundo termo, porque é máis mirado coas cuestións ideolóxicas; o primeiro resulta máis preocupante para a muller. En calquera caso, ambos os dous termos tamén constitúen matrimonio na novela:

Fame e guerra constituían dous vocábulos que coincidían na linguaxe dos avós. Xuliano Contreras pronunciaba con énfase a palabra guerra porque el participara de xeito activo no bando republicano (...). En cambio á boca de Amadora adoitaba acudir a palabra fame como unha exhalación, e mentres a pronunciaba os seus ollos fuxían cara ao fumegante prato de garavanzos (p. 12).

O velorio de Sagrario aguilloa a curiosidade de Elsa, o membro máis novo da familia, aínda adolescente. Sagrario aparece na caixa cuns bonitos zapatos, pero Elsa sempre a lembra andar descalza pola casa adiante coma unha fantasma. Andar descalza e vivir case que en reclusión no seu cuarto foi a penitencia que a familia -e tamén a mesma Sagrario- lle impuxeron por roubar os zapatos dunha muller claudiada o día que cumpría os vinte anos. Co enterro de Sagrario parece chegado o momento de ventilar a casa para que o membro máis novo non herde as miasmas que abafaron case que toda a vida da familia. A golpe de curtos capítulos, Elsa vai sabendo das miserias dos seus: que os zapatos colléraos en realidade a avoa Amadora, que apanda tamén coa mágoa de saber que a súa irmá Sagrario e mais o seu marido foran amantes; que o avó Xuliano enchía a boca a falar de dignidade, pero fora cruel co seu fillo, coa nora e mais chegara a vender en matrimonio de comenencia a súa filla Florinda; que Florinda casou con Bieito Nogueira (home da idade de seu pai, cacique, empresario, mal becho) por salvar a familia da ruína, pero sempre estivo namorada de Rafael Xunqueira, ata a morte. Cando Bieito soubo das cartas entre Florinda e o seu namorado, repudiouna. Morre o avó Xuliano sen saber que a filla vendida lle fora devolta para a casa co que levaba posto cando casou. Elsa
saíu do cuarto disposta a abrir as xanelas, ventilar os malos agoiros e que o aire fresco entrase na casa, pero unha imaxe detívoa. Era Florinda, que avanzaba polo corredor coa mesma indumentaria que noutro tempo vestira Sagrario. A súa sombra descalza encheuna de friaxe (p. 133).

2. Os personaxes femininos están dotados dunha forza especial. Tres mulleres teñen un papel destacado nesta historia: Amadora (a tradición), Esperanza (a transición), Elsa (o futuro). As mulleres "en sombra" (Sagrario e Florinda) non son donas da súa vida e constitúen un elemento desequilibrador no pasado (Sagrario) ou proxectan sombra sobre o futuro (Florinda).

Tamén polos nomes podemos albiscar quen son. Así, temos en Sagrario un personaxe entre tabernáculo de segredos e caixa de Pandora; cando se abren os seus segredos aparecen as miserias da familia. A Florinda as circunstancias non lle deixaron ser máis que unha muller obxecto; non se deu zafado da férula do pai nin da do marido (que tiña a idade de seu pai): ámbolos dous exerceron de amos. Para Amadora, o amor que lle profesa ó marido suponlle mesmo a perda da propia dignidade. Esperanza é o personaxe que mellor honra o seu nome; entra na familia por matrimonio, pero pertence ó grupo social dos vencedores da guerra civil polo que ten que sufrir unha longa etapa de illamento. Así e todo, a relación co seu home baséase no respecto mutuo e na paridade; fan equipo, apóianse mesmo sen falar as cousas. Sabemos que a historia familiar está a coller novo rumbo cando a sogra Amadora lle dá as chaves do goberno á nora Esperanza. A adolescente Elsa á aínda un personaxe en formación. Ten un nome con raíces na tradición e aire moderno, mais que non leva o peso de ningunha carga simbólica. Os seus pais, e sobre todo a nai Esperanza, non queren que alicerce a súa vida nos tristes segredos de familia. A Elsa queren deixarlle a casa ventilada, sen sombras.

Sobre esta novela falan en:
Sombras de muller (crítica de Isabel Soto)
Unha lagoa de libros (recolle impresións de lectores mozos)
Biblioboveda (fala da visita da autora e publica fotos)
Xornal.com (dá noticia do premio, fai unha breve sinopse da novela e engade ficha da autora) Brétemas recolle a noticia da inclusión desta obra na lista de honra do IBBY. Podémola ler con máis detalles n' A Nosa Terra e mais en Vieiros.
En Galiciae.com e mais en Galicia Hoxe publican unha entrevista coa autora por mor da concesión do premio Fundación Caixagalicia 2007 a outra das súas obras.

Imaxe de readgalicia.com