1.9.08

Xabier López López. Trinta e dous dentes (1)

1. Trinta e dous dentes e outros tantos capítulos nos que o protagonista narrador vai debullando a súa vida. Paulo Barreiro, home polifacético que destaca como creador e director teatral érguese unha boa mañá e descobre que volveu á nenez sen saber a causa de tal transformación. Xustifica cunha enfermidade a ausencia dos ensaios e vai vivindo da tarxeta bancaria. A situación complícaselle máis cando lle caduca a tarxeta e ten que saír á rúa para procurar o sustento.
Ampárase ó principio na escuridade, pero ó non ser recoñecido pola súa aparencia infantil os arrabaldes da cidade van ser coma o seu medio natural. Vai superando os desaxustes que se producen entre a mentalidade e hábitos de home maduro e a súa inesperada situación de neno.
Comeza un estilo de vida que o converte nun personaxe entre Oliver Twist e un protagonista de novela picaresca. Pasará a ser "socio" do Buxías, que o explota e matrata ata que apañan os servizos sociais. Entra nun orfanato e vive segundo seguindo unhas pautas monótonas, repetitivas, iguais un día e o seguinte. Protagoniza unha fuga canda unha cigana pouco máis vella ca el. Cando se cre a salvo no campamento nómade, acaba abandonado e só. A fuxida non lle serviu de nada ó tropezar inesperadamente cunha excursión dos coidadores do orfanato.
Tivo a sorte de ser adoptado por unha parella sen fillos, pero con grandes recursos económicos. Sae do orfanato para ir a un colexio de elite. Vivirá nunha casa de luxo, con todos os caprichos cumpridos, aburrimento asegurado e profesor particular. Neste novo fogar, entre outros sobresaltos, sufrirá a aparición do Buxías, que se vai apañando para extorsionar a parella. Como a cobiza rompe o saco, o Buxías vai acabar, "accidentalmente", alimentando o céspede do xardín. Remata o relatorio de Paulo Barreiro (García nesta nova vida) entrando nunha nova adolescencia da que o protagonista sabe tanto coma o lector. A transformación que sofre o personaxe convérteo en espectador da súa propia vida. O lector vai sabendo retallos biográficos do Paulo Barreiro adulto, tanto pasados coma presentes. E son estes últimos os máis desacougantes porque transcorren paralelos á nova nenez: éxito como director teatral (Premio Nacional de Teatro, que nonpode recoller), éxito como creador, publicación das obras completas... Son feitos que contempla desde fóra e que non pode gozar nin compartir.

2. Á parte dos trazos de novela picaresca (ademais da liña argumental e da caracterización dos personaxes, atopamos escenas bastante crúas), a obra está tamén concibida como unha viaxe iniciática. En palabras do narrador: "Viaxe ao comezo de min mesmo" (p. 291). No derradeiro capítulo, o lector atópase coa confesión do protagonista que decide "deixar todo isto por escrito", "volvendo a vista atrás para recoñecerme nestas amagalladas letras penduradas das pautas dun caderno" (pp. 292-2). O protagonista narrador utiliza a escrita como terapia e como analxésico.
Xabier López López, Trinta e dous dentes, Vigo, Galaxia, 2007. Finalista Premio de Narrativa Torrente Ballester 2006.

Ningún comentario: