A Agustina Otero desta peza vaise servir do teatro para axustar as súas contas co pasado. Escribe o seu libreto e pídelle ós amigos que representen os papeis que lles asigna. Deste xeito, temos no escenario un tren que emprende unha viaxe imposible a un pasado que lle estragou a vida, pero ó que necesariamente ten que volver para atoparse a si mesma. A viaxe á orixe resulta imposible porque ese tren simbólico ó que sobe Agustina Otero non ten destino: está asolagado baixo un encoro; a terra tamén ten que pagar a súa parte de culpa. O mesmo que o violador, Benancio (sic) Romero (Conainas, Lobo da Xubela), co que toma a xustiza pola man matándoo (en efixie) no escenario. Agustina Otero tivo que reinventarse a si mesma, coma se nacese de novo, a partir da violación. Este feito cruel condicionou a Otero que foi e matou a que puido ser. A Bela Otero biografada por madame Claude Valmont foi un invento, pero a Agustina Otero do libreto nunca chegou a ser. Matouna o Conainas cando tiña dez anos. Agustina Otero, muller de mundo, nunca rompeu de todo coa súa terra nin coa súa xente. Sempre houbo ó seu carón unha Rosalía que lle botase unha man e lle curase a saudade. Para poder deixar este mundo en paz, Agustina Otero pon en escena a vida que se lle negou. Volve ó momento en que a súa nenez se lle tronza para recuperarse a si mesma: "Eu son a Tiniña" (p. 59); "a filla de Carme a Gurumela", como lle obriga a dicir ó seu violador. Sobre a obra fala Inma López Silva: "Render contas co pasado realmente".
Manuel Guede Oliva, Ocaso Otero, Vigo, IGAEM / Xerais, 2007. Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2006.
Imaxes: Biblosclube e Fin de semana (Culturagalega.org).
Ningún comentario:
Publicar un comentario