14.7.08

Manuel Lourenzo González. No outono das fragas.

A presentación editorial describe No outono das fragas deste xeito:
"Manel é un adolescente que goza contemplando a natureza. Un día, divisa un paxaro exótico e decídese a seguilo. Entra tras el nun bosque próximo a Miravelle, a súa aldea. Pese a que a industrialización deixara o bosque minguado, cando Manel intenta saír del, decátase de que é moito máis espeso do que recordaba e acaba perdéndose. Pronto ha descubrir que o bosque está encantado e que o levará a unha viaxe pola historia e as lendas de Galicia".
En realidade hai moito máis. Denuncia a novela a perda de personalidade do país a mans do "desarrollismo" e da especulación sen xeito nin control. Pouco pode facer o neno Manel -ou calquera que estea igual de inerme có neno- para evitar a desfeita. Só o coñecemento, a memoria e a imaxinación poderán permitirnos saber como eramos. A fraga que en tempos fora inmensa converteuna o progreso en pouco máis ca unha leira residual. Por ela se mete o noso Manel, como noutrora fixera santo Ero de Armenteira no xardín do convento detrás do paxariño. Supomos que un paxariño calquera deses que estaba afeito a ver todos os días. Mais o paxaro que vai seguindo Manel xa lle resulta exótico. O santo quería saber do futuro e cando volve ó presente atópao cambiado; o rapaz, evadíndose da desfeita do presente, coñecerá a través da fantasía un pasado esplendoroso que as sucesivas mans dos homes foron esborrallando. Na súa aventura pola perdida inmensidade da fraga, Manel vai tropezando con seres do noso imaxinario popular (santa compaña, mouros, xacias, animais que falan...) e con personaxes protagonistas (individuais ou colectivos) de feitos históricos (romanos, condes, cruzados...). Cando logra dar co camiño que o devolve á súa casa, Manel chama polo nome a veciños, coñecidos e familiares coma se estivese a esconxurar o perigo de ter cruzado o río do esquecemento:
"Ao tempo que chamaba a todos polos seus nomes e corría a encontrarse con eles, a fraga ía quedando atrás, tan atrás como a noite e os soños. Mais, na mente de Manel, unha palabra seguía a dar voltas como un paxariño rebuldeiro: lembrar".
Non sabemos se santo Ero traía algo da súa visión celestial. Manel traía como testemuño da súa aventura pola pasado unha pluma do paxaro exótico. Como di o paxariño ó inicio do relato: "Non todo pode ser explicado".
(Manuel Lourenzo González, No outono das fragas , Planeta/Oxford, 2007. A primeira edición da novela é de 1995, como nos di o autor no prólogo.)
Leron a novela: Bibliotrasancos, que a recomenda para primeiro ciclo da ESO; o mesmo que Biblioteca IES Manuel Antonio.

1 comentario:

X. P. dixo...

Os saltos no tempo son aleatorios o mesmo que os cambios real/imaxinario. Do punto de vista narrativo nin perde nin gaña o relato, pero pode despistar a un lector novo.