Hergé (Georges Remi) documentábase concienciudamente para compor as súas historias. Neste sentido foi un traballador honesto, malia pecar de inocente ou politicamente incorrecto nalgunha ocasión. O artigo ó que nos queremos referir é un exemplo máis. Publícao o xornal Libération (2-12-07) e refire unha anécdota recollida por Bruno Costemalle no libro Mais où est passé le crâne de Mozart?
Pois segundo Bruno Costemalle, o modelo vivo da Castafiore foi unha americana rica chamada Florence Foster Jenkins. Cantaba mal, seica (escachaba as orellas, di algún comentarista), pero tiña diñeiro para alugar un bo local e "y massacrer les grands airs du répertoire lyrique".
O personaxe de Hergé non é tan cruel, salvo na opinión do rosmón Haddock. Para coñecelo un pouco mellor, propomos unha pequena actividade nas seguintes condicións:
1. Actividade voluntaria.
2. Para mellora de nota, segundo se contempla na programación da materia.
3. Propósito do traballo: estudar o personaxe da Castafiore.
3.1. Álbums nos que aparece.
3.2. Como é a súa imaxe.
3.3. Como se caracteriza o personaxe.
3.4. Cal é o seu papel nas historias en que actúa.
3.5. Cal é a súa relación co resto dos personaxes.
4. Extensión do traballo: entre tres e seis páxinas, sen contar imaxes.
5. Soporte: papel, dixital ou, mellor aínda, blog do grupo.
6. Prazo de entrega: ata o 31 de xaneiro de 2008, se seguimos vivos.
7. ¿Onde atopar os álbums? Na biblioteca do instituto, recoiro.
8. Para calquera outra dúbida, consultade co profe. Ás veces vai á clase.
Ningún comentario:
Publicar un comentario