18.8.07

María das batallas (2)

Os narradores rememoran a vida dos protagonistas dende o día en que morren. Para o faceren, o tempo detense en dúas datas: o 28-1-1596 a bordo do Defiance, e o 21-2-1643 nunha casa de Sigrás (A Coruña).
A bordo do Defiance, rumbo a Portobello, un dos Hawkins cóntanos a vida no condado de Devon, lugar de nacemento de F. Drake. Ponnos ó tanto dos antecedentes paternos e da educación de Drake coa familia dos Hawkins, ós que sempre houbo quen lles chamase piratas. Na derrota deste barco, o parente de sir Francis fai o traballo de ser a conciencia que repasa a vida do moribundo coa dobre función de confesión e testemuño. Esta voz narradora é, á vez, crítica e cómplice.
Antes dos acontecementos relatados –o cerco da Coruña–, o Hawkins remóntase a un encontro cos galegos de Baiona con ánimo de ir describindo con fundamento a personalidade egocéntrica e autoexculpatoria de Drake. A visión crítica dos “éxitos” do inglés vai ser constante neste cronista. Cando recorde os detalles da segunda viaxe ós mares de Galicia e dea a visión inglesa do cerco da Coruña, da desfeita da Cidade Baixa, do derradeiro asalto á Cidade Alta, da retirada agridoce dos asaltantes, medio satisfeitos co botín logrado... vaino facer sen ocultar a intención de describir o carácter vaidoso e atrabiliario de Drake. A mesma intención permanece no relato da súa derradeira expedición, do ataque falido a Porto Rico. Hawkins ponlle ramo ás súas memorias pechando a necrolóxica coa hora da morte (“ás catro da mañá, hai apenas unhas horas”, p. 291) e coa descrición da penosa escena final: a pelexada polos bens do moribundo e a sepultura no mar en contra dos seus desexos. A vida a bordo vai seguir igual (p. 304).
María Pita filla, por volta dos cincuenta e tres anos, comeza a rememoración da vida de súa nai. Lembra a súa adolescencia e o papel da nai na iniciación ós ritos amorosos. Rescata do esquecemento a vida da avoa. Comenta os preitos e períodos de viuvez; os chanzos que van subindo na escada social a medida que a nai vai sumando maridos. O seu relato gaña en precisión a partir da venturosa concepción da narradora, que resulta moi próxima ó feito fulcral da novela: a protagonista chimpa o bandeirante inglés, encóntrase co capitán Arratia; ó abeiro dunhas casas, no crepúsculo, mentres os ingleses se retiran, conciben a Francisca de Arratia, que é quen nos narra a vida de súa nai.
A voz da narradora daranos unha imaxe esvaecida dos homes da familia, das irmás, e rematará cunha visión comprensiva de súa nai que, a fin de contas, só se limitou a aproveitar as poucas ocasións que na súa longa vida se lle presentaron.
Fronte ó das testemuñas anteriores, o tempo do narrador omnisciente, aínda que reducido, móvese canda os acontecementos. Vén sendo o relato do cerco da Coruña, entre o catro e o dezanove de maio de 1589. Comeza coa descrición xeral da Coruña, cos barcos da Invencible aínda en reparación e os feridos hospitalizados ou en convalecencia. Segue cos primeiros momentos do asedio e co comportamento absurdo do gobernador. O ataque e desfeita da Cidade Baixa prodúcese no segundo día do asedio. As xentes que chegan para defender os sitiados veñen escasas de armas. Fronte á pasividade das autoridades, a xente do común aquecerá no odio contra o inglés e contra todo a súa reacción. Entre as mulleres medra a sede de vinganza. O odio que se coce contra o inimigo será a base da recuperación e marcará as diferentes actitudes de homes e mulleres no combate. Remata o episodio coa retirada ordenada dos ingleses, mais non se volverá á situación idílica que se presenta ó inicio do relato (pp. 15-6): nenos que xogan, xente que traballa, estacións que van pasando, aromas e ruídos familiares... Todo iso se viu roto pola presenza dos ingleses, pero as decisións que tome o rei Felipe despois da súa marcha non van axudar a recuperación de tempos mellores.
O narrador omnisciente non perde a ocasión para darlle un repaso ó país. Fai unha crítica, ás veces tópica, pero sempre amable e irónica. Debúxanos así un país illado (p. 58), coma un can vello e impotente (pp. 40-1), habitado por unhas xentes afeitas a estragar e dividir, a dividir e estragar (e non só herencias), que adoitan opinar de todo, falar sen cancelas, contar da feira “asegún”, e cun permanente devezo de comer todo o que se mova. En fin, que os lectores de hoxe podemos sentir como próximos estes personaxes que sufriron os tempos do imperio español.
Non debemos rematar sen sinalar as calidades cinéticas da novela. Neste sentido, parécenos maxistral a escena da morte do marido da protagonista na defensa da muralla e a reacción dela cando foi consciente do acontecido (pp. 201-4).


Ningún comentario: