A información que facilita a exposición é inmensa, e a época na que se produciron os feitos historiados digna de manter viva na memoria. Quizais nunca se teña traballado con tanta ilusión no mundo do ensino. Quizais tampouco nunca os ensinantes fosen tan correspondidos en motivación e ansia de aprender.
Se alguén quere saber do pago que recibiron os misioneiros comprometidos nesta arela... que visite a exposición; aquí non o imos contar para non estragar o final da película.
Os estudantes de ESO e bacharelato atoparedes a algún vello coñecido. Resulta interesante velo dende outra óptica que non sexa a do programa escolar.
A exposición conta con visitas guiadas ás 12 e ás 19 horas. O malo do calendario é que non imos ter opción a organizar unha visita en grupo. Deben ser cousas desta cidade, na que nin sequera os mestres van de vacacións.
Se algún de vós se decide a visitar a exposición que vaia co propósito de facer un esforzo de imaxinación adicional, porque hai épocas históricas que, ó seren tan abafadas, non se entenden ben se non se viviron. Velaí tedes un exemplo que de seguro vos estrañará:
"Dabamos as charlas bastante tarde, xa de noite, cando os mineiros saían dos seus negros corredores. Viñan ao Museo moi arranxados e limpos, cos seus traxes ou blusas azuis de domingo. E isto só xa era conmovedor e, ao comprendermos nós a homenaxe, obrigabámonos para divertilos no posible, ben con música antes de comenzar ou dándolles ás explicacións un ton risoño de anécdota amable".
Atoparedes este anaco de informe de 1934 nun dos paneis da exposición. E para pórlle o ramo ó exercicio, contrastádeo co ambiente dalgunha conferencia á que teñades asistido.
Contemplade tamén a foto que tiramos do catálogo da exposición e subimos a esta páxina. Afortunadamente, non hai nais tan novas -salvo excepcións que mellor nin comentamos-, nin vestidas con farrapos remendados, nin coas bocas fanadas pola necesidade... Pero se cadra tampouco con tanto interese.
Saudiña, regaládevos e que vos preste a exposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario