0. N' O ceo dos afogados Francisco Castro fabula sobre un estraño comportamento dos golfiños de todos os mares, que deciden chamar a atención do mundo xuntándose en círculos case que perfectos en determinados puntos simulando estaren afogados. Tal comportamento causa un bo rebulicio nos programas de información, nos laboratorios científicos e nos consellos dalgunhas empresas. Os golfiños protestan polos efectos destrutivos que o comportamento irresponsable dos humanos ten na vida do planeta. Mais só hai dous seres humanos que poidan comunicarse cos golfiños: Jonathan, un adolescente que non se sabe se padece autismo ou que, e mais Michael Junk, xenio matemático tolo de vez. O rapaz, ó que lle recomendan un tratamento de delfinoterapia, acode á chamada dos golfiños e foxe da casa para emprender un camiño que o levará ó achado e destrución dunha fábrica altamente contaminadora. Logrado o obxectivo, os golfiños volven á "normalidade" do mesmo xeito rápido e inesperado co que iniciaran o seu estraño comportamento.
1. O autor coloca o protagonista ante un desafío inmenso; o rapaz, con minusvalías evidentes, non conta con forzas nin medios para acometelo e saír airoso. Así e todo, triunfa. A crítica de M.P.P. destaca na novela esta "aposta pola utopía"; un rapaz que vive coma enquistado no seu mundo interior é máis consciente da realidade que o rodea ca moita xente "normal" e con poder de decisión que só contempla o mundo como unha fonte da que tirar diñeiro. Na novela denúnciase a insensibilidade dos humanos: os animaliños amósanse máis intelixentes e sensibles que os directores das grandes empresas. Outra das lacras sociais que se denuncian no relato é o control dos cidadáns (traballadores de grandes empresas, neste caso) ó estilo do Gran Irmán orwelliano, representado aquí polo director de recursos humanos. Cómpre sinalar a actitude rompedora cos comportamentos protocolarios que amosan o protagonista e algúns personaxes do seu contorno na procura dunha vida máis acorde coa natureza.
2. A incomunicación é un dos trazos caracterizadores desta novela, mais tamén doutras obras do autor. Na conversa ligada máis abaixo saliéntase esta característica. Resulta paradoxal que o protagonista se comunique perfectamente cos golfiños, pero que lle resulte difícil facelo cos humanos. Tamén é un trazo salientable a múltiple perspectiva dende a que se lle achega ó lector o desenvolvemento da novela.
Fálase da obra:
Nos blogs Fervenzas Literarias e mais Mesturas. Na primeira bitácora atopamos unha longa conversa con Francisco Castro.
Outra pequena recensión atopámola en Latin American Book Source.
Tamén en Lingua de amor, que refire a noticia publicada no Galicia Hoxe.
Francisco Castro, O ceo dos afogados, Vigo, Xerais, 2007. Finalista do 2 º Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario