20.9.09

Noticias de literatura-65. Homenaxe a Gómez Alfaro

Neira Vilas elixido "Galego do mes de agosto":
Neira Vilas foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. Premio da Crítica Española (narrativa) e Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Entre a súa abondosa produción, destacan títulos inesquecibles da Literatura galega como A marala taravela, Aqueles anos de Moncho, De cando o Suso foi carteiro, O cabaliño de buxo, Remuíño de sombras ou Xente no rodicio unha colección de relatos nos que o autor segue explorando a vida do campesiñado galego. Capítulo especial merecen Aqueles anos do Moncho (1977), onde narra acontecementos da guerra civil nun escenario de labregos dominados polo medo; Nai (1980), tributo que o escritor lle rende á súa proxenitora , e Querido Tomás (1980) a confesión dunha mestra corentona que queda na aldea con fidelidad e resignada mentres Tomás se ve obrigado a emigrar a América (Galicia Hoxe, 31-8-09).
Luz Pozo Garza, premio Ramón Piñeiro. Lemos en Vieiros:
O xurado destacou de Pozo Garza o “conxunto da súa obra literaria, centrada no compromiso estético e a matización emotiva”.
María José Montero Núñez publica Rabuñando no recordo.
O Premio de Poesía Victoriano Taibo foi para Carmen Caramés (Cuarto Minguante) e para Elvira Riveiro e Silvia Penas (Biografía da multitude). Lemos no Xornal de Galicia:
Os xuíces do concurso tiveron que reunirse en dúas ocasións, o 31 de agosto e o 7 de setembro, ante a alta calidade das obras presentadas, e declararon non ser capaces de descartar ningunha das dúas gañadoras, asícomo o gran valor das outras catro que quedaron finalistas. Mª Carmen Caramés é natural de Santa Comba e traballa como mestra de Pedagoxía Terapéutica na zona do Barbanza. No seu Cuarto minguante amosa a dor dunha nai frustrada pola morte prematura do seu fillo, que invoca nos seus versos.
Poesía mapuche en lingua galega presentada por Xulio Valcárcel. A noticia recólloa en Vieiros. Non tiña que ser moito máis ca unha cita literaria, pero non sei por que me deu por imaxinar, ó lela, a cara que porían algúns conselleiros ou dirixentes de asociacións bilingües ou intelectuais dalgunha fundación para a análise social. Tampouco podo deixar de sentir mágoa por aqueles pobos ós que a historia lles caeu de cruz e non souberon darlle volta.
Homenaxe a Xosé Gómez Alfaro:
A súa obra poética editada en galego comezou con Matria da néboa (1997). En 2004 obtivo o Premio Cidade de Ourense de Poesía con O clamor da Eclipse e a súa derradeira publicación foi Confiteor, un poemario publicado por Litoral das Rías (Galicia Hoxe, 16-9-09).
Sobre o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, vexamos tamén a lembranza de Xosé Gómez Alfaro que nos fan Xosé Lois García, Miguel Anxo Fernán Vello e mais Clodio González Pérez. A noticia do seu pasamento en Faro de Vigo. Recensión de Pasos cara á alba, por Irene Aragón. Noticia do acto da homenaxe a Gómez Alfaro: D. Salgado (El País).

Imaxe: La Región (fotografía de Xosé Carlos Gómez Alfaro).

19.9.09

O modelo lingüístico da filla do cura

Leo no xornal El País de hoxe (19-9-09) esta reportaxe de Omayra Lista e Xurxo Lobato sobre a profesora Marta Dahlgren. Á parte do pracer da lectura, ten para min un efecto reconconciliador co mundo e con esta profesión de escravos. Non me resisto a deixar aquí pegado un consello que ofrece ós seus alumnos, pero que considero útil para calquera que queira achegarse a linguas novas:
Con sus compañeros de claustro aprendió a hablar gallego, y trabajó como traductora de su lengua materna a la de acogida. "A mis alumnos les digo que pierdan el sentido del ridículo y se lancen a hablar inglés, como hice yo con el gallego". Ella, curiosamente, ha encontrado más complejo ajeno que propio, porque percibe el rechazo a que una profesora de ciudad hable gallego.
O resto da reportaxe pódese ler na ligazón enriba sinalada.
Tamén considero aconsellable a súa lectura a xente dalgún país bilingüe e mesmo a algúns dos responsables da alta política destes lares. Aínda que non máis sexa que para distinguir que hai diferentes maneiras de facer o sueco, como as hai de facer o indio.

Imaxe: Eudebate2009.eu

18.9.09

Esa tierra me es odiosa

"Yo hace muchos años que vivo completamente alejado de Galicia; aquí no he querido tratar con la gentuza gallega ni leer los periódicos. Esa tierra crea usted que me es odiosa"


Carta de Valle-Inclán ó seu amigo Torcuato Ulloa, en Manuel Alberca / Cristóbal González, Valle-Inclán. La fiebre del estilo. Madrid, Espasa, 2002. P. 155.
Cóntan os biógrafos que Valle estaba daquela (1904) hospedado nun hotel de Aranjuez pelexando pola conquista de Madrid.
Estamos fartos de saber que o escritor arousán tiña unha lingua que afeitaba mellor ca unha navalla e sabemos tamén que calquera poder ter un cabuxo. Así e todo non podemos deixar de relacionar este amor ó país coa polémica que se desatou cando o Centro Dramático Galego preparaba a montaxe dunha obra deste autor (¿Las galas del difunto?). A polémica mantívose un tempo nos medios e a causa foi que alguén da familia de Valle-Inclán se opuxo frontalmente á representación en lingua galega.

Non sabemos se o noxo á nosa lingua se transmite xeneticamente; sabemos, porén, que non afecta a outras linguas.

Tampouco sabemos se Valle se preguntou algunha vez como quedaría a súa obra se lle limpasen todo o que ten de galego.

Imaxes: El pasajero (capa do libro citado); Amazon.fr (capa da edición francesa das Comedias bárbaras).

15.9.09

Galego cruzado

Co título de Linguas cruzadas atopo esta noticia no Galicia Hoxe (15-9-09). Pego aquí a entradiña:
O castelán é cada vez máis unha lingua de uso entre os deputados do Parlamento de Galicia. Iso, polo menos, é o que "detecta" o portavoz do BNG no Hórreo, Carlos Aymerich, que onte celebrou unha roda de prensa para abrir curso político e arremeteu contra as estratexias desenvolvidas polo Partido Popular (PP) para darlle amparo autonómico ao castelán. A xuízo de Aymerich, este incremento de uso débese a "unha consigna" da dirección do partido, enmarcada dentro da súa "cruzada" contra o galego.
Non quero entrar en leas de políticos. Confeso irrespectuosamente que os políticos non me merecen mellor consideración que a que lle dan ós indios nas películas do oeste: el único indio bueno es el indio muerto. Con todo, se un político di que dúas máis dúas fan catro recoñézolle que está sumando ben.
Antes de lle botar unha ollada ó xornal citado estivera no edificio administrativo da Xunta. Sempre hai xestións que facer. Pois velaquí que:
1. Os uniformados que daban instrucións ós penitentes que tiñamos que pasar polo arco musical non usaban o idioma galego para tal fin. Polo menos eu non me decatei.
2. No primeiro punto de información ó que me dirixín tampouco me atenderon enelidiomapropiodegalicia. Nin antes nin despois do saúdo.
3. A mesma matrácola na segunda ventanilla.
4. No sétimo andar do edificio, con vistas a Pontevedra norte, nunha sección de persoal, traballaban nese momento unhas oito persoas. Á funcionaria que me atendeu (moi amablemente, por certo) non lle oín usar o galego. Mentres agardaba, outra funcionaria que pasaba por alí preguntoume: "¿Ya le están atendiendo?" Verdadeiramente, nos quince minutos que botei na sección só escoitei usar o galego a unha persoa. ¿Debería denunciala por esa tremenda imposición del gallego?
5. Nos ascensores, pola contra, era unha lingua bastante habitual. (Había máis xente na zona dos ascensores ca nas paradas do transporte urbano.)

Estes datos non serven para a enquisa Vázquez. E os que ven o galego imposto por todos os lados, deberían deixar de fumar iso que fuman.

Imaxe: Una profesora de francés en Madrid. Para algúns, a lingua nin sequera é un músculo.

14.9.09

Kiko da Silva. O humor non engorda

Biblos recolle en volume (colección Mandaio) as viñetas que Kiko da Silva foi publicando en La Voz de Galicia (edición pontevedresa) entre 2004 e 2007.
Leva o libro unha divertida e fonda introdución de Siro sobre a obra e a figura do autor, do que se afirma ser un trasno artista. Siro fundamenta tal afirmación no coñecemento persoal do autor e mais na autoridade de Cunqueiro e do seu Tratado do trasno.

Quen se dea o gusto de contemplar os monos de Kiko da Silva e de ler os seus textos estará diante dunha crónica cabal do país. As preocupacións, miúdas ou gordas, que atinxen a ese paisaniño de gorra levitante son tratadas neste breve manual gráfico de historia: a programación televisiva, os prexuízos lingüicidas, as comunicacións, a violencia doméstica, a burbulla inmobiliaria e as hipotecas, o vandalismo e o botellón, o acoso escolar, a sanidade e as listas de espera, o tráfico e o carné por puntos, a emigración e o paro, as dificultades económicas, os incendios...

Por non faltar, nin faltan os políticos.

E todo visto cos ollos de trasno artista e retranqueiro que é Kiko da Silva.


Kiko da Silva, O humor non engorda!!! Biblos (col. Mandaio), A Coruña, 2007.
Capa do libro: Vieiros.

12.9.09

Gratuidade solidaria

Hai uns días pareime a ler o anuncio da "Gratuidade solidaria", ese que vai ilustrado cun teletubi cochaino e mais cunha rapaciña loura sentada nun feixe de libros. Trátase dun anuncio bilingüe harmónico e cordial. Non me chamou a atención a banda dereita, pero velaí queda a foto da banda esquerda. Na selectividade aplicaríaselle un desconto de 0.4 puntiños. "Pataca miúda"; un par de grallas nas que só repararía algún fanático da gramática normativa: "informate", "calquer sede". Pero dada a situación de bilingüismo cordial, amoroso, educado etc. que nos invade nesta etapa feijooana09, só reparamos no desleixo e na chambonada que preside as relacións institucionais coa lingua.
¿Sería moito pedir unha morte digna para o idioma? Non fai falla que o maten a paus. ¿Non poden facerlle a caridade dunha morte doce, sen mazaduras de lesa gramática?

Do punto de vista educativo tamén resulta rechamante a comparanza favorable coas comunidades máis rañas. Hai que educar en valores, si señor. E ademais da lobada da axuda económica, cómpre salientar o ton gabancioso da información, coma se fose redactada por media ducia de avoas.

10.9.09

MMII (Erín Moure, Teatriños)

MMII

Antes dábannos exencións para que a gramática
crease novas estruturas
Podíase construír todo un libro de horas sobre o Verbo
Pero non o subxuntivo,

deste modo desapareceu o "futuro"
e xa non se recomenda

Xa nos establece abondas dúbidas o goberno
Elixido por poucos votos e tirano de aí en diante
Deixándonos o pretérito

para describir os nosos inner selves

Pero quen marcou a cruz na papeleta do voto
Quen riscou só un nome
Quen escribiu en Non nos escoitan
a ninguén de nós


Iso si que é falar en latín directo

Non hai rapaces novos nesta aldea, decátome
Nin rapazas novas


Non hai luz neste momento
Pódese oír en todas partes o son da auga

Mesmo eu vou vella de máis para que me usen na
guerra


Erín Moure, Teatriños ou esconxuros calados. Vigo, Galaxia, 2007, p. 131.
Capa: detalle dunha pintura de Albert Eckhout.

O poema pertence á serie "The first story of latin (os araos)". O lector repara neste poema porque conflúen nel as liñas poéticas fundamentais da obra á que pertence: o compromiso cunha lingua ata as súas raiceiras e a lingua como cordón umbilical do país; a percepción da lingua como vía pola que circula o zume nutricio dunha sociedade; a lingua como medio de coñecemento do pasado e do futuro.
O presente poema é un exemplo máis --na obra hai moitos-- da procura da comuñón poeta-terra. Rezuma pesimismo, coma se a poeta non confiase en lograr o seu desiderátum ("deste modo desapareceu o 'futuro'", v. 5). Nos últimos cinco versos o lector pode sentir a detención do tempo, coma un latexo suspenso provocado por un feito devastador que deixa tamén ó descuberto as lacras dun país incapaz de resposta.

Sobre o poemario, véxase:

Imaxes: Editorial Galaxia (capa Teatriños) e Ediciones Pen Press (foto Erín Moure).

3.9.09

Gripe A: prevención, humor e cordialidade

Atopo no diario portugués Público este vídeo da Turma da Mônica cheo de consellos (3) para axudar na prevención da gripe A, influenza suína ou como demo se denomine. Chama a atención que non esquecesen os aspectos protocolarios das medidas preventivas: que conste que se trata exclusivamente de práctica sanitaria consciente e non de mala crianza.
No mesmo xornal tamén publican este informe.
Os mesmos protagonistas ofrecen estoutra versión máis profesional:

1.9.09

Paul Auster. A vida interior de Martin Frost

Guión precedido dunha entrevista Céline Curiol-Paul Auster, onde se nos conta a intrahistoria da película.
Despois de rematar a súa última novela, o escritor Martin Frost séntese esgotado e precisa descanso para coller novos folgos e pensar nun novo proxecto. Deixa Nova York e vai vivir á casa de campo que lle presta un matrimonio amigo que marcha un tempo ó estranxeiro. Martin cre ter a casa só para el ata que lle aparece na cama unha moza, tan sorprendida coma o escritor, que se presenta como sobriña do matrimonio. Acaban namorándose.

O escritor descobre que a rapaza non é a sobriña dos seus amigos, que tampouco saben quen é. O espectador acaba por recoñecer na moza misteriosa a musa do escritor. ¿Que acontece se autor e musa se namoran?
No caso que nos ocupa, a medida que o novo relato de Martin Frost avanza a musa (Claire) vai perdendo folgos. Cando o proxecto está acabado, Claire morre.
O escritor entende que é ese o tributo que debe pagar pola súa obra e decide destruíla para devolverlle a vida á musa.
Comeza así o que podemos considerar unha segunda parte da película, caracterizada polo desacougo de non saber o que pode sobrevir. Apodéraso do protagonista e mais do espectador un lixeiro desconcerto. A presenza de Claire fáiselle ó protagonista máis patente pero menos perceptible polos ollos. A porta, a venda e o espello gañan unha importancia que ó principio non tiñan.
Cando entran en escena o fontaneiro e mais a súa "sobriña" -en realidade, musa- vemos unha repetición da parella protagonista, pero en versión case que cómica. O fontaneiro (James Fortunato) é un desafortunado escritor insomne que maltrata varios xéneros narrativos. A súa "sobriña" acaba por pagar o pato: á pobre de Anna James fáltalle un fervor e o trato que recibe do fontaneiro non vai mellorar a súa situación. O fontaneiro ten a súa musa abandonada e devece por perdela de vista, o que a converte nun traballo esperanzador para Martin e Claire ó facérense cargo dela.
Aínda tratándose dunha historia triste de posible final feliz, no guión non falta o sentido do humor nin as situacións cómicas.

Sobre o relato:
  • Pilar Ponte fai unha recensión desta obra, situándoa no conxunto da obra de Auster.
  • Jaureguizar publica en Galicia Hoxe unha noticia sobre o autor: "Austeridade".
Sobre a película:
  • Ícaro: Fai unha crítica da película e comenta brevemente os distintos resultados que pode ter un argumento presentado sobre papel ou nun filme.
  • dvdpt.com ofrece a ficha técnica da película.
  • pipasblog reseña a película e salienta a acción interior, así como a mestura de realidade e fantasía que envolve esta historia de amor.
  • Ana Margarida de Carvalho: recensión e tráiler da película en Visâo Online.
  • Entrevista con Paul Auster en IOL Diário.
  • Marcos S. Pérez publica en Vieiros un artigo sobre a situación dos cines no país.

Paul Auster, A vida interior de Martin Frost. Vigo, Galaxia, 2007. Tradución Eva Almazán.

28.8.09

Noticias de literatura-64

John Thompson publica As novelas da memoria (Galaxia), un estudo da narrativa que recolle o tema da guerra civil. O autor fala con Manuel Xestoso en A Nosa Terra:
“A memoria debe estar viva, non podemos deixala descansar. O discurso de ‘imos arranxar o pasado para que poida repousar’ é unha estratexia dos que buscan a recuperación para tranquilizar á sociedade, para que ninguén pense que o que se está a buscar é a restauración dos conflitos. Por suposto que ninguén quere iso. Pero, unha vez recuperada, a memoria debe ir máis alá e artellar a experiencia das persoas, debe formar parte activa do pensamento de todos os que compoñemos a sociedade. E sei do que falo: eu especialiceime na novela galega e estudo este tema a respecto de Galiza, pero nos Estados Unidos temos un gravísimo problema coa memoria, dende o xenocidio contra os nativos até o Vietnam. De feito, a última guerra de Iraq foi posíbel, en grande medida, polo esquecemento a que se someteu a experiencia histórica de Vietnam”.
Thompson sostén tamén unha longa entrevista con Iago Martínez publicada no Xornal de Galicia (28-7-09). Manifesta o estudoso americano, entre outras cousas de interese para lectores galicianos, que a novela
é mellor que calquera outro xénero porque lle ofrece á sociedade unha vía de inmersión na Historia. Pola súa flexibilidade, polo feito de o lector ter que recrear as imaxes a partir da palabra escrita, pola liberdade que iso implica, e porque pode combinar tons, rexistros, linguas... Por todo iso, é unha ferramenta idónea para que o lector se mergulle na Historia, para que a viva, para que a sinta. Sempre hai historias persoais ao lado da macrohistoria, e o lector pode identificarse cos personaxes e implicarse no relato. Séntese máis próxima a Historia na novela ca no cinema. Un filme dura unha hora e media e acábase. O libro dura máis e esixe máis atención, máis compromiso, máis intensidade.

La Voz de Galicia anuncia algunhas das novidades literarias para este vindeiro outono.
Xavier Seoane fala para Galicia Hoxe da súa escolma poética, Raíz e Soño (Canción de Oleiros) 1976-2008:

Moitos poemas amosan un ton panteísta. "Hai un vinculo telúrico, case místico, coa terra, co mundo. Somos materia. E hai religación, emoción da materia, vibración, un intento de fusión anímica. Emocióname moito a paisaxe, e creo que estamos destruíndo o que somos, que é ese medio", indica.

A poesía é, para Seoane, "a expresión, quizais, do máis noso e máis fondo, do máis inasible e cernal". "Unha arte lenta, na que o poeta debe procurar a súa voz. Unha vez que a atopas, o que fas é ensanchar o horizonte... As claves esenciais, subterráneas, o cerne do que é a miña poesía, xa estaba nos inicios. É o cerne da túa sensibilidade, que logo tes que explorar..." (lemos no xornal citado).

Cesáreo Sánchez entrevistado por M. Dopico por mor da publicación d' O paraíso das sombras (Biblos):
Son 70 poemas, cada un en tres partes, onde aínda que teñen continuidade, aparece a historia, o mundo da infancia, e o poeta. O libro é continuación de A árvore das sete palabras, que tiña tamén 70 poemas. É un canto coral onde fala a historia a través de personaxes que son, aínda que están simbolizados, da historia, do día a día, dun territorio simbólico que é a Terra de Maside, onde collo como centro do mundo un lugar que se chama Povenza, o símbolo de todo o cosmos que acontece" (lemos en Galicia Hoxe).
Marta Dacosta fala con Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe.
Rosa Aneiros comenta con Clara Bernal en Xornal de Galicia a súa vivencia do xornalismo e da literatura.
Miguel Anxo Martínez fala de En precario (Toxosoutos), novela que trata "en clave de humor a precariedade laboral".
Celso Emilio Ferreiro homenaxeado en Celanova:
Celso Emilio Ferreiro é o poeta máis musicalizado da historia, segundo unha recente recompilación. Os estilos que se adaptan ao autor de Longa noite de pedra van desde o hip hop de Dios ke te Crew a Pucho Boedo, Fuxan os Ventos ou Suso Vaamonde, pasando polo punk ou pola versión máis recente do emblemático poema do poeta realizada por Miguel A. Suárez para o libro-disco de Edicións do Cumio Once máis quince, con cancións compostas sobre textos de distintos poetas galegos (Galicia Hoxe, 28-8-09).
É un dos poetas galegos máis influintes do século pasado, e unha das voces máis críticas coas que contou a literatura galega. Aínda hoxe, a lucidez da súa escrita e a actualidade dos seus contidos (de "Lingua proletaria do meu pobo" a "Monólogo do vello traballador") fan da súa unha voz atemporal (A Nosa Terra, 28-8-09).

Imaxes
: Xornal de Galicia (Thompson), Galicia Hoxe Miguel Anxo Martínez) e A Nosa Terra (Celso Emilio).

26.8.09

Rexina Vega. Cardume

É nese momento cando sentimos intensamente o golpe do medo, axotándonos, aproximándonos. Convertémonos en cardume, e comezamos, por iso mesmo, a chorar acompasado, baixo, grave, coa conciencia de sermos un en moitos corpos diminutos (p. 163).

1. Cardume é unha novela ambientanda nos anos previos a posteriores á guerra civil. Recolle o presaxio e a desfeita que asolagou o país cosidos co fío da memoria da narradora, neta dunha das personaxes agonistas da historia:
"Volvo a Pereiró. Neste cemiterio que visitaba aterrada nas tardes da miña infancia repousan os restos de todos os que convoquei nesta novela, agás Fasito, que ficou definitivamente desarraigado nun osario público da urbe neoiorquina. Aquí están as caveiras de Isolina, da miña avoa, do meu avó, de Urbano, de Dámaso" (p. 193).
A novela recrea unha época convulsa nun Vigo que quere deixar de ser aldea para converterse en cidade industrial. Un Vigo que é un furo polo que se escoa o país que emigra, pero tamén un lugar que ofrece oportunidades para os espelidos que saiban velas e aproveitalas.

2. Mais no tocante ás oportunidades, as personaxes de Cardume veranas todas estragadas. Algunhas son vidas tronzadas, e as que sobreviven acaban por se converter en táboas dun naufraxio. A novela vén sendo o relato da derruba interior dos protagonistas.
Á par da derruba das personaxes, vai a do país; nomeadamente a personificada na figura do dramaturgo Urbano, incomprendido e ferozmente reprimido:
"Todo aquilo parecía tan difícil, tan grotesco aos ollos de Fasito, esa loita de iluminados... Aínda estaban eles intentando limpar o cheiro a corte, e a terra nas unllas pola vía do progreso cidadán para que viñesen estes parvos darlle pulo ao fedor cateto da leira" (p. 78).
Na figura do dramaturgo vemos condensado o galeguismo do primeiro terzo do século XX, que percorre o seu mesmo viacrucis: incomprensión, estafa, fusilamento.

3. Tamén é relevante na novela o tratamento da emigración americana. Na memoria do avó está a América do Sur; na fuxida soñadora de Fasito, Norteamérica.
Tampouco falta no proxecto dramático de Urbano:
"América como solución triste para o amante rexeitado, o lugar de onde volta o indiano corrompido que humilla e compra, ou o enderezo a onde chegan ou non chegan as cartas de Pais e Penélopes que esperan e minguan. América dá homes sen rumbo e deixa a Galicia como un país baldeiro só apto para lúbricos homes gordos e vellos usureiros" (p. 70).
4. Dísenos na presentación editorial que Rexina Vega "reivindica nesta novela a memoria como conformación da identidade presente". No exercicio da memoria están as propias raíces, está a supervivencia. A voz narradora bota man dunha especie de ouigha: "Todos unidos coas mans como satélites, apertados, esforzándonos por meterlles pensamento" (p. 49).
Na intención da voz narradora está "prolongar un pouco máis a permanencia, atrasar o devalo destas vidas menores" (p. 193).

5. Sobre a novela:
  • Vieiros recolle a presentación e mais unha entrevista de Pura Salceda coa autora.
  • Brétemas achéganos ó acontecemento literario, á figura da autora e á novela galardoada.
  • El País refírese á novela como "una obra contada por una nieta de la Guerra". Tamén fai referencia á técnica literaria.
  • Ramón Chao salienta a forma peculiar de recoller a memoria familiar "de modo bien distinto al expediente común de la forma novelada".
  • El Correo Gallego recolle a noticia do evento e salienta:"A autora definía onte o libro galardoado como "un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura de memoria", no que combina "información e invención". Vega pretendeu con este libro "establecer unha autobiografía a través da reconstrución de personaxes aos que só se coñece por medio de relatos familiares".
  • Montse Pena: "Fotografía da cidade que foi". Salienta dous eixos na novela: o Vigo industrial e a guerra.
  • A autora fala da obra. Audio no soportal lg3 literatura da páxina do Consello da Cultura.
  • Mar Mato achéganos ó Vigo de Cardume e mais á figura do dramaturgo Urbano Moledo.
  • No blog de Antón Castro damos cun amplo artigo que salienta, entre outros, estes tres aspectos: a) o espírito cunqueirano do relato; b) o valor da memoria histórica; c) o traballo de investigación e o esforzo creador.
  • Lara Rozados dános unha ampla visión de Rexina Vega e Cardume (A Nosa Terra): "As vidas minúsculas son as que constrúen a historia".
  • Camilo Franco entrevista a Rexina Vega en La Voz de Galicia.
  • Galiciaé publica unha entrevista coa autora: "A escrita cambia a realidade, é un instrumento poderosísimo".
  • Elcolordelessabates fai unha completa recensión de Cardume na que recolle o sentido global da obra e conclúe coa recomendación dunha lectura atenta, especialmente na primeira parte, "ja que l’abundància de personatges que es mouen a l’hora per aquest entramat –qual banc de peixos o “cardume”, en gallec–, així com les freqüents analepsis i prolepsis que conformen la narrativa, poden dificultar la reconstrucció dels esdeveniments. Això no obstant, el bon gust narratiu de Rexina Vega, el delicat estil que empra en construir la seva trama i la densitat del seu univers ficcional garanteixen que aquesta lectura resultarà en una experiència absolutament gratificant".


Rexina Vega, Cardume. Vigo, Xerais, 2007.
Imaxes: Culturagalega.org e Vieiros

19.8.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (4)

Outra das achegas ó mundo paasilinniano que non debemos pasar por alto deixámola ligada máis abaixo. Referímonos á recensión de Elvezio Sciallis, publicada na páxina Horror magazine.
Destaca Sciallis case que como trazo característico dos artistas finlandeses a capacidade de moverse en territorio de fronteira, entre o cómico e o dramático, entre a alucinación e o realismo máis pormenorizado. Compara Paasilinna co seu paisano Aki Kaurismäki, cineasta, capaz de agachar baixo a codia do humorismo unha feroz crítica social.
Lémbranos Sciallis que o muiñeiro ouveador non pode menos que evocar a figura do lobishome. Tamén fai referencia á particular loita quixotesca de Gunnar contra os muíños... mais neste caso, coidamos nós, o alucinado non é o muiñeiro.
Para Sciallis resulta especialmente inesquecible o "(in) esperado" final, incerto e dubidoso, na raia entre o realismo e a fantasía.


Arto Paasilinna, O muiñeiro ouveador. Cangas do Morrazo, Rinoceronte Editora, 2007. Tradución de Tomás González Ahola.
Imaxe de tro-heol.fr, compañía de teatro e monicreques.

15.8.09

A lingua e a santa custodia

Lemos en La Voz de Galicia de hoxe esta noticia:

Las autoridades de México denunciaron ayer que una indígena es víctima de «discriminación y violación a los derechos humanos» en EE.UU., donde un tribunal le quitó a su hija y se la entregó a una pareja estadounidense porque la menor nació en ese país y su madre no habla inglés.
A nova (páxina 28 da edición en papel, Sociedade) non é moi longa e pode resumirse en poucas palabras: indíxena, indocumentada en USA, un tribunal decide que non pode criar a filla porque non fala inglés. ¿É a miña neurona que non dá pillado a lóxica da xustiza ou teño que rezarlle ó Santo Cristo dos Desamparados para que esta noticia sexa unha loia?
Vou tentar de maxinar o que falta:
a) A indíxena non fala lingua ningunha ou emprega un idioma que se impón ó inglés. O tribunal americano fai ben en defendelo.
b) Á filla da indíxena, nun exercicio de liberdade lingüística, cómprelle outra familia que lle aprenda inglés.
c) A indíxena nai está indocumentada; non existe legalmente. Pero a filla que pariu non é indíxena; daquela, o tribunal ten que protexela de imposicións lingüística indíxenas.
Agora xa o teño máis claro. Parabéns para o tribunal, porque actuou con eficacia e celeridade sen facer enquisas nin mexericadas de cordialidade bilingüe.
¡Pobre do pobre!, dicían os vellos. Bonita axuda che prestaron, Cirila Baltazar Cruz.

A nova podemos atopala con máis datos en El País.
Mágoa que esta triste noticia non sirva tampouco para facer pensar nin para que lles caia a cara de vergonza (non a teñen) a algúns "indíxenas" do noroeste ibérico.

Foto: El País. "No a la descriminación" (sic).

13.8.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (3)

Na páxina StradaNove atopamos unha recensión de Davide Potente sobre O muiñeiro ouveador (Arto Paasilinna) que enlazamos novamente aquí. Subtitúlaa "Un tolo finlandés á procura da liberdade". En síntese, dinos:
"Gunnar Huttunen é considerado soamente un pobre tolo que pouco despois das dúas guerras chega a unha tranquila aldeíña dende un lugar impreciso do sur de Finlandia. Kunnari, como lle chaman todos, decide reformar e poñer en marcha o vello muíño da ribeira do Kemijoki, abandonado hai máis de vinte anos. A empresa acada o éxito e comeza deste xeito a permanencia do home: a atmosfera pacata da comunidade vese trastornada polas bufonadas de Gunnar, home de metro noventa capaz de imitar moi ben a gran parte dos seus paisanos e a unha boa grea de animais. Se polo día a xente ri co comportamento raro de Gunnar, pola noite témeo e ódiao moi a miúdo. O muiñeiro sofre frecuentes crises depresivas que o fan ouvear pola noite. Todos os cans da veciñanza responden ós seus ouveos e por un devastador efecto en cadea a aldea enteira vai pasar varias noites en branco. De súpeto, prende o amor na vida de Gunnar identificándose coa figura de Sanelma, unha conselleira agrícola. Sanelma, andando o tempo e despois dos problemas causados pola alternancia de crises depresivas e exaltacións desenfreadas, dará comprendido este home e chegará a amalo. O mesmo proceso que vai da desconfianza que provoca o enfermo mental ó amor polo home vaise producir no lector: quen lea a primeira páxina logo se decata de que cómpre afastarse do protagonista, pero na segunda parte do libro non se pode evitar facerse seareiro de Kunnari. No fondo, é un bo home, unhas veces algo inocente e outras abondo renarte, que só desexa ser libre e que ama o seu traballo, o atletismo e a súa moza. Os personaxes secundarios, como o garda municipal Portimo ou Happola, vólvense relevantes para o destino do muiñeiro. Arto Paasilinna relátanos unha vez máis unha bela historia da súa Laponia, alternando a comicidade co drama humano e contando o paradoxo da tolemia dun xeito punxente".

Imaxe da páxina HorrorMagazine. Nesta páxina atopamos unha recensión de Elvezio Sciallis que non debemos perder.

9.8.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (2)

Entre as ligazóns que figuran máis abaixo no apuntamento sobre O muiñeiro ouveador (Arto Paasilinna) está a de Cronache da Tule, blog de Luca Rota. Imos deixar aquí un pequeno resumo do que o escritor italiano di sobre o colega finés. O artigo completo e orixinal fica ligado novamente aquí encima.

"O muiñeiro ouveador é unha típica historia paasilinniana: nela o protagonista é un tipo estraño que xorde da nada nunha aldea da Laponia finlandesa para volver pór en disposición un vello muíño medio arruinado, un personaxe que tenta fuxir por todos os medios da civilización contemporánea e de todos os seus conformismos, rodeado de tanta xente ben pensada (o doutor, o pastor, o comisario de policía... os que "mandan" na comunidade, en definitiva) que, notándoo "distinto", acaban por denigralo de calquera xeito, mais que tamén é axudado por algúns que comprenden o espírito libre e non homologable, se cadra porque se ven reflectidos nun semellante espírito de liberdade mais sen teren a coraxe de facer o que lles pide a súa vontade; e todo na paisaxe finlandesa de sempre, natural, maxestosa e viva, feita de bosques, lagos, montes, ríos e animais salvaxes como únicos habitantes lexítimos. Mais é unha Natureza paradigmática, capaz de resistir aínda a invasión humana e, daquela, representante baixo moitos puntos de vista dunha enxebreza ancestral, dunha harmonía primordial aínda sensible ó ritmo da vida universal. (...) Neste ambiente desenvolve Paasilinna a súa narración; na fuxida da normalidade humana contemporánea, atopará aí acubillo e, se cadra, solucións ós seus problemas...
En suma, tamén n' O muiñeiro ouveador atopamos todos os ingredientes que fixeron de Arto Paasilinna o escritor escandinavo máis coñecido ó sur das súas habituais latitudes, ben amalgamados para lle conferiren á historia tamén unha lectura crítica e sarcástica da civilización moderna e da súa irrefreable tendencia a cortarlle as ás a quen queira voar libre (demasiado libre para o que permiten as regras impostas).
N' O muiñeiro ouveador , o protagonista, para escapar da persecución á que o condenaron os seus paisanos, exasperados pola súa "rareza", bótase ó mato e reconstrúe nel o seu pequeno mundo cotián no que vivir en santa paz, afastado de normas, regras, leis, imposicións a miúdo derivadas da vox populi vox dei, expresión dun egoísmo colectivizado máis que dunha sabedoría comunitaria..."