Biblos recolle en volume (colección Mandaio) as viñetas que Kiko da Silva foi publicando en La Voz de Galicia (edición pontevedresa) entre 2004 e 2007.
Leva o libro unha divertida e fonda introdución de Siro sobre a obra e a figura do autor, do que se afirma ser un trasno artista. Siro fundamenta tal afirmación no coñecemento persoal do autor e mais na autoridade de Cunqueiro e do seu Tratado do trasno.
Quen se dea o gusto de contemplar os monos de Kiko da Silva e de ler os seus textos estará diante dunha crónica cabal do país. As preocupacións, miúdas ou gordas, que atinxen a ese paisaniño de gorra levitante son tratadas neste breve manual gráfico de historia: a programación televisiva, os prexuízos lingüicidas, as comunicacións, a violencia doméstica, a burbulla inmobiliaria e as hipotecas, o vandalismo e o botellón, o acoso escolar, a sanidade e as listas de espera, o tráfico e o carné por puntos, a emigración e o paro, as dificultades económicas, os incendios...
Por non faltar, nin faltan os políticos.
E todo visto cos ollos de trasno artista e retranqueiro que é Kiko da Silva.
Kiko da Silva, O humor non engorda!!! Biblos (col. Mandaio), A Coruña, 2007.
Capa do libro: Vieiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario