27.12.07

Cartas de amor, de Fran Alonso. Cuestionario

Para o club de lectores de Cartas de amor.
Déixovos neste post un cuestionario que vos pode servir como guía para comentar esta obra, da que xa falamos aquí mesmo.
Botádelle unha ollada as opinións autorizadas dos vosos colegas de Gondomar, que xa tiveron o pracer de lela antes ca nós, o mesmo cós do Álvaro Cunqueiro e mais outros centros. Na mesma liña van as recomendacións de Rede Lectura.
Botádelle, pois unha ollada... como facedes sempre que volo propoño. ¿Pensabades que non me decataba?
O cuestionario, polo de hoxe, queda así:

1. Fai unha breve relación comentada dos temas centrais dos relatos que compoñen Cartas de amor.
2. Analiza brevemente as personaxes protagonistas de Cartas de amor.
3. Comenta as características da época na que se desenvolven os relatos de Cartas de amor.
4. ¿Por que aparece Alda Merini en Cartas de amor? ¿Que sabes dela que nos poida interesar nesta obra?
5. ¿Que recursos atopas para coñecer o tempo en que transcorren estes relatos de Fran Alonso?
6. ¿Cal é a visión que a protagonista de “Ilegal” dá do noso país?
7. Baseándote nas experiencias vividas polas personaxes principais, analiza o sentimento do medo. (Repara especialmente no conto “Desde as tebras”.)
8. En comparanza cos outros relatos, o titulado “Confesión” presenta unhas características que o diferencian. Coméntaas.
9. Comenta brevemente aqueles relatos onde é especialmente significativa a chamada da terra. (Repara en “Sáhara, améndoa amarga”, “Ilegal”, “Zé, volcán de amor” ou “Lonxe”.)
10. Comenta o tratamento que se lle dá ó turismo sexual en Cartas de amor. Fíxate especialmente en “O que nunca me preguntaches”.
11. Comenta os sentimentos encontrados que manifesta Begoña, “señora de Núñez”.
12. Segundo a narradora do conto “A guerra”, ¿que é o peor, que fai máis dano, nos conflitos bélicos?
13. A visión de Europa nos relatos de Cartas de amor. Reparade especialmente en relatos como “A guerra” ou “O que nunca me preguntaches”.
14. Relaciona os contos con protagonistas adolescentes e comenta como enfocan a vida.
15. A visión da emigración nesta obra.


Aviso que, se cadra, este cuestionario sofre algunha variación.

Máis adiante propoñerei un traballo voluntario: Vigo nunha carta de amor, e basearase no relato "A carta inesperada". Máis detalles dentro duns días.
IMAXE: Cartel elaborado no IES de Teis contra os malos tratos (2007).

Ningún comentario: