17.9.07

Pasarse ó castelán

Tropezamos no diario gratuíto De luns a venres (17-09-07) coa columna de Anxo Lugilde. Fala de "atrancos lingüísticos". E un dos atrancos que comenta di textualmente:

"No Ministerio de Cultura moléstaos que na prensa se comenten as
dificultades do ministro para falar en galego, idioma no que acaba de publicar
un poemario. Esas dificultades son tan notorias que ata Emilio Pérez Touriño lle recomendou a César Antonio Molina que se pasase ao castelán".

Supomos que se referirá ó poemario Eume (2007). Molina xa publicara en galego Soños nos cantís (2006).

¿Que pasaría se lle fixese caso ó consello do presidente da Xunta? Pois que hoxe teriamos dous títulos menos no noso acervo poético. E non creo que sexa menos poeta Molina por precisar de axuda lingüística. Como non é menos poeta Lorca nin outros creadores alófonos que quixeron amosar a súa sensibilidade en la dulce lengua gallega. Dende o fondo do corazón, son de agradecer os versos e a actitude.

En opinión dun pobriño profesor de ensinanza secundaria (con todo o prestixio que iso carrexa hoxe en día), non creo que seguindo o consello do presidente se dese aprendido nin a lingua materna. Pero, ademais, ¿por que se tería que pasar ó castelán? Xa está instalado no castelán. De "pasarse" a outra lingua, que sexa á galega. E viríanos ben que o fixese sen timidez, sen medo, sen arrepentimento.
Para as meteduras de zoca non está de mais lembrar o que di o Evanxeo por algures: quen estea limpo de culpa, que zorregue o primeiro cantazo. (Aínda que entre nós a lapidación está prohibida, seica; por iso o politicamente correcto é tirar a pedra e esconder a man.)
Se cadra, o que está a facer Touriño é aconsellarse a si mesmo. Hai moita xente que morre de ganas por "pasarse", pero hai circunstancias que nos obrigan a empregar unha lingua de porta afora e outra na intimidade.
O que non entendo é esa ansia de perfección cando se trata do uso do galego. ¿A que se debe tan alto nivel de esixencia que nos fai preferir o abandono a un uso incorrecto? ¿E como encaixa ese prurito perfeccionista co uso perralleiro, máis duradoiro ca unha batería alcalina, teimudo e calcorra, que esmaga a gramática -pobriña- sempre no mesmo calcaño? ¿Como entender esta desidia que impide ir mellorando o nivel de lingua co uso e o paso do tempo? ¿Como explicalo en xente que vive da palabra (non do conto)?
Din os sociolingüistas que con esta actitude non imos a ningures. A lingua, queren dicir, non vai a ningures. Fai menos dano a hostilidade.
Se o consello é "pasarse", puidemos ter aforrado o gasto do Plan Xeral de Normalización.
Por certo, ¿"pasarse" non se emprega para falar de traidores e espías? Paremos, pois, para non "pasarnos" de rosca. Ademais, estou seguro de que Touriño non dixo o que os periodistas entenderon. Non é o primeiro ó que lle pasa algo así.
Nunca oín falar galego a César Antonio Molina. Pero se o fixo, parabéns. Agradézolle o feito. E os versos.

Ningún comentario: