O castelán é cada vez máis unha lingua de uso entre os deputados do Parlamento de Galicia. Iso, polo menos, é o que "detecta" o portavoz do BNG no Hórreo, Carlos Aymerich, que onte celebrou unha roda de prensa para abrir curso político e arremeteu contra as estratexias desenvolvidas polo Partido Popular (PP) para darlle amparo autonómico ao castelán. A xuízo de Aymerich, este incremento de uso débese a "unha consigna" da dirección do partido, enmarcada dentro da súa "cruzada" contra o galego.Non quero entrar en leas de políticos. Confeso irrespectuosamente que os políticos non me merecen mellor consideración que a que lle dan ós indios nas películas do oeste: el único indio bueno es el indio muerto. Con todo, se un político di que dúas máis dúas fan catro recoñézolle que está sumando ben.
Antes de lle botar unha ollada ó xornal citado estivera no edificio administrativo da Xunta. Sempre hai xestións que facer. Pois velaquí que:
1. Os uniformados que daban instrucións ós penitentes que tiñamos que pasar polo arco musical non usaban o idioma galego para tal fin. Polo menos eu non me decatei.
2. No primeiro punto de información ó que me dirixín tampouco me atenderon enelidiomapropiodegalicia. Nin antes nin despois do saúdo.
3. A mesma matrácola na segunda ventanilla.
4. No sétimo andar do edificio, con vistas a Pontevedra norte, nunha sección de persoal, traballaban nese momento unhas oito persoas. Á funcionaria que me atendeu (moi amablemente, por certo) non lle oín usar o galego. Mentres agardaba, outra funcionaria que pasaba por alí preguntoume: "¿Ya le están atendiendo?" Verdadeiramente, nos quince minutos que botei na sección só escoitei usar o galego a unha persoa. ¿Debería denunciala por esa tremenda imposición del gallego?
5. Nos ascensores, pola contra, era unha lingua bastante habitual. (Había máis xente na zona dos ascensores ca nas paradas do transporte urbano.)
Estes datos non serven para a enquisa Vázquez. E os que ven o galego imposto por todos os lados, deberían deixar de fumar iso que fuman.
Imaxe: Una profesora de francés en Madrid. Para algúns, a lingua nin sequera é un músculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario