“A memoria debe estar viva, non podemos deixala descansar. O discurso de ‘imos arranxar o pasado para que poida repousar’ é unha estratexia dos que buscan a recuperación para tranquilizar á sociedade, para que ninguén pense que o que se está a buscar é a restauración dos conflitos. Por suposto que ninguén quere iso. Pero, unha vez recuperada, a memoria debe ir máis alá e artellar a experiencia das persoas, debe formar parte activa do pensamento de todos os que compoñemos a sociedade. E sei do que falo: eu especialiceime na novela galega e estudo este tema a respecto de Galiza, pero nos Estados Unidos temos un gravísimo problema coa memoria, dende o xenocidio contra os nativos até o Vietnam. De feito, a última guerra de Iraq foi posíbel, en grande medida, polo esquecemento a que se someteu a experiencia histórica de Vietnam”.
Thompson sostén tamén unha longa entrevista con Iago Martínez publicada no Xornal de Galicia (28-7-09). Manifesta o estudoso americano, entre outras cousas de interese para lectores galicianos, que a novelaé mellor que calquera outro xénero porque lle ofrece á sociedade unha vía de inmersión na Historia. Pola súa flexibilidade, polo feito de o lector ter que recrear as imaxes a partir da palabra escrita, pola liberdade que iso implica, e porque pode combinar tons, rexistros, linguas... Por todo iso, é unha ferramenta idónea para que o lector se mergulle na Historia, para que a viva, para que a sinta. Sempre hai historias persoais ao lado da macrohistoria, e o lector pode identificarse cos personaxes e implicarse no relato. Séntese máis próxima a Historia na novela ca no cinema. Un filme dura unha hora e media e acábase. O libro dura máis e esixe máis atención, máis compromiso, máis intensidade.
La Voz de Galicia anuncia algunhas das novidades literarias para este vindeiro outono.
Xavier Seoane fala para Galicia Hoxe da súa escolma poética, Raíz e Soño (Canción de Oleiros) 1976-2008:
Moitos poemas amosan un ton panteísta. "Hai un vinculo telúrico, case místico, coa terra, co mundo. Somos materia. E hai religación, emoción da materia, vibración, un intento de fusión anímica. Emocióname moito a paisaxe, e creo que estamos destruíndo o que somos, que é ese medio", indica.
A poesía é, para Seoane, "a expresión, quizais, do máis noso e máis fondo, do máis inasible e cernal". "Unha arte lenta, na que o poeta debe procurar a súa voz. Unha vez que a atopas, o que fas é ensanchar o horizonte... As claves esenciais, subterráneas, o cerne do que é a miña poesía, xa estaba nos inicios. É o cerne da túa sensibilidade, que logo tes que explorar..." (lemos no xornal citado).
Cesáreo Sánchez entrevistado por M. Dopico por mor da publicación d' O paraíso das sombras (Biblos):Son 70 poemas, cada un en tres partes, onde aínda que teñen continuidade, aparece a historia, o mundo da infancia, e o poeta. O libro é continuación de A árvore das sete palabras, que tiña tamén 70 poemas. É un canto coral onde fala a historia a través de personaxes que son, aínda que están simbolizados, da historia, do día a día, dun territorio simbólico que é a Terra de Maside, onde collo como centro do mundo un lugar que se chama Povenza, o símbolo de todo o cosmos que acontece" (lemos en Galicia Hoxe).
Marta Dacosta fala con Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe.Rosa Aneiros comenta con Clara Bernal en Xornal de Galicia a súa vivencia do xornalismo e da literatura.
Miguel Anxo Martínez fala de En precario (Toxosoutos), novela que trata "en clave de humor a precariedade laboral".
Celso Emilio Ferreiro homenaxeado en Celanova:
Celso Emilio Ferreiro é o poeta máis musicalizado da historia, segundo unha recente recompilación. Os estilos que se adaptan ao autor de Longa noite de pedra van desde o hip hop de Dios ke te Crew a Pucho Boedo, Fuxan os Ventos ou Suso Vaamonde, pasando polo punk ou pola versión máis recente do emblemático poema do poeta realizada por Miguel A. Suárez para o libro-disco de Edicións do Cumio Once máis quince, con cancións compostas sobre textos de distintos poetas galegos (Galicia Hoxe, 28-8-09).
É un dos poetas galegos máis influintes do século pasado, e unha das voces máis críticas coas que contou a literatura galega. Aínda hoxe, a lucidez da súa escrita e a actualidade dos seus contidos (de "Lingua proletaria do meu pobo" a "Monólogo do vello traballador") fan da súa unha voz atemporal (A Nosa Terra, 28-8-09).
É un dos poetas galegos máis influintes do século pasado, e unha das voces máis críticas coas que contou a literatura galega. Aínda hoxe, a lucidez da súa escrita e a actualidade dos seus contidos (de "Lingua proletaria do meu pobo" a "Monólogo do vello traballador") fan da súa unha voz atemporal (A Nosa Terra, 28-8-09).
Imaxes: Xornal de Galicia (Thompson), Galicia Hoxe Miguel Anxo Martínez) e A Nosa Terra (Celso Emilio).
Ningún comentario:
Publicar un comentario