"Acirrado por unha forza irracional e supersticiosa, bulín en contarme todo o que lembraba sobre min mesmo. Todo. Coma se me vise impelido a ofrecer combate á desmemoria. Coma se a miña existencia dependese da exacta enumeración de todo o que tivera que ver algunha vez comigo, sen que faltase un só detalle, sen que faltase, por moi pequeno que fose. Evoquei (...) "(p. 137).4. En Trinta e dous dentes, Xabier López López réndelle homenaxe á mellor literatura de viaxes e metamorfoses:
"Lembrei esa angustiosa película, O Incrible Home Minguante, o terrible combate coa xigantesca araña peluda, a historia en branco e negro e baixo presuposto dese infeliz que remata converténdose nun lixo de po. Lembrei a Diste e o seu Neno Suicida e unha noveliña póstuma de Antón Risco. Lembrei todas as transformacións das que puiden facer memoria, dende Lucio o de Apuleio á de Gregorio Samsa, pasando pola dos deuses mitolóxicos e ás dos lobishomes ou lobos da xente"" (237-238). "O detonante, a causa primeira, foi o reencontro cos libros de viaxes -de marco Polo a Russell Wallace, pasando por frei Oderico de Pordenone e Pedro Sarmiento de Gamboa (...) Que cousa fixeron se non unha extraordinaria e insólita viaxe? Unha viaxe en si" (p. 291).
Trinta e dous dentes é unha viaxe que obedece ó principio de volver "atrás sabendo o que se sabe" (p. 161), característica que significa unha considerable vantaxe. En definitiva, a viaxe soñada por toda persoa.
5. Algunhas achegas críticas salientan:
"López López xoga coas ideas de aparencia e identidade para trazar unha metáfora sobre a minoría de idade imposta a individuos, culturas e sociedades".
Mar Pichel destaca a pescuda na febleza dun neno e as referencias culturais e literarias.
Xornal.com repara especialmente na volta que se lle dá "ó mito da minoría de idade" dos individuos e das culturas.
Manuel Gago sitúa a novela na liña da novelística de Kafka e Dickens; non esquece o "divertido humorismo" que rezuma o relato de López López.
Xabier López López, Trinta e dous dentes, Vigo, Galaxia, 2007. Finalista Premio de Narrativa Torrente Ballester 2006.
Imaxe de galegos.info
Ningún comentario:
Publicar un comentario