Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador
0. Gunnar Huttunen, un home do sur, instalouse despois das guerras na aldea de Suukoski en Laponia. Coa venda do pouco que tiña comprou un vello muíño arruinado, reparouno e púxoo en marcha xunto coa serra de auga.
Aínda que a empresa foi un éxito, os veciños xa o consideraran un insensato por se meter no negocio do muíño. Como tamén divertía os nenos imitando animais e veciños, a sona de tolo botou a rolar como unha bóla de neve. A pinga que rebordou o vaso foi o dos ouveos. Cando Gunnar estaba deprimido ou co ánimo alterado dáballe por ouvear, ás veces noites enteiras. Os veciños non dormen e desexan encerralo nun manicomio, especialmente o médico e mais o ricacho da aldea. Lógrano con malas artes. Mais Gunnar dá fuxido do encerro coa axuda dun falso tolo (Hoppola) que se dedica ós negocios.
A segunda parte da novela é unha fuga permanente do protagonista, que se mofa de veciños e autoridades coa axuda da súa namorada (a asesora agrícola Sanelma Käyrämö), o carteiro (que ten como afección a destilación
clandestina) e o axente de policía Portimo, quen só desexa vivir en paz.
Cando o devolven ó manicomio (outra vez con malas artes), o axente e o muiñeiro desaparecen no bosque.
A partir deste feito, os fugados entran na lenda. Os veciños oirán ouvear un lobo grande, acompañado do can do axente, que tamén se fugara ó bosque.
1. Moitos aspectos desta novela traen á memoria do lector O bosque dos raposos aforcados. A lembranza da guerra e as súas secuelas, as situacións estrambilicadas que se contemplan como normais, a vivencia da extravagancia con absoluta naturalidade, o gusto pola vida rural...
Mais o muiñeiro ouveador non é aquel badulaque protagonista d' O bosque dos raposos..., a quen non lle importa enganar a amigos ou inimigos. O muiñeiro é un ser entrañable, amoroso e
inofensivo mesmo cando se defende. Pode dicirse que se converte no pandote das tolemias dos outros veciños máis listos e comenenciudos.
Vistos en conxunto, os personaxes do bando do muiñeiro son algo inocentes e confiados. O autor contenta ó lector cun final máis ou menos feliz, pero o certo é que ó noso protagonista non lle queda outra que desaparecer da aldea. Os seus amigos reagrúpanse para viviren en mellores condicións e lógrano, pero son os perdedores da historia.
2. O lector estranxeiro notará na novela, especialmente se a relaciona con O bosque dos raposos aforcados, o carácter particular da vida e da cultura de Laponia, así como os efectos que sobre o ánimo das súas xentes tiveron as guerras sufridas no século XX.
3. Resulta interesante achegarse á novela e á figura do autor dende a perspectiva de:
- Praza das Letras
- Andel virtual
- Santi Freire (Vieiros). Destaca a capacidade do autor para "collerlle o pulso á nosa época".
- Wikipedia, ficha do autor.
- Blog de Ana Bande
- como pam da boca
- Proxecto Finlandia, interesantísima achega ó mundo que nos amosa Paasilinna.
- Club de lectura do IES de Canido
- Presentación de Rinoceronte Editora
- A artesa de Pandora. Diario de lecturas pregúntase por que ouvea o muiñeiro.
- Papalibros. Club de lectores IES de Melide.
- Club des rats de biblio-net reseña o libro e repara na figura da señora Siponen, que se laia de que o muiñeiro a deixou paralítica pero que non deixa de correr coma unha lebre cando lle interesa.
- Calou, l'ivre de lecture fai unha sinopse da obra e salienta que o autor "reivindica abertamente o dereito á diferenza" e que o fai con decididamente botando man do humor.
- En Le manège atopamos unha adaptación da novela para teatro de monicreques. Insiste na mesma idea da reivindicación do dereito á diferenza.
- Stradanove repara na tolemia do protagonista, que é un bo home, ás veces inxenuo, ás veces túzaro, pero que ama o seu traballo e soamente desexa ser libre.
- Cronache da Thule fai unha ampla recensión da obra e sinala a semellanza -se cadra raiana no defecto- que presentan as novelas do autor finés.
Arto Paasilinna, O muiñeiro ouveador. Cangas do Morrazo, Rinoceronte Editora, 2007. Tradución de Tomás González Ahola.





















0 comentarios:
Enviar um comentário