Volvemos ás aulas, non hai máis voltas. E tornamos con forza, ánimo, esperanza... e unha chea de boas intencións. ¿E con medo? Ese deixádeo na outra chaqueta.
Como este é un caderno de lingua, tamén para ela estaremos cheos de bos propósitos. Podemos asumir o que deixou dito un tal Eduardo -¿ou Arturo?- Pondal: déchesme unha lingua de ferro, devólvoche unha lingua de ouro. E se foi outro quen o dixo ou mesmo non o dixo ninguén, tanto dá. O propósito é bo, e facémolo santo.
Colgo aquí unha "Proposta de ensino" que atopei na revista LongaLingua 4. Reparade en que non é só unha proposta para o uso dunha lingua; tamén é unha proposta de boa crianza. Seguídea. Havos prestar.
Hoxe tamén retoma o curso La Voz de la Escuela. Botádelle unha ollada á páxina 2. O artigo de Ana T. Jack sinala estratexias para superar con éxito esta nova xeira que hoxe comezamos. Explícanos o método DAFO, que debemos seguir; e fálanos da "indefensión aprendida", que debemos evitar.
(Na páxina 4, recuncho da esquerda abaixo, atoparedes algúns "vellos" coñecidos.)
E se aínda con todo isto vos quedan dúbidas, acollédevos ó principio democrático daquel personaxe de Mafalda (creo que era Manolito Goreiro): o primeiro día de curso todo o mundo pode sacar dez.
Ánimo, forza e sorte.
(Imaxe de Maolito Goreiro en http://www.geocities.com/soho/museum/5495/manolito.html.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario