A pega rabilonga e outras historias de tesouros, de Xosé María Álvarez Blázquez (Vigo, Edicións Castrelos, 1971). Facía o número 20 da célebre colección “O Moucho”.
Contén o libro cinco relatos breves que teñen en común agacharen a historia dun tesouro. Titúlanse estes relatos: “A pega rabilonga”, “A gavilla”, “A pedra”, “A esmeralda” e “A furna”. Cada relato leva a súa dedicatoria a : Isidoro Millán González-Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Luis Bouza Brey e Manuel Casado Nieto, respectivamente.
1. “A pega rabilonga” dá título ó conxunto dos relatos e cóntanos a historia dunha vella fidalga, derradeiro membro dunha familia que foi esmorecendo. Canda a familia vanse indo as propiedades. E mesmo o pazo onde malvive a vella fidalga vai sentindo os alifafes da ruína.
Á vella mantense da caridade dos veciños que noutrora traballaran para o pazo. Coa vella vive a señora Marica, unha pega rabilonga que curara e adoptara dende cría.
A pega é ladra de seu. E vaille chegando ás ruínas do pazo con alfaias e moedas que a vella señora malvendera xa nin sabía cando. Un mal día, mentres a pega escaravellaba no agocho dos seus tesouros tivo un encontro cunha donicela. A fidalga ordenou un enterro digno para o paxaro. Cando foi á procura do agocho da pega, morreu esmagada polas pedras dun muro medio esborrallado.
Á par da tenra e triste historia da fidalga, o autor tamén nos dá conta da ruína da súa clase social e dos cambios que neste aspecto se foron producindo.
2. En “A gavilla” cóntanos a orixe da fortuna da familia dos Ferradores. “Agora os Ferradores xa perderon o alcume e andan de Maxistrados e Doutores e Capitáns da Mariña Mercante” (p. 21). Pero a historia remóntanse ós tempos da invasión napoleónica, coas súas idas e vindas de soldados e partidas que aproveitaban o río revolta para a súa pesca particular. Unha desas mandas de facinorosos requisoulle un mulo ós Ferreiros para cargar o botín. Mais a partida foi sorprendida nunha emboscada e o mulo (Cuco) aproveitou a confusión para volver á casa cargado de diñeiro e alfaias.
Riqueza para a familia, mais desgraza para o animaliño... ó que houbo que eliminar por se ter convertido en testemuña incómoda. É así a vida, como diría o propio Ferrador:
–Ás veces tocan a depende... (p. 34).
3. “A pedra” é un relato dedicado a Álvaro Cunqueiro. Cremos que a dedicatoria é moi significativa, porque quedamos sen saber se o tesouro do que se fala é real ou só existe na imaxinación dos protagonistas. Quizais sexa nisto onde reside a emoción do relato. Nisto e mais nas instrucións para o rescate do tesouro que se van transmitindo de vellos a novos, a tempo lento e con todo luxo de detalles (p. 35).
Se queremos ver unha lección no relato, ten de ser a apoloxía do aforro. O tesouro só se toca en caso de extrema necesidade: que non haxa cartos para o enterro.
A idea que o lector se pode facer do ambiente e dos protagonistas é a de que non nadan na abundancia. Mais aínda así non caen na tentación de botar man do tesouro, que está na cociña, agachado nun hipotético buraco tapado pola pedra que lle dá título ó conto. Cómpre deixalo, “porque algún día pode vir unha enfermedá” (p. 39).
Se cadra, o tesouro está no vivir con tempero, confiados só na forza do traballo.
4. “A esmeralda” é a historia do naufraxio dun iate inglés, contada polo vello mariñeiro Pedro o Caxigas ó narrador mentres compartían unha merenda con centolo.
O vello mariñeiro vén sendo o derradeiro da súa especie. Non cambiará de barrio nin de oficio, como fixeron outros veciños cando o remo non foi abondo para lles dar de comer. O Caxigas vive só, e vai gorentando a soidade co que lle arrinca ó mar e mais co tabaco de picadura e as merendas que lle leva o narrador. Non para na casa máis que cando hai temporal. Coñece a Natureza, respéctaa e trátaa con coidado.
O iate, cos seus sete tripulantes, engulipouno o mar. Nada quedou deles, salvo un frasco que o mariñeiro puxo diante dos ollos do narrador. No líquido do frasco conservábase unha man de muller, coas unllas aínda pintadas e cunha sortella de esmeralda nun dedo.
5. “A furna” diferénciase dos outros contos en que o narrador é o propio protagonista. Ó non ter outra testemuña que dea fe do que se nos conta quedamos coa dúbida de se se trata dun feito “real” ou do delirio dunha cabeciña estragada polo golpe dunhas pedras: “Todos din que son home de moita fantasía e que xa denantes de me crebar a chola andaba algo virado” (p. 50).
A historia vai quedar escrita nunha libretiña. ¿El será verdade que estivo nunha furna cheíña de onzas de ouro? Pensar, pensa volver a ela, porque sabe do sitio, cando volva de Santiago.
(Imaxes: capa e contraportada de A pega rabilonga e outras historias de tesouros, de Xosé María Álvarez Blázquez.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario