24.9.07

Fran Alonso. Cartas de amor

Cartas de amor, de Fran Alonso (Vigo, Xerais, 2006)

O título é algo enganoso, mais o autor avisa: “non penses que son cartas de amor convencionais”. E aclara que “o amor e o desamor poden ser o motivo que leva as mulleres protagonistas destas historias a redactar as cartas. Pero nada máis”.
O lector vaise atopar con nove relatos en forma de carta (en papel ou para cibercorreo) encabezados por un título que apunta o tema central de cada un deles: “Ilegal”, “Desde as tebras”, “Confesión”, “Sáhara, améndoa amarga”, “Zé, volcán de amor”, “O que nunca me preguntaches”, “A carta inesperada”, “A guerra”, “Lonxe”.
En conxunto, forman un mosaico do convulso mundo actual e, asemade, botan unha ollada ás vidas tronzadas das protagonistas; vidas que foron levadas pola enxurrada dos acontecementos e que non se puideron vivir seguindo as escollas persoais:
1. A senegalesa Ndeye, que vai parir un fillo español, cóntalle á súa cuñada as peripecias da viaxe e a morte do marido (“Ilegal”).
2. Sabela Piñeiro, cooperante en moitos infernos deste mundo e agora abafada no pozo negro da guerra de Iraq, esconxura os seus fantasmas na carta que lle envía a un amigo (“Desde as tebras”).
3. Mónica confésalle a súa homosexualidade á mellor amiga a través dun correo electrónico, porque non quere soportar unha situación que parece obrigala a vivir unha dobre vida (“Confesión”).
4. Besmeh Haumdi, estudante retornada ós campamentos de refuxiados do Sáhara, escríbelle ó seu namorado. A carta é un lamento: sente o deserto coma un cárcere e lamenta non poderen vivir nesa patria soñada pero descoñecida, porque está ocupada por outros.
5. Belinha vai emigrar para os Estados Unidos. Levará con ela os seus fillos. Cabo Verde só é miseria para ela. Mais antes escribirá ó marido, meterá a carta nunha botella e deitaraa no mar. O marido tamén emigrara, a Lisboa, pero non a quixera levar canda el e foi deixando de escribirlle e de mandarlle diñeiro. Belinha tivo que deixar de ver o seu marido como “Zé, volcán de amor”.
6. Dyana, rapaza filipina de 17 anos, vive da prostitución. Namorada dun vigués (cliente europeo), mándalle nunha carta a cara triste da súa vida. Aspecto este polo que o vigués nunca se interesou (“O que nunca me preguntaches”).
7. Begoña, señora de Núñez, pídelle a un antigo mozo, fuxido republicano, que non lle volva escribir. “Nada quero saber de ti”. “A carta inesperada” retrotraeuna “a un pasado doloroso e moi equivocado”. A señora de Núñez ten a súa vida edificada sobre a solidez dunha familia. Así e todo...
8. Maida leva unha vida bailando de conflito en conflito. Xa non soporta “unha ollada máis doutra vítima das guerras”. A carta que envía a Saraievo para Dzevad, “a quen tanto amei”, é a carta dunha suicida (“A guerra”).
9. Bárbara pon fin ó seu amor adolescente. No correo electrónico que envía a Luís Alberto disuádeo da aventura na que este pretende embarcarse e exponlle con claridade e madurez as razóns polas que o seu amor non ten futuro estando tan “Lonxe”. Cómprelles renunciar ó pasado. “Un océano de auga gorda interponse entre nós”.
Temos nestes relatos unhas vidas tronzadas, desviadas da vontade das protagonistas e gobernadas por acontecementos que non poden controlar. Son retallos de vidas de sobreviventes. As protagonistas sofren de saudade, viven con ansia de regreso ó seu país ou á súa vida perdida, agachan a realidade ás familias... Viven no temor dun futuro incerto e a desesperanza é un sentimento común. Guerras, inmigración, exilio e homofobia son as pragas que asolagan o mundo descrito nas cartas.
Os acontecementos concretos referidos nos relatos son todos moi recentes. Quitada “A carta inesperada” (1946), o resto das cartas móvense nun abano temporal entre 2000-6. As dúas cartas sen datar tampouco precisan dun esforzo especial para situalas: calquera guerra posterior á de Bosnia (“A guerra”); tocante ó sexo mercenario asociado ó turismo ou ós negocios que latexa en “O que nunca me preguntaches” tampouco hai que ir ós manuais de historia para datalo.
A temática do libro tráenos á memoria O brillo dos elefantes, polo que ten de identificación e compromiso cos desfavorecidos do mundo. Obviamente, no resto dos aspectos non son obras comparables, aínda que ambas as obras enfocan a historia dende a perspectiva de quen a padece. Tamén ambas resultan de incuestionable interese se se pensa na educación en valores. Pero aquí só falamos de lectura, non vaia ser que se pense que estamos a defender a inmigración, a guerra, a homosexualidade ou a prostitución. Estas situacións aínda hoxe non son de libre elección. Tampouco as elixiron os personaxes desta obra. Pero intentan vivir con dignidade e soñan cun mundo unha migalliña mellor do que lle tocou en (mala) sorte.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Ola somos Mariló e Mery, e xa tivemos a oportunidade o ano pasado de poder lelo libro de Cartas de Amor, e a verdade, non nos defraudou, todas as historias contadas son moi diferentes, pero todas fascinantes.
En breves escribimos algún anaquiño do que máis nos gustou.
=)