24.8.08

Elfriede Jelinek. O que ocorreu despois de que Nora... (2)

Jelinek individualiza algúns dos personaxes (Nora, Weygand, Helmer), outros apenas se distinguen como membros dunha masa (Eva, o ministro), pero os máis representan a súa clase social: nin sequera teñen nome, desígnaos pola profesión. O grupo social predomina sobre o individuo. Nora pensa que "o capitalismo é unha consecuencia do dominio dos homes levado ao extremo" (p. 68). No momento en que a autora sitúa a acción amósase como unha forza imbatible. Todos os esforzos de Nora por facer valer a súa condición de muller rematarán nun absoluto fracaso. Jelinek devolve o personaxe ibseniano ó punto de partida, pero en peores condicións e coa dignidade polo chan. Só un punto de tolemia fai resistible esta situación final. As obreiras da fábrica tamén cren que está tola e desfigurada e deshumanizada, pero por outros motivos. Porque Nora propón prenderlle lume a todo, e as obreiras cren tolería queimar o "primeiro que nos fixo libres: a máquina!" (p. 106). O capital controla as forzas da orde; algunha obreira fai memoria das malleiras en que remataron as folgas de principios do século XX. Aínda así, as obreiras confían no movemento socialista e len libros de Marx (Capital) e de Bebel (A muller e o socialismo), prohibidos por subversivos. Consideran que o socialismo eliminará a pobreza. A postura feminista de Nora non é ben acollida entre as compañeiras operarias (p. 107). Nesta peza son apreciables os trazos caracterizadores da obra de Jelinek: a) O estilo seco. O carácter transgresor. b) A expresión "obsesiva, neurótica e brutal, que vitupera ata o absurdo as forzas socio-políticas e a súa repercusión no comportamento sentimental e sexual" (Wikipedia ). Reparemos nomeadamente nos personaxes de Nora e Eva. c) A crítica dos dogmas ideolóxicos dominantes. d) A actitude polémica da autora amósase nesta obra a través das discusións dos personaxes. e) A agresividade permanente da que se queixa a tradutora para o francés tamén é ben visible aquí. f) A denuncia do abuso do poder que esmaga a sociedade. (A extrema dereita austríaca considéraa unha escritora "dexenerada" e "pornográfica".) Como deixou escrito a propia autora, esta obra, como outras súas, pode ser considerada "palabra convertida en carne". Jelinek denuncia os males da sociedade con obsesión e con carraxe, pero sen afán de didactismo. Non pretende ensinar a ninguén: abondo didactismo sufriu ela na súa propia carne. Sobre a concepción teatral, mellor, antiteatral, de Jelinek podemos ler este artigo de Nicole Colin.

Imaxe de Usina de Letras.

Ningún comentario: