21.9.07

Proposta de ensino

No apuntamento de hai uns días coloquei a foto da páxina da proposta de ensino que nos fai a revista LongaLingua 4. Só se logra ler o que di un dos paxarecos: o que serve de máxima. Copio neste novo apuntamento o texto completo, porque non só propón unha actitude ante a lingua, senón tamén unha actitude ante a vida.




"QUE SE FALE E ESCRIBA EN GALEGO DEPENDE DE TI!
1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas, etc.
Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o
de agora lles falases en castelán.
2. respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que
tamén as outras persoas respecten a túa.
3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de
ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego,
aínda que che respondan noutro idioma.
4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran
curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas
palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o
noso idioma, sélle de axuda e demóstralle que valoras o seu comportamento.
5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de
cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos
electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en
galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos, etc. Sería ben triste que
por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso
idioma.
7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en
galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos,
visita páxinas web, etc, na nosa lingua.
8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rotineiras, que che escriban
en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos
inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua.
Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha
lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a
mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a
falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán,
comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo
introducindo despois na túa esfera habitual. Non te envergoñes dos defectos de
pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin
lixalo", iso si que deteriora o idioma.
11. Se es profesor/a e non impartes as aulas en galego, proponte comezar
para este curso vindeiro. O tempo que resta é suficiente para te póres ao día.
Cun pequeno esforzo contribuirás dun xeito moi importante á normalización do
noso idioma.
Fotocopia este texto e difúndeo polo teu centro de ensino.
TODA PERSOA QUE DEFENDA A SÚA PROPIA LINGUA SEN AGREDIR A NINGUÉN TEN A RAZÓN DA SÚA PARTE
(Adaptación dun texto ideado polo Dr. Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt)".

Transcribo este texto pensando no carácter case que sagrado que ten a lingua para os meus alumnos. Cando os presiono para que a empreguen coa maior corrección posible, míranme coma se estivese forzándoos a cometer un sacrilexio.
(Sacrilexio, ¿qué es?)

20.9.07

Mennulara, de Simonetta Agnello

Para o club de lectores d' A Mennulara.
Deixo aquí un cuestionario sobre esta novela co ánimo de que vos sirva de guía para a lectura.

O cuestionario xa estivo colgado noutro lado, pero tivemos que emigrar por razóns económicas.

Trátase aínda dun cuestionario provisional, pero creo que pode servir para ir empezando.

Velaí vai:


LECTURA: Simonetta Agnello Hornby, A Mennulara, Vigo, Galaxia, 2005.

CUESTIONARIO
1. Argumento (breve).
2. O tempo na novela.
3. O recurso ós funerais no desenvolvemento da novela.
4. Comenta o cambio social que se describe na novela.
5. A novela como estudo dos sentimentos.
6. Establece o código de honra das sociedades secretas.
7. O humor.
8. O suspense.
9. Os personaxes segundo a súa profesión.
10. O espírito de lealdade.
11. As aparencias como recurso para manter a orde social.
12. O personaxe central da novela.
13. ¿Atoparías casos coma o da Mennulara na nosa literatura?
14. Comenta o método adoptado para contarnos a historia.
Ademais do enlace do título, podedes botarlle unha ollada e estoutra páxina:
http://www.culturagalega.org/lg3/extra_recension.php?Cod_extrs=695&Cod_prsa=255, que nos dá unha ampla información para achegármonos á obra ben guiados.

19.9.07

Volvemos ás aulas


Volvemos ás aulas, non hai máis voltas. E tornamos con forza, ánimo, esperanza... e unha chea de boas intencións. ¿E con medo? Ese deixádeo na outra chaqueta.

Como este é un caderno de lingua, tamén para ela estaremos cheos de bos propósitos. Podemos asumir o que deixou dito un tal Eduardo -¿ou Arturo?- Pondal: déchesme unha lingua de ferro, devólvoche unha lingua de ouro. E se foi outro quen o dixo ou mesmo non o dixo ninguén, tanto dá. O propósito é bo, e facémolo santo.
Colgo aquí unha "Proposta de ensino" que atopei na revista LongaLingua 4. Reparade en que non é só unha proposta para o uso dunha lingua; tamén é unha proposta de boa crianza. Seguídea. Havos prestar.


Hoxe tamén retoma o curso La Voz de la Escuela. Botádelle unha ollada á páxina 2. O artigo de Ana T. Jack sinala estratexias para superar con éxito esta nova xeira que hoxe comezamos. Explícanos o método DAFO, que debemos seguir; e fálanos da "indefensión aprendida", que debemos evitar.
(Na páxina 4, recuncho da esquerda abaixo, atoparedes algúns "vellos" coñecidos.)


E se aínda con todo isto vos quedan dúbidas, acollédevos ó principio democrático daquel personaxe de Mafalda (creo que era Manolito Goreiro): o primeiro día de curso todo o mundo pode sacar dez.
Ánimo, forza e sorte.

(Imaxe de Maolito Goreiro en http://www.geocities.com/soho/museum/5495/manolito.html.)

17.9.07

Pasarse ó castelán

Tropezamos no diario gratuíto De luns a venres (17-09-07) coa columna de Anxo Lugilde. Fala de "atrancos lingüísticos". E un dos atrancos que comenta di textualmente:

"No Ministerio de Cultura moléstaos que na prensa se comenten as
dificultades do ministro para falar en galego, idioma no que acaba de publicar
un poemario. Esas dificultades son tan notorias que ata Emilio Pérez Touriño lle recomendou a César Antonio Molina que se pasase ao castelán".

Supomos que se referirá ó poemario Eume (2007). Molina xa publicara en galego Soños nos cantís (2006).

¿Que pasaría se lle fixese caso ó consello do presidente da Xunta? Pois que hoxe teriamos dous títulos menos no noso acervo poético. E non creo que sexa menos poeta Molina por precisar de axuda lingüística. Como non é menos poeta Lorca nin outros creadores alófonos que quixeron amosar a súa sensibilidade en la dulce lengua gallega. Dende o fondo do corazón, son de agradecer os versos e a actitude.

En opinión dun pobriño profesor de ensinanza secundaria (con todo o prestixio que iso carrexa hoxe en día), non creo que seguindo o consello do presidente se dese aprendido nin a lingua materna. Pero, ademais, ¿por que se tería que pasar ó castelán? Xa está instalado no castelán. De "pasarse" a outra lingua, que sexa á galega. E viríanos ben que o fixese sen timidez, sen medo, sen arrepentimento.
Para as meteduras de zoca non está de mais lembrar o que di o Evanxeo por algures: quen estea limpo de culpa, que zorregue o primeiro cantazo. (Aínda que entre nós a lapidación está prohibida, seica; por iso o politicamente correcto é tirar a pedra e esconder a man.)
Se cadra, o que está a facer Touriño é aconsellarse a si mesmo. Hai moita xente que morre de ganas por "pasarse", pero hai circunstancias que nos obrigan a empregar unha lingua de porta afora e outra na intimidade.
O que non entendo é esa ansia de perfección cando se trata do uso do galego. ¿A que se debe tan alto nivel de esixencia que nos fai preferir o abandono a un uso incorrecto? ¿E como encaixa ese prurito perfeccionista co uso perralleiro, máis duradoiro ca unha batería alcalina, teimudo e calcorra, que esmaga a gramática -pobriña- sempre no mesmo calcaño? ¿Como entender esta desidia que impide ir mellorando o nivel de lingua co uso e o paso do tempo? ¿Como explicalo en xente que vive da palabra (non do conto)?
Din os sociolingüistas que con esta actitude non imos a ningures. A lingua, queren dicir, non vai a ningures. Fai menos dano a hostilidade.
Se o consello é "pasarse", puidemos ter aforrado o gasto do Plan Xeral de Normalización.
Por certo, ¿"pasarse" non se emprega para falar de traidores e espías? Paremos, pois, para non "pasarnos" de rosca. Ademais, estou seguro de que Touriño non dixo o que os periodistas entenderon. Non é o primeiro ó que lle pasa algo así.
Nunca oín falar galego a César Antonio Molina. Pero se o fixo, parabéns. Agradézolle o feito. E os versos.

16.9.07

Álvarez Blázquez. A pega rabilonga

A pega rabilonga e outras historias de tesouros, de Xosé María Álvarez Blázquez (Vigo, Edicións Castrelos, 1971). Facía o número 20 da célebre colección “O Moucho”.
Contén o libro cinco relatos breves que teñen en común agacharen a historia dun tesouro. Titúlanse estes relatos: “A pega rabilonga”, “A gavilla”, “A pedra”, “A esmeralda” e “A furna”. Cada relato leva a súa dedicatoria a : Isidoro Millán González-Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Luis Bouza Brey e Manuel Casado Nieto, respectivamente.
1. “A pega rabilonga” dá título ó conxunto dos relatos e cóntanos a historia dunha vella fidalga, derradeiro membro dunha familia que foi esmorecendo. Canda a familia vanse indo as propiedades. E mesmo o pazo onde malvive a vella fidalga vai sentindo os alifafes da ruína.
Á vella mantense da caridade dos veciños que noutrora traballaran para o pazo. Coa vella vive a señora Marica, unha pega rabilonga que curara e adoptara dende cría.
A pega é ladra de seu. E vaille chegando ás ruínas do pazo con alfaias e moedas que a vella señora malvendera xa nin sabía cando. Un mal día, mentres a pega escaravellaba no agocho dos seus tesouros tivo un encontro cunha donicela. A fidalga ordenou un enterro digno para o paxaro. Cando foi á procura do agocho da pega, morreu esmagada polas pedras dun muro medio esborrallado.
Á par da tenra e triste historia da fidalga, o autor tamén nos dá conta da ruína da súa clase social e dos cambios que neste aspecto se foron producindo.
2. En “A gavilla” cóntanos a orixe da fortuna da familia dos Ferradores. “Agora os Ferradores xa perderon o alcume e andan de Maxistrados e Doutores e Capitáns da Mariña Mercante” (p. 21). Pero a historia remóntanse ós tempos da invasión napoleónica, coas súas idas e vindas de soldados e partidas que aproveitaban o río revolta para a súa pesca particular. Unha desas mandas de facinorosos requisoulle un mulo ós Ferreiros para cargar o botín. Mais a partida foi sorprendida nunha emboscada e o mulo (Cuco) aproveitou a confusión para volver á casa cargado de diñeiro e alfaias.
Riqueza para a familia, mais desgraza para o animaliño... ó que houbo que eliminar por se ter convertido en testemuña incómoda. É así a vida, como diría o propio Ferrador:
–Ás veces tocan a depende... (p. 34).
3. “A pedra” é un relato dedicado a Álvaro Cunqueiro. Cremos que a dedicatoria é moi significativa, porque quedamos sen saber se o tesouro do que se fala é real ou só existe na imaxinación dos protagonistas. Quizais sexa nisto onde reside a emoción do relato. Nisto e mais nas instrucións para o rescate do tesouro que se van transmitindo de vellos a novos, a tempo lento e con todo luxo de detalles (p. 35).
Se queremos ver unha lección no relato, ten de ser a apoloxía do aforro. O tesouro só se toca en caso de extrema necesidade: que non haxa cartos para o enterro.
A idea que o lector se pode facer do ambiente e dos protagonistas é a de que non nadan na abundancia. Mais aínda así non caen na tentación de botar man do tesouro, que está na cociña, agachado nun hipotético buraco tapado pola pedra que lle dá título ó conto. Cómpre deixalo, “porque algún día pode vir unha enfermedá” (p. 39).
Se cadra, o tesouro está no vivir con tempero, confiados só na forza do traballo.
4. “A esmeralda” é a historia do naufraxio dun iate inglés, contada polo vello mariñeiro Pedro o Caxigas ó narrador mentres compartían unha merenda con centolo.
O vello mariñeiro vén sendo o derradeiro da súa especie. Non cambiará de barrio nin de oficio, como fixeron outros veciños cando o remo non foi abondo para lles dar de comer. O Caxigas vive só, e vai gorentando a soidade co que lle arrinca ó mar e mais co tabaco de picadura e as merendas que lle leva o narrador. Non para na casa máis que cando hai temporal. Coñece a Natureza, respéctaa e trátaa con coidado.
O iate, cos seus sete tripulantes, engulipouno o mar. Nada quedou deles, salvo un frasco que o mariñeiro puxo diante dos ollos do narrador. No líquido do frasco conservábase unha man de muller, coas unllas aínda pintadas e cunha sortella de esmeralda nun dedo.
5. “A furna” diferénciase dos outros contos en que o narrador é o propio protagonista. Ó non ter outra testemuña que dea fe do que se nos conta quedamos coa dúbida de se se trata dun feito “real” ou do delirio dunha cabeciña estragada polo golpe dunhas pedras: “Todos din que son home de moita fantasía e que xa denantes de me crebar a chola andaba algo virado” (p. 50).
A historia vai quedar escrita nunha libretiña. ¿El será verdade que estivo nunha furna cheíña de onzas de ouro? Pensar, pensa volver a ela, porque sabe do sitio, cando volva de Santiago.
(Imaxes: capa e contraportada de A pega rabilonga e outras historias de tesouros, de Xosé María Álvarez Blázquez.)

14.9.07

¿Casar en silencio?

Copio aquí un titular que aparece en La Voz de Galicia de hoxe:

Refírese a Las Vegas (USA); Santiago e Ferrol están aquí ó lado.

A noticia non é unha novidade. Cada dúas por tres atopamos algunha semellante. E se non hai máis é porque os protagonistas destes actos prefiren tirar "p'adiante", que xa bastente lea teñen ó lombo como para andar con idiomas e formularios.

A noticia dá un repasiño ó grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais, asinada polo Estado español.

Menos mal que estamos a vivir unha situación de igualdade exquisita no tocante ó uso das linguas oficiais. Porque é de non crer que nin poidas pagar nese idioma que chaman galego. Non podes pagar no idioma, que o que é cobrar, cóbranche e mesmo con recargo.

Un amigote co que tomo café a miúdo deixoulles dito ós familiares que se non lle rezan en galego, que o enterren caladiños. E para o casorio, se fose hoxe, faría o mesmo:

-Casar en silencio. Total, despois tampouco che deixan abrir moito a boca...

Animalada á parte, a cousa é para rir... de noxo e desesperación.
¿Non tedes, por veces, a sensación de estardes a vivir nun mapa... mudo?

2.9.07

Himno

Aínda sen apagar a polémica sobre a lingua -¡e aínda o que lle queda!-, acendeuse a cacharela do himno. Non nos queremos meter nas liornas dos políticos, pero si achegarnos á historia no noso himno (que existe aínda que algúns non o cantemos; asubialo tamén pode valer). Neste sentido, coidamos de interese os artigos que enlazamos porque recollen, ademais dos feitos históricos, o sentir e o pensar dunha xente respectuosa e respectable. Referímonos ás reportaxes:




"Noite da estrea", de Xosé Neira Vilas, "evoca aquel 20 de decembro de 1907 na Habana, cando se interpretou por vez primeira o himno galego" (Galicia Hoxe, 2-9-07). "A longa viaxe do himno", de Ángel Varela, recolle os avatares da composición (La Voz de Galicia, 2-9-07).

Os traballos citados dan información abonda como para ter unha idea bastante cabal da cuestión. Mais, á parte da información que nos refresca o coñecemento, volvemos sentir esa amarga sensación que nos causa o sabérmonos mellor identificados e explicados dende fóra ca na propia casa. ¡Que se lle vai facer!, diría un galego.
Como remate, e para quitarlle ferro ó asunto, vénnos ben o artigo de Anxo Tarrío Varela, "Praza de Pascual Veiga", que pide sentidiño aínda que sexa de broma.



Imaxes de

30.8.07

Doraemon

Seica se vai estrear logo a nova película deste gato. En Vieiros vén a nova acompañada de vídeo e todo. Enlázoa aquí, por se entre vós hai algún seareiro do micho cósmico.

24.8.07

Casas baratas.

Antón Riveiro Coello, Casas baratas, Vigo, Galaxia, 2005.

O conxunto de relatos curtos que se agrupan baixo este título reconstrúen, por medio dunha única voz, a infancia e a mocidade do narrador no escenario dun barrio que hoxe se coñecería como de protección oficial.

A expresión tivo fortuna. Os predios marcados co xugo e as frechas pasaron a denominarse "Casas baratas" en moitos concellos do país, coma se se tratase dun verdadeiro topónimo. Cómpre recoñecer que, no seu momento, significaron o acceso de moita xente a unha vivenda digna. Neste sentido, a voz narradora sinala o traslado a este escenario como unha mellora nas condicións de vida da familia. Pero noutros aspectos, a sombra da ditadura segue pairando coma unha negra sombra.

Dende a alegría vital que dá a mocidade, o autor pasa revista á vida do país tal e como se vai vivindo nas casas baratas. O pluriemprego dos pais e doutros membros da familia, o cambio xeracional (que supón cambio de actividade e hábitat), o ensino, o divertimento, as bromas entre amigos e familiares, a nova música, os namoros...
É un libro de interesante lectura, de trazos que semellan autobiográficos.
O autor honrounos coa visita ó noso centro. Falounos de As rulas de Bakunin e mais de Homónima.

18.8.07

María das batallas (2)

Os narradores rememoran a vida dos protagonistas dende o día en que morren. Para o faceren, o tempo detense en dúas datas: o 28-1-1596 a bordo do Defiance, e o 21-2-1643 nunha casa de Sigrás (A Coruña).
A bordo do Defiance, rumbo a Portobello, un dos Hawkins cóntanos a vida no condado de Devon, lugar de nacemento de F. Drake. Ponnos ó tanto dos antecedentes paternos e da educación de Drake coa familia dos Hawkins, ós que sempre houbo quen lles chamase piratas. Na derrota deste barco, o parente de sir Francis fai o traballo de ser a conciencia que repasa a vida do moribundo coa dobre función de confesión e testemuño. Esta voz narradora é, á vez, crítica e cómplice.
Antes dos acontecementos relatados –o cerco da Coruña–, o Hawkins remóntase a un encontro cos galegos de Baiona con ánimo de ir describindo con fundamento a personalidade egocéntrica e autoexculpatoria de Drake. A visión crítica dos “éxitos” do inglés vai ser constante neste cronista. Cando recorde os detalles da segunda viaxe ós mares de Galicia e dea a visión inglesa do cerco da Coruña, da desfeita da Cidade Baixa, do derradeiro asalto á Cidade Alta, da retirada agridoce dos asaltantes, medio satisfeitos co botín logrado... vaino facer sen ocultar a intención de describir o carácter vaidoso e atrabiliario de Drake. A mesma intención permanece no relato da súa derradeira expedición, do ataque falido a Porto Rico. Hawkins ponlle ramo ás súas memorias pechando a necrolóxica coa hora da morte (“ás catro da mañá, hai apenas unhas horas”, p. 291) e coa descrición da penosa escena final: a pelexada polos bens do moribundo e a sepultura no mar en contra dos seus desexos. A vida a bordo vai seguir igual (p. 304).
María Pita filla, por volta dos cincuenta e tres anos, comeza a rememoración da vida de súa nai. Lembra a súa adolescencia e o papel da nai na iniciación ós ritos amorosos. Rescata do esquecemento a vida da avoa. Comenta os preitos e períodos de viuvez; os chanzos que van subindo na escada social a medida que a nai vai sumando maridos. O seu relato gaña en precisión a partir da venturosa concepción da narradora, que resulta moi próxima ó feito fulcral da novela: a protagonista chimpa o bandeirante inglés, encóntrase co capitán Arratia; ó abeiro dunhas casas, no crepúsculo, mentres os ingleses se retiran, conciben a Francisca de Arratia, que é quen nos narra a vida de súa nai.
A voz da narradora daranos unha imaxe esvaecida dos homes da familia, das irmás, e rematará cunha visión comprensiva de súa nai que, a fin de contas, só se limitou a aproveitar as poucas ocasións que na súa longa vida se lle presentaron.
Fronte ó das testemuñas anteriores, o tempo do narrador omnisciente, aínda que reducido, móvese canda os acontecementos. Vén sendo o relato do cerco da Coruña, entre o catro e o dezanove de maio de 1589. Comeza coa descrición xeral da Coruña, cos barcos da Invencible aínda en reparación e os feridos hospitalizados ou en convalecencia. Segue cos primeiros momentos do asedio e co comportamento absurdo do gobernador. O ataque e desfeita da Cidade Baixa prodúcese no segundo día do asedio. As xentes que chegan para defender os sitiados veñen escasas de armas. Fronte á pasividade das autoridades, a xente do común aquecerá no odio contra o inglés e contra todo a súa reacción. Entre as mulleres medra a sede de vinganza. O odio que se coce contra o inimigo será a base da recuperación e marcará as diferentes actitudes de homes e mulleres no combate. Remata o episodio coa retirada ordenada dos ingleses, mais non se volverá á situación idílica que se presenta ó inicio do relato (pp. 15-6): nenos que xogan, xente que traballa, estacións que van pasando, aromas e ruídos familiares... Todo iso se viu roto pola presenza dos ingleses, pero as decisións que tome o rei Felipe despois da súa marcha non van axudar a recuperación de tempos mellores.
O narrador omnisciente non perde a ocasión para darlle un repaso ó país. Fai unha crítica, ás veces tópica, pero sempre amable e irónica. Debúxanos así un país illado (p. 58), coma un can vello e impotente (pp. 40-1), habitado por unhas xentes afeitas a estragar e dividir, a dividir e estragar (e non só herencias), que adoitan opinar de todo, falar sen cancelas, contar da feira “asegún”, e cun permanente devezo de comer todo o que se mova. En fin, que os lectores de hoxe podemos sentir como próximos estes personaxes que sufriron os tempos do imperio español.
Non debemos rematar sen sinalar as calidades cinéticas da novela. Neste sentido, parécenos maxistral a escena da morte do marido da protagonista na defensa da muralla e a reacción dela cando foi consciente do acontecido (pp. 201-4).


María das batallas (1)

María das batallas, de Alfredo Conde (Vigo, Galaxia, 2007).

Tres voces van trenzando as aventuras e desventuras narradas nesta novela. Tres vidas conforman o seu argumento: a de Francis Drake, a de María Pita e a da Coruña (lugar e colectivo humano).
Son esas tres voces a de María Pita (filla), a dun Hawkins (parente de Drake) e mais “ese narrador omnisciente que escribe dende Groyne, na época dos acontecementos” (p. 14).
O narrador omnisciente escribe nun presente ocorrido en 1589, e vainos contando o cerco da Coruña por Drake a medida que os feitos se producen. As outras dúas voces narradoras rememoran as vidas dos principais protagonistas, que non chegaron a coñecerse, pero que se viron moi condicionados por este feito capital, especialmente a figura de María Pita:

“Transcorridos os anos, chegada a esta idade madura na que o meu corpo me
permite habitalo, contemplada a vida con toda a dozura, pero tamén con toda a
crueza que o seu propio devalar trae con ela, dá a impresión de que o capitán de
barco que se namorou da miña nai durante o cerco de 1589 pretendese retela como
se retén unha nave que está a punto de partir” (p. 240).

O relato da filla de María Pita convértese nunha especie de homenaxe á figura da súa nai. Pola contra, o parente de Drake concibe a narración como unha purga da conciencia:


“Daquela, se son coma el, ¿por que conto todo isto? Repito que por purgar os
meus pecados. O da obsecuencia un deles. Tamén por alixeirar a envexa de
segundón que nunca vale nada por si mesmo, ou que por ser quen é nunca poderá valer o que merecería. Como un mordomo infiel, como un dministrador ou un criado sen escrúpulos. Recoñecida a miña condición de novo, sigo” (p. 252).
Atopámonos con dous protagonistas con pronunciada autoestima, aínda que cadaquén no seu estilo. Drake non desperdicia ocasión de se dar bombo mentres repaña co que pode para ir matando a cobiza. O seu parente descríbenolo como pirata para o seu propio país (pp. 55-6); o mesmo cós papistas. “Un home disposto a obter en vida todo canto a súa orixe lle negara” (p. 92). Tamén lle apón as calidades de lacaio e déspota (p. 254). A María Pita, pola contra, preséntanola a súa filla máis complexa e sutil:
“Vela, grande e fermosa como era; oíla, recitando a salmodia das súas
insastisfaccións, constituía un espectáculo que podía sorprender ou abraiar,
demoler ou enaltecer a conciencia de calquera; tamén a miña, dende a miña máis
tenra idade. Pero así era ela. Teimuda e amiga de porfiar, asoballadora,
repetitiva ata a exasperación ou ata o pasmo, obsesionada sempre coas súas
cousas, perfeccionista e implacable unha vez chegado o momento de aplicar a súa
propia lóxica, a visión da realidade tal como ela a contemplase, transmitida a
través do ton da súa voz que obrigaba, aínda que o que pretendese fose soamente
suxerir, co que ela cría que era delicadeza e mioco” (pp. 227-8).
Mais na fin de contas, na hora da morte, reciben veredictos dispares: Drake morre só, sen que os seus sucesores cumpran a súa derradeira vontade; María Pita “morreu entre os seus, como sempre viviu” (p. 31). “Morreu como non vivira (...) en paz” (p. 305). As súas herdeiras gardan dela grata memoria e manifestan o agradecemento polo que lles aprendera para se defenderen na vida, porque as súas leccións como nai (pp. 105-6) poden sintetizarse doadamente: como ser muller no seu tempo e non morrer no empeño.

Imaxes de:

17.8.07

Ensino e medio(s)

Non hai tantos anos, dicía algún rojillo que se a merda (dispensando) valese diñeiro os pobres non terían cu (con perdón).

Lembro esa asneirada porque atopei estas dúas noticias que enlazo aquí abaixo:




Xa se irá arranxando. Aínda que non sexa máis que por deixar quedar mal a Marx (Groucho): non estaría bonito chegar ós máis altos cumes da miseria partindo de case que nada.
(Imaxe de www.popfusionarte.com/popfusionarte/pop/pop2.htm.)



13.8.07

Álvarez Blázquez. Enchen as augas

Enchen as augas, de Xosé María Álvarez Blázquez (Vigo, Ir Indo, 1995).

0. A novela xestouse en Coreses (Zamora):


“Naqueles días, cos pés naquelas terras e o corazón pousado nos amieiros do río
Miño, comezou a escribir as fermosas páxinas que, anos máis tarde, serían o
xermolo da súa novela (...)” (Álvarez Cáccamo, 1994:18-19).

O autor gañou con esta obra o premio Galdós de Novela en 1955, segundo reza na lapela da edición que se cita. Así e todo, aínda eran anos de fame polo menos no tocante á cultura; os convocantes do certame non cumpriron co contemplado nas bases (Álvarez Cáccamo, 1994:29).
1. Cóntanos o relato a historia do Tolleito, un rapaz que quedara parapléxico por caer dun piñeiro cando andaba á procura de corvos nos niños.
Esta desgraza some a familia nunha fonda tristura, que procurará superar como malamente pode.
O Tolleito, cravado a un caixón con rodas, bota o máis do día no cabazo. Dende este observatorio vainos dar noticia da vida da aldea. Especialmente da vida dos animais, ós que chega a entender coma se fosen persoas: imítaos nos seus sons e fala con eles; mesmo serve de intérprete entre estes o os humanos cos que comparten hábitat. Este feito e algúns pensamentos “estraños” do rapaz danlle sona de tolo entre os máis achegados, pero como está eivado fan coma que lle dan a razón ou, polo menos, vanlle cumprindo os caprichos:
"O Tolleito é un rapaz de idade indefinida, a faciana verduxa, o cabelo roxo
tirando a rubio, como a barbela do millo, e dous enormes ollos claros, que se
abren impávidos a todos os misterios. Co abrente, sacárono á eira, metido dentro
do seu caixón con rodas, e despois de almorzar alí, á sombra dunha parra, entre
o pai e a nai subírono á porta do cabazo, onde el gusta de contemplar, hora tras
hora, a vida que pasa” (p. 10).
A Natureza marca o ritmo vital da aldea. Este lugar do Baixo Miño pode considerarse un don do río que o cruza mainamente a maior parte do ano. No inverno, o río amósase cruel cunhas xentes e xeneroso con outras: arrasa facendas e animais nuns lugares e deixa os materiais polas terras que olla o noso protagonista, onde servirán de limo fecundador:
“Despois da tardiña viñan os homes a dar sepultura ao esgazado animal. Eles, si,
comprendían ben a traxedia daquela morte, que alá arriba, Deus sabía onde,
sumira na miseria a unha familia labrega. Alguén entreabría co pico do seu sacho
o xelatinoso belfo da besta, co fin de examinarlle os dentes.
–Non tiña máis
de seis anos –sentenciaba–. Aínda podería gañar moito pan para o amo” (p. 8).
O don do río é a única riqueza de que dispoñen as xentes da contorna, mais o que a terra dá apenas chega para viviren ata a seguinte colleita. A emigración preséntase como a vara máxica para esconxurar esta miseria permanente. Pero mentres tanto, os buracos da fame vanse tapando con trafegos varios que complementen o que non dá o campo: aserrar madeira, carrexar wolfram, pescar no río, asaltar algún galiñeiro...
A escola é un luxo escaso tamén. Só os máis débiles ou aqueles dos que se poida prescindir un tempiño antes de se veren forzados a botar unha man nos traballos da casa chegan a aprender a ler, escribir e facer unhas poucas contas. Paradoxalmente, é isto o que os converte en pezas fundamentais para o futuro da familia. Aínda que no relato este futuro vese máis como arela que como realidade alcanzable.
Sobra dicir que animais e humanos comparten alcumes e sorte. Traballan para a familia coma o máis esforzado dos seus membros. O Pitoño, por exemplo, acabará abatido a tiros nunha acción represiva contra contrabandistas.

2. O relato ábrese e péchase con escenas case que idénticas que testemuñan o implacable paso do tempo, que se renova con outras xentes, outros animais e outros froitos. Sempre igual e sempre diferente.
Nese escenario, O Tolleito acabará convertido tamén en limo vivificador: “¿Oíches? Dígoche que foi aquel pobriño desde o ceo...” (p. 107). Tras a súa morte, o abade financiará os estudos de Anaquiño, que pretende compensar servindo como médico a parte de culpa que se achaca no accidente do seu amigo.
Malia o panorama que acabamos de describir, o relato rezuma un fino sentido do humor e en ningún momento cae na desesperanza.
3. Bibliografía que se cita:
Alfonso Álvarez Cáccamo (1994): Xosé María Álvarez Blázquez, Vigo, Ir Indo.
Imaxes de:


10.8.07

Misións Pedagóxicas

En Vigo, na Casa das Artes e ata o 16 de setembro podemos ver a exposición sobre as Misións Pedagóxicas (1931-1936).

A información que facilita a exposición é inmensa, e a época na que se produciron os feitos historiados digna de manter viva na memoria. Quizais nunca se teña traballado con tanta ilusión no mundo do ensino. Quizais tampouco nunca os ensinantes fosen tan correspondidos en motivación e ansia de aprender.
Se alguén quere saber do pago que recibiron os misioneiros comprometidos nesta arela... que visite a exposición; aquí non o imos contar para non estragar o final da película.

Os estudantes de ESO e bacharelato atoparedes a algún vello coñecido. Resulta interesante velo dende outra óptica que non sexa a do programa escolar.

A exposición conta con visitas guiadas ás 12 e ás 19 horas. O malo do calendario é que non imos ter opción a organizar unha visita en grupo. Deben ser cousas desta cidade, na que nin sequera os mestres van de vacacións.
Se algún de vós se decide a visitar a exposición que vaia co propósito de facer un esforzo de imaxinación adicional, porque hai épocas históricas que, ó seren tan abafadas, non se entenden ben se non se viviron. Velaí tedes un exemplo que de seguro vos estrañará:
"Dabamos as charlas bastante tarde, xa de noite, cando os mineiros saían dos seus negros corredores. Viñan ao Museo moi arranxados e limpos, cos seus traxes ou blusas azuis de domingo. E isto só xa era conmovedor e, ao comprendermos nós a homenaxe, obrigabámonos para divertilos no posible, ben con música antes de comenzar ou dándolles ás explicacións un ton risoño de anécdota amable".
Atoparedes este anaco de informe de 1934 nun dos paneis da exposición. E para pórlle o ramo ó exercicio, contrastádeo co ambiente dalgunha conferencia á que teñades asistido.
Contemplade tamén a foto que tiramos do catálogo da exposición e subimos a esta páxina. Afortunadamente, non hai nais tan novas -salvo excepcións que mellor nin comentamos-, nin vestidas con farrapos remendados, nin coas bocas fanadas pola necesidade... Pero se cadra tampouco con tanto interese.

Saudiña, regaládevos e que vos preste a exposición.



1.8.07

Lingua revolta (7)

Pensei que xa se ía notando o cansazo, pero no lerio de sacar a lingua a pacer tamén hai dopaxe. Desta vez quen cruza vencedor a liña de meta é o novo Valedor do Pobo.
Resulta que iniciou a escapada hai dous días nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia e mais no Faro de Vigo. Colleu ó dereito polo carreiro da lingua e tripouna coas dúas rodas. A noticia enlazada enriba recolle as declaracións do Valedor e manifesta os motivos da indignación que provocan en colectivos e xentes sensibles neste asunto.
As razóns do Valedor xa non son novas. Téñoas oído -e aturado- moitas veces dende hai ben anos nos faladoiros de cafetería: "Si a un niño se le suspende por el gallego, si se le deja por esa simple asignatura colgado para el curso siguiente, lo único que logramos es que le coja odio al idioma" (La Voz de Galicia, 1-8-2007, páxina 8. Subliñado noso). A min sempre me pareceu desculpa de mal pagador: si me suspendes te odio la materia. Pode ser. Pero do que estou seguro e de que os aprobados regalados non son garantía de amor polo coñecemento. ¿Quereranos dicir o Valedor que, tratándose do galego, a burremia ten premio?
Sobre a cuestión do ensino non traumático (método López) amosa a súa opinión Adolfo de Abel Vilela, que foi director xeral de Política Lingüística e serviu, no que puido, de valedor da lingua. En La Voz de Galicia do 1 de agosto de 2007 bótalle en cara os prexuízos que amosa contra a nosa lingua e anúncialle o agradecento e amor de centos de estudantes que teñen materias pendentes.
Para completar a visión do asunto réstanos citar un par de artigos máis. O de Xosé Ramón López Boullón ("Fe na lingua") repasa a contribución a Igrexa á normalización do idioma. Fai unha apertada síntese histórica que amosa, salvo honrosas excepcións, o método López aplicado ós usos relixiosos da lingua.

O outro artigo que vén a conto é o de Isidro Novo ("Topicazos"). Remata nunha queixa-protesta: ¿por que se gaban os políticos indíxenas de daren discursos en "perfecto castellano" cando se conforman con ir tirando en galego perralleiro?

(Foto de X. Rey, Galicia Hoxe, 1-8-07).