6.4.08

Xosé María Álvarez Blázquez. A Pega rabilonga / Os ruíns. Cuestionarios.

Lectura: ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Os ruíns / A pega rabilonga, Vigo, Galaxia, 2008.

CUESTIONARIO-1
Os ruíns


1. A xeografía nos relatos d' Os ruíns.
2. N' Os ruíns o autor cita o humorista Pitigrilli (Dino Segre) na nota introdutoria. ¿Poderías darlle algunha explicación a este feito? 3. Da lectura d' Os ruíns tira as conclusións pertinentes sobre o xulgar polas aparencias.
4. Repara no relato "O anarquista" e describe as condicións sociais nas que puido abrollar este tipo humano.
5. Sinala e comenta o elemento común que atopamos nos relatos d' Os ruíns.
6. Comenta o cadro de marxinados descritos por Álvarez Blázquez.

7. O autor amosa polos seus personaxes un evidente afecto que o humor ou a ironía con que ás veces os trata non logra esvaecer. Demostra a veracidade / falsidade desta afirmación.

8. A fame é un tema tratado en varias ocasións na poesía e na narrativa de Álvarez Blázquez. Comenta a presenza da fame n' Os ruíns e n' A pega rabilonga.
9. "¡Deus queira que non sexa femia!", sentencia o pai de Liberata. Baseándote no conto ("O sátiro"), describe a situación da muller na época.

CUESTIONARIO-2
A pega rabilonga


10. Aspectos xeográficos máis salientables dos relatos d' A pega rabilonga.
11. A personificación dalgúns animaliños que aparecen nestes relatos.
12. Cita e comenta o elemento común dos relatos d' A pega...
13. ¿Poderías encadrar A pega dentro dun hipotético xénero que nas nosas letras poderiamos chamar "literatura de tesouros"? Cita outros autores e obras. Enumera as características definitorias.
14. Consultando a biografía do autor, ¿poderías dicir del se foi un buscador de tesouros? (Non esquezas xustificar a resposta.)
15. O humor é un trazo permanente na obra de Xosé María Álvarez Blázquez. Procura exemplos nestes relatos que xustifiquen tal afirmación.
16. ¿Podes establecer algunha relación entre os relatos d' A pega e os persoeiros ós que están dedicados?
17. a) A figura do "americano" no conto "A pega rabilonga". b) ¿Coñeces outros "americanos" na nosa literatura?
18. a) Baseándote no conto "A pega rabilonga", ¿poderías explicar a queda da fidalguía en Galicia? b) ¿Podes referir outros autores e obras que traten este mesmo tema?
19. No desenlace do conto "A pega rabilonga" xúntanse un cantos símbolos de decadencia e morte. Relaciona e comenta.
20. "A gavilla" ambiéntanse nunha etapa convulsa da nosa historia. Baseándote no conto e nalgunha outra fonte, ¿poderías describila?
21. Nos contos d' A pega damos con personaxes que viven en soidade. ¿É esta soidade un problema? ¿Trátase dunha escolla persoal dos protagonistas? Dicídeme algo; non quededes calados.
22. Esparexidos polos contos atopamos detalles que sinalan a presenza do autor e amosan a súa actitude ante o que nos está a contar. Sinala e comenta algúns deses detalles.

(Imaxe da páxina da editorial Galaxia.)

5.4.08

Calcando na lingua

Alegría, alegriote, baila a lingua do galego no pote. (Non é así, pero pode valer.)
E no caldo que ferve neste pote, hai pouca lingua e moita faba política. Imos deixar de lado as propostas de rotulación duns, o chapapote branco coñecido como típex doutros e as reflexións sobre a cuestións dos terceiros. Reparamos só na prensa de hoxe, porque non damos asimilado a enxurrada de noticias linguaxeiras.
Comezamos cunha carta de Ivana (La Voz, 3 de abril de 2008). Escribe "orgullosa de mi condición de gallega pero avergonzada por la política de normalización lingüística que se está llevando a cabo". Quéixase de "unos pocos considerados políticos" que conculcan os dereitos que temos "como españoles y gallegos". Continúa mentando a Constitución, que nos permite, segundo ela, elixir libremente a lingua de uso no ensino. E remata confesando a súa indignación porque lle impoñen o galego, "y debería tener el derecho a elegir".
O noso corazón latexa ó unísono co de Ivana... no que toca ó noxo visceral que producen "algunos considerados políticos". (¿El haberá algún político considerado?). No resto das cuestións alguén lle debería recomendar, mesmo sendo desconsiderado, que deixe de escribir coas vísceras e que se documente unha migalliña máis. Por exemplo, a Constitución non permite a libre elección de lingua: emprega a palabra deber para unha delas. Terá que lela de novo e, de paso, considerar a pexa que supuxo para outros textos legais como estatutos ou leis de normalización. No tocante á situación da lingua galega no ensino, nin sequera a FAES a describe tan idílica.
O que nos resulta sorprendente e novidosa é a suxestión de que haxa xente que sinta vergoña de falar castelán. Será en La Coruña. Na aldea en que vivimos -que ten algúns máis habitantes ca La Coruña- non demos palpado nada semellante. Se cadra estamos diante dunha nova doenza. ¿Sábeno xa as autoridades sanitarias?
Hai outra carta en La Voz (5-4-08, edición en papel) que nos deixa descolocados. Escríbea Lucía Torrente (Ferrol) para manifestar que "estoy totalmente de acuerdo con Carmen Bello en su carta del 1 de abril". Saliéntase na carta que "es muy significativo que una gallegohablante como ella" se decate "de la situación a la que hemos llegado". ¿Que situación? Non demos coa carta á que se refire para describila, pero a concordante "añadiría, además" que os impresos que recibe da Xunta e do seu concello están redactados "exclusivamente en gallego". Lamentamos matizarlle que desta situación xa se decatara o doutor Iglesias -Deus o descanse- cando dixo aquilo de "raro, raro, raro". En conclusión, por causa do galego andamos todos separados: "El idioma debería servir para unirnos y no para separarnos. La lengua oficial y común de los españoles es el castellano... ¿A que viene esa imposición del gallego a costa del castellano?".
Velaí queda iso. ¿Haberá realmente alguén que crea que se está a dar unha "imposición del gallego a costa del castellano"? Como non sexa en Mozambique...
A carta de Lucía Torrente titúlase "Bilingüismo ultrainverso". Debe de ser cousa mala... O de ultrainverso dámolo entendido, pero o de bilingüismo... mesmo mete medo.

P.D.: Recomendamos ós nosos bachareis o estudo destes tres textos citados por seren pezas fundamentais en calquera achegamento á sociolingüística.

Nunha órbita semellante navega o artigo de Ignacio Bermúdez: "La riqueza de una sociedad bilingüe radica en que los ciudadanos puedan elegir en qué idioma expresarse. Y sin que les afecte al bolsillo". Mágoa que nos esquezamos da historia para facer este tipo de afirmacións. E mágoa tamén que non teñamos os pés na realidade actual para recoñecer coas palabras precisas cara a que bilingüismo ricaz estamos a camiñar. Hai afirmacións que nin mentiras piadosas son.
Por se os que estudades este curso "lingua e sociedade" tedes o vezo de contrastar opinións, podedes botarlle unha ollada a estes outros artigos que tamén aparecen na prensa de hoxe: con coidadiño; reparade en que non consideran o galego como idioma perigoso nin separatista nin discordante nin lesivo para a liberdade individual, etc... Referímonos ós artigos de Xosé Carlos Caneiro e Serafín Portugal Soto, por citar só un par deles.
Os estudantes máis lacazáns ou os de adaptación curricular deben quedar tan só con estes tres contidos conceptuais:
a) En España é bilingüe quen fale só castellano o español.
b) En Galicia, quen fale galego por imposición en detrimento do castelán é bilingüe ultrainverso. (Este concepto está en proceso de revisión.)
c) Nun futuro próximo (dentro de dez anos) os seguidores de Rajoy e Zapatero serán bilingües en inglés. E os que non sexan seguidores de ZR tamén.
Polo de hoxe, abonda de gansadas.

Que la lectura vos aproveche y vos sirva de salú.

(Imaxe de Extraits de l'ex-être.)

1.4.08

Lingua de Cristo / Cristo das linguas

Algunhas xentiñas que andamos por este recuncho do mundo temos oído en máis dunha ocasión reconvencións do tipo "a ver si hablamos en cristiano" ou "hábleme usted cristiano", con ou sen o sinal autoritario do furabolos ergueito.
E o pobre do indíxena sabía instintivamente que idioma "cristiano" era o tal, sen lle preocupar nin migalla a lingua que falase Xesús Cristo. Aínda tardaría un tempiño en saber que Cristo xuraba en arameo; mais así e todo, o indíxena galego tampouco non lle deu máis importancia á cuestión. Nin sequera lle deu máis voltas ó asunto cando na época do nacionalcatolicismo Cristo Rey só atendía as preces na única lingua legalmente posible.
E velaquí que hoxe tropezamos co artigo enriba enlazado, que nos pinta o arameo como un Cristo das linguas (en tempos do galileo tampouco non era lingua do poder), resistindo o via crucis acelerado da globalización coa arma sutil do orgullo dos usuarios que, independente da relixión que profesen, non queren deixar de ser quen son.
Recoméndovos ós bachareis que leades o artigo.
Que vos sirva de proveito. E non o tomedes como unha profecía.
Aburiño.

(Imaxe de http://www.aunmaslejos.com/cronicas%20oriente%20medio/Siria/crohisescrit2.htm.)

27.3.08

Lingua esgallada (39)

LINGUA ESGALLADA-39

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e indica a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

390 Aínda que no espello se mirara, ela mirábase mui gorda

391 Que a xente non se dé conta

392 Pensaba que un día poríase enferma

393 Son temas que están aí e míranse

394 É importante e ensínate muito

395 De camino ó traballo

396 Van polas calles dunha cidade cometendo toda clase de fechorías

397 Quemaron unha casa

398 Xorobáballe que estuvera cunha muller

399 Na huída afúndese e morre


CONDICIÓNS DO TRABALLO

BAC: Rectificación + explicación.

ESO: Rectificación.

Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.

Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.


26.3.08

Sierra i Fabra. Unha noticia

Para os clubs de lectores de Sierra i Fabra.
Co atractivo título de "O regreso do fillo do bastardo" lemos no Galicia Hoxe unha nova relacionada coa biografía (ou iso parece) do escritor Jordi Sierra i Fabra. E aínda que a noticia se refira a unha novela que acaba de saír (Cuatro días de enero) e non teña relación directa coas obras que lle estamos a ler a este escritor, pode axudar a entender a súa actitude ante certos temas relevantes da súa narrativa.
Velaí queda a indicación.
Aburiño.
(Imaxe de Popular libros.)

25.3.08

Bilingüismo oficial

Atopamos en Made in Galiza este interesante vídeo sobre a cuestión da oficialidade dos idiomas español/inglés no estado libre asociado de Porto Rico.
Como cura para recuperación de lingüicidas pódese facer o experimento de cambiar o nome dos idiomas sen modificar o discurso. Pode resultar "desacougante" para algúns.
(E sobre o que pasou cos taínos, mellor calamos.)


(Mapas da Wikipedia e mais de http://www.comercioexterior.ub.es/fpais/Puerto%20Rico/index.htm.)

22.3.08

O neno do pixama a raias. Cuestionario

Para o club de lectores d' O neno do pixama a raias.
Deixo esta ringleira de preguntas co aviso de que vai ser revisada.

LECTURA: John Boyne,
O neno do pixama a raias, Pontevedra, Faktoría K, 2007.


CUESTIONARIO

  1. E educación dos nenos no seo da familia. (Repárese especialmente nas páxinas 16, 58, 110, 111.)
  2. Comenta e valora esta expresión que aparece varias veces na novela: "Zona-prohibida-en-todo-momento-e-sen-excepción".
  3. Comenta o xogo que dá a coincidencia de datas de nacemento dos nenos (p. 121).
  4. Na novela poden establecerse dúas partes. ¿Que feito establecería a divisoria? (Cfr. cap. 10).
  5. "Estás do lado equivocado do aramado" (p. 120). Comenta o valor desta expresión dita polo neno do pixama.
  6. Describe as relacións de Bruno coa súa irmá.
  7. O recurso ó amigo imaxinario.
  8. "Estamos aquí para corrixir a historia". ¿Que personaxe pronuncia esta afirmación? Comenta o significado da mesma.
  9. Gretel e a autoidentificación, é dicir, nós e os outros. (Véxanse pp. 161-162.)
  10. O traballo como "misión" (p. 166).
  11. O simbolismo do aramado.
  12. ¿Cal puido ser o final do pai de Bruno?
  13. Comenta o significado que poden ter na novela as bonecas de Gretel.
  14. A amizade segundo Bruno.
  15. O neno deforma certos nomes como Fura e Ouvichs. ¿Realmente é incapaz de aprendelos ben? Comenta este extremo.
  16. O comandante nazi recibe de rebote a súa propia menciña. Comenta dende a óptica de lector esta técnica de efecto de espello.
  17. ¿Agacha a novela algunha mensaxe? (Na edición orixinal figura a indicación "unha fábula".)
  18. ¿Como se xustifica na novela a superioridade dunha raza sobre doutra?
  19. A Avoa, ¿un personaxe disidente?
  20. Baseándote nas insinuacións da novela, comenta as distintas saídas que se lles ofrecían ás xentes que non comungaban co réxime.
  21. O valor das materias de estudo segundo herr Liszt?
  22. Explica o punto de vista adoptado por Boyne para contarnos a historia.
  23. Flávio Paranhos comenta no seu blog: "John Boyne escolheu mal a idade do protagonista, ou as crianças alemãs eram imbecis no período da Segunda Guerra?". Advirte Paranhos que Boyne é irlandés.
  24. A técnica adoptada por Boyne esixe un alto grao de "confabulación" co lector. ¿Estás de acordo? (Non esquezas xustificar a resposta.)
  25. ¿Serías quen de resumir en poucas palabras a esencia da traxedia que se nos conta n' O neno do pixama a raias?
  26. Comenta o valor literario do destino final dos nenos.
  27. ¿Reparaches nas dúas fiestras ás que asoma Bruno para contemplar o mundo? Comenta este aspecto.
  28. Shmuel pasa fame. Bruno tamén. Mais, ¿de que ten fame Bruno?
  29. Bruno diríxese ós pais como Padre e Madre. Comenta este tratamento. Compárao co que emprega Shmuel. (Por certo, ¿este rapaz fala dos dous?)

(Capa do libro tirada da páxina da editorial.)

17.3.08

Fobias, de José Luis Prieto

Fobias, de José Luís Prieto, Edicións Embora, Ferrol, 2005. Premio Max de teatro dese ano.

Na páxina da Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos aparece así de resumido o argumento desta peza:

“Cuatro pacientes son invitadas a una íntima, divertida y especial velada de despedida para poder llevar a cabo una exclusiva y revolucionaria terapia de grupo con el Dr. Luis Mendía”.

A sinopse da páxina de Biblos Clube di: “Conta unha estrafalaria sesión de terapia de grupo na que cada personaxe ten unha fobia distinta. A peza desenvólvese no salón comedor da casa de Luis Mendía”.

Non haberá outro escenario. Non veremos o doutor. Só saberemos del a través do diálogo das mulleres que, por fuxiren das súas fobias, acabaron convertidas en amantes traizoadas.

Estraña ó lector do texto a familiaridade coa que se moven pola casa as convidadas a súa derradeira cea, porque o lector ten claro dende o principio que as mulleres que van entrando na casa son convidadas, non se coñecen entre si pero móvense con familiaridade polo domicilio do doutor.

A través do seu diálogo coloquial, retranqueiro e rápido, imos coñecendo a realidade. Todas elas tiñan unha fobia da que se querían ver libres; todas acabaron sendo enganadas polo psiquiatra; todas deciden librarse del matándoo; e todas o matan, mesmo sen saber que xa era cadáver.

Así e todo, o convite preparado polo doutor acaba con éxito: logra ser a derradeira cea das catro mulleres. A cea era unha trapela pensada para desfacerse delas. Cando se consideran libres e donas das súas vidas, saben que o viño que beberan estaba envelenado.

O lector sospeita algo disto case que no remate da peza, mais non chega á certeza ata que se vai indo a luz do escenario.


(Imaxes da páxina de Edicións Embora.)

15.3.08

Álvarez Blázquez. Novidades editoriais

Para o club de lectores d' A pega rabilonga.
No Galicia Hoxe aparece a nova que deixo aquí ligada.
Os membros deste club de lectura reparade no comentario que pecha o artigo.
Sobre a obra citada tedes nesta páxina unhas breves notas.


(Imaxe de A Caza en Galicia.)

10.3.08

Mª do Carme Kruckenberg. As complexas mareas da noite.

María do Carme Kruckenberg, As complexas mareas da noite, A Coruña, Espiral Maior, 2006.
No limiar de Marita Vázquez de la Cruz atopamos descrita a cerna poética de de Mª do Carme Kruckenberg:
"(...) hai intimidade e fondura nos seus versos, e deles mesmos emana a comunicación do seu propio sentimento do que está a acontecer no mundo. Hai canles soterrados que veñen directamente do espírito da poeta que sente o que pasa e o conta dende o seu sentir, xa incidido pola externalidade do gran drama da vida, do gran drama do mundo. E todo dito e feito coa precisión cuase matemática do canon estético que emana de la mesma, como pode apreciarse dunha soa ollada, o seu físico, sempre cumprindo coa normativa Kruckenberg: sen disonancias, elegancia austera, harmónica, cunha sabedoría que lle vén de lonxe".
En "Poesía para ler en primavera" (A Nosa Terra) lemos: "Mª do Carme Kruckenberg danos As complexas mareas da noite, un dos libros máis existenciais dentro desta vea que sempre caracterizou a autora".
En Pajaro perdido temos unha ampla visión deste poemario. Na presentación, Victoria Iglesias López describe o libro como un cadro do que a primeira pincelada é "a intrincada metáfora do título" e a última, "a apoteose final da beleza", o derradeiro poema:
Todo o que me doe
está ao pé da escaleira.
Ninguén quere subila.
Tampouco ninguén quere baixala.
E alí queda inservíbel
como adorno da paisaxe.
A verdade da mazá morre na herba.
Comenta tamén Victoria Iglesias outras liñas do pemario: o diálogo coa Natureza, os temas da vida, do amor e da morte; a guerra e o sufrimento; o totalitarismo e a fame... E remata animándonos a que nos atrevamos a ler a obra e a gozar "coa fascinación desta escaleira".
Mais esta non é a escaleira tópica onde colocan os galegos que non saben se soben ou baixan. Aquí non hai máis dúbidas cás existenciais. Os corenta chanzos deste poemario soben ou baixan como a vida mesma, mais todos eles presentan a seguranza do sentir da poeta, que serve de pé dereito a cada un dos seus poemas. Por iso rezuman autenticidade, outras das características da poesía de María do Carme Kurckenberg.


(Imaxe Proxecto Meiga.)

7.3.08

Curros Enríquez. Centenario

Tal día coma hoxe hai cen anos morría na Habana Manuel Curros Enríquez. A prensa do país publica crónicas e reportaxes sobre a efeméride. A súa figura é unha pinga no mar dos programas de literatura e os temibles exames de selectividade tampouco se ocuparán del. Se cadra, mellor que así sexa. Se houbo xente que se alegrou da súa morte física, tamén a haberá que se contente coa súa conversión en mito morto. Mentres tanto, os que teñamos curiosidade por este vulto da nosa cultura podemos botarlle unha ollada ós xornais.
La Voz de Galicia dedica unha páxina moi ilustrada e salienta a vixencia da obra currosiana recollendo a opinión de Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez. Como exemplos: os mozos e o progreso son temas recorrentes na poesía do celanovés. "¿Que se está viva a mensaxe de Curros Enríquez? -pregúntase Antonio Piñeiro-. Máis viva e vixente ca nunca. Só hai que ter interese por lela".
Galicia Hoxe incide na faceta periodística do Curros, salientando o feito de ser o primeiro correspondente de guerra galego así como o traballo realizado tanto na prensa española coma na da emigración.
El País debe ser o xornal que hoxe dedica máis artigos á figura do noso poeta, con traballos de Daniel Salgado ("O Estado contra Curros") sobre o xuízo ó que o someteron por blasfemo, de Dolores Vilavedra ("Un inconformista rabudo") que analiza a súa figura pública, e de Manuel Rivas ("Curros, Rouco e a nova Inquisición") que dá un repaso á actitude da Igrexa no onte e no hoxe de Manuel Curros. Neste mesmo periódico, D.S. advirte de "A escasa visibilidade dunha efeméride" e fai fincapé na magnitude do poeta civil.
Son todos eles traballos de circunstancias, pero conteñen máis información ca que podemos atopar nos manuais de texto.
Que Curros nos sirva de proveito.
(Imaxe de http://xosel2.googlepages.com/curros).

6.3.08

Galego piomoído

Atopei hai un tempo un artigo na bitácora que Pío Moa ten no prestixioso diario Libertad Digital. Vai camiño do ano tal escrito, pero non pasou de moda. Máis aínda, no curso que estamos e achegándose a campaña electoral a fe nas teses de Pío Moa arrastrou montes e moreas de xente ben pensada na procesión das liberdades lingüísticas. Nesta materia somos un país de fe (de carboeiro): non só cremos o que non vemos, senón que acreditamos e sostemos o contrario do que percibimos polos propios ollos. Esta fe ten dous mandamentos básicos: 1. O galego é un perigo para o (mal llamado) castelán. 2. O galego non se pode impor (a la fuerza). Estes dous mandamentos están, ademais, sostidos por sisudos estudos históricos incuestionables que todo o mundo coñece e sería insultante citar. Por outro lado, darlle a volta á tortilla dos dous mandamentos básicos só se lle podería ocorrer a cerebros podres. E se non estades convencidos, lede en alto estes dous axiomas: 1. O castelán é un perigo para o galego. 2. O castelán nunca se impuxo pola forza. ¿Vedes como soa a mentira cochina? Se alguén o dubida é que está tolo de vez.
Sigamos, pois. Segundo Pío Moa (¿español "Muela"?), o galego ten dous problemas:
a) "En primer lugar, el ámbito exclusivamente regional de esos idiomas, unido a su falta de valor utilitario, por cuanto cualquier persona puede desenvolverse allí en la lengua general de España".
b) En segundo lugar: buscádeo vós, porque eu non o dei atopado no artigo. Si atopei afirmacións que me soan a non sei que de tempos idos:
1. Que o galego é cousa de separatistas tercos, antidemocráticos e antihistóricos, ademais de ladróns que queren impoñer su lengua regional co diñeiro de todos os españois.
2. Que o galego non ten valor utilitario.
3. Que culturalmente ten un interese pouco acentuado (para el forastero).
4. Que os galegos "han preferido elaborar lo más y mejor de sus literaturas en el español común".
5. Que "las literaturas regionales" veñen deteriorándose polo influxo do nacionalismo.
6. Que ninguén "en su sano juicio aprendería los idiomas regionales para tragarse esa verborrea menos que mediocre".
Eu acredito en todo isto porque son home de fe. No que portén ás razóns históricas nas que se sustentan tales incuestionables principios, deixémosllas a Pío Moa para que as busque cun farol. Estade seguros que dará con elas. Se cadra empeza por Afonso X o Sabio, aquel castrón separatista do século XIII...
Quero, de paso, entoar o mea culpa e confesar que este artigo me abriu os ollos sobre a cuestión lingüicida, porque ata que non o lin pensaba que o galego só tiña un problema: os indíxenas do país.
Así e todo, non quero rematar sen recoller estoutro artigo de Jaume Pros: "Pío Moa asimila el gallego, el catalán y el euskera a la Alemania nazi". Lédeo con coidado, non vai ser un "separatista terco, antidemocrático y antihistórico".

Celui qui a été privé de nourriture se nourrit de paroles. Bavardage à n´en plus finir (Nacer KHELOUZ).

Abur.

(Imaxe de France Culture, "La glotophagie coloniale".)

5.3.08

Lingua esgallada (38)

LINGUA ESGALLADA-38

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e indica a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

380 Había tenido un accidente coa moto
381 El foi quen ensinoullo ó seu neto onde esconderse
382 Un lugar seguro onde había estado el
383 Co embarrancamento do barco, a xente se queda sin traballo
384 Xóvenes ingleses hospitalizados
385 Non se encontra ben ela misma
386 Pastillas que quítanche o apetito
387 Non lle parece suficente
388 Escoitaba ós enfermeros falar
389 Tiña que estar 6 meses co suero



CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog.
(Imaxe de langue chargée.)

3.3.08

Manuel Darriba. Vostede non sabe con quen está a falar.

Manuel Darriba, Vostede non sabe con quen está a falar, A Coruña, Espiral Maior, 2006. XIII premio de poesía Espiral Maior.
Ninguén diría que detrás deste título se agocha un poemario, pero é así. Atrae a curiosidade e, asemade, resulta un punto ameazador. Hai unha trintena de anos, esta expresión era o preludio de ameazas maiores: olliño con saíres do rego, porque empezas a subverter a orde e, como sigas por ese camiño, vaiche caer o pelo. Tamén podía ser un farol, pero cando o medo voa sobre os cidadáns de a pé, mellor será pórse a cuberto.
Así e todo, aínda que a primeira ollada ó título nos traia á memoria épocas pasadas, o libro de Manuel Darriba non vai por esa derrota. Na presentación que se nos fai en Biblos, clube de lectores vemos que "nesta entrega lírica do autor brillan as luces do cotián, o pulso do diario e o sabor da experiencia do inmediato". Tal afirmación parece confirmada nada máis abrir o poemario, que comeza polo "Final":
A luz é máis espida
detrás daquel saínte
(...)
Abrolla a cara sur
e un sol moi branco segue
estacionado na pedra.
O levantador de minas matiza máis esa descrición xeral: "presenta descricións sinxelas de visións fugaces, materializadas en simples concatenacións de imaxes, seccionadas en versos curtos. Pinceladas leves sobre a vida cotidiana, bocetos poéticos sobre o lenzo do real".
Non se podería describir mellor en menos palabras. Poemas como "Espertar", "Feliz", "Mencer", "Erótica", "Crónica"... non apuntan a ningún mundo transcendente, senón á visión sinxelamente poética dun mundo e dun momento presentes. Así de "Natural":
O reflexo da lúa ignora
se o cristal está poeirento.
Non deixa de producirse.
E o peso, tan estraño
dunha meixela; a luz dos ollos.
Outro mencer esperando
a fráxil ración de día.
Salpresando a alegría de vivir, presente en moitos poemas, aparécenos a sombra do sufrimento, nomeadamente neste "Cotián" que pecha o poemario:
Vermes reptando; pólipos
camiño da gorxa; ás veces dentro.

Este ton pesimista é, cremos, predominante nun poemario que vén sendo unha "visión irónica da realidade", como podemos ler nas páxinas d'A Nosa Terra.

2.3.08

Jordi Sierra i Fabra entrevistado

Para os clubs de lectores de Jordi Sierra i Fabra.

Na revista XLSemanal publican hoxe unha entrevista de David Benedicte con Sierra i Fabra. Trátase dun faladoiro cheo de frescura, mais non por iso deixa o autor de tocar temas que lle afectan á mocidade e que aínda son tabú para moita xente madura. Os que estades a ler Durmido sobre os espellos ou Soidades de Ana poderedes velos reflectidos dende outro ángulo.
Déixovos a ligazón da entrevista por se queredes botarlle unha ollada.
Algunhas das cousas que di deberían considerarse seriamente, como a "refundación da escola", por exemplo.
Abur.
(A foto de Lucía Antebi está na revista XLSemanal)