17.12.07

Bernardino Graña. Conversas.

Conversas con Bernardino Graña, de Rafael Fernández Lorenzo e Héitor Mera Herbello (Vigo, Xerais, 2005).
O libro está editado na colección “Crónica”, mais lese coma unha novela.
Comeza o escritor relatándonos a súa infancia e mocidade, dacabalo entre Ribadavia e Cangas. Describe as condicións de vida da época e ilustra o relato con anécdotas que, sen desviarnos do camiño principal, resulta un gozo para o lector.
Segue despois coa etapa universitaria, igual de abafadora, en cidades como Santiago, Salamanca e Madrid. A universidade, pexada polo réxime triunfador na guerra civil, non satisfacía as ansias dos estudantes mozos, que procuraban outras vías para a información e a creatividade.
No campo do estudo da literatura son especialmente interesantes os dous últimos capítulos, dedicados ó grupo Brais Pinto e ó propio escritor que nos fala.
De forma divertida, Bernardino Graña cóntanos a xénese dese importantísimo grupo creador e animador da nosa cultura, ó que o escritor pertence. Comeza pola anécdota bautismal do propio grupo: Brais Pinto, pretendido afiador que percorreu medio mundo detrás dunha roda que abandonou nun tranvía en Madrid cando a morte o levou deste mundo. Bernardino Graña responde ás preguntas dos entrevistadores cun retrato dos membros do grupo: Alexandre Cribeiro, Raimundo Patiño, César Arias, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Herminio Barreiro, Fernández Ferreiro, Méndez Ferrín... Un grupo que se foi diluíndo nunha sociedade cada vez máis normalizada, pero que non sería o que hoxe é sen o traballo e a ilusión destes persoeiros.
Tamén teñen interese para coñecer grupo e época as referencias literarias –propias e alleas– que Graña cita: Aleixandre e Henri Michaud, no verso; Sartre, no pensamento; Natalie Sarraute e Marguerite Duras, na narrativa. Referencias que se irían acrecentando ou cambiando: Neruda, Cesar Vallejo, a xeración beat (Ginsbert, Jack Kerouac), Mark Tobey, Jackson Pollock, Dylan Thomas, Faulkner, Borges... No caso do noso autor, cómpre salientar a mirada cara a pensadores e poetas orientais (o libanés Khalil Gibram, por exemplo) ou achegados a nós (Torga).
Rematan as conversas cun repaso, curto pero intenso, á súa propia obra, que abrangue teatro e narrativa, se ben Bernardino Graña recoñece que foi máis solicitado como poeta.
Se procuramos un fío condutor do seu quefacer como persoa e como escritor, ese fío levaría enganchados a bondade, a confianza no xénero humano, a visión positiva da vida, o compromiso social e o amor que todo o goberna.


Ningún comentario: