Fobias, de José Luís Prieto, Edicións Embora, Ferrol, 2005. Premio Max de teatro dese ano.
Na páxina da Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos aparece así de resumido o argumento desta peza:
“Cuatro pacientes son invitadas a una íntima, divertida y especial velada de despedida para poder llevar a cabo una exclusiva y revolucionaria terapia de grupo con el Dr. Luis Mendía”.
A sinopse da páxina de Biblos Clube di: “Conta unha estrafalaria sesión de terapia de grupo na que cada personaxe ten unha fobia distinta. A peza desenvólvese no salón comedor da casa de Luis Mendía”.
Non haberá outro escenario. Non veremos o doutor. Só saberemos del a través do diálogo das mulleres que, por fuxiren das súas fobias, acabaron convertidas en amantes traizoadas.
Estraña ó lector do texto a familiaridade coa que se moven pola casa as convidadas a súa derradeira cea, porque o lector ten claro dende o principio que as mulleres que van entrando na casa son convidadas, non se coñecen entre si pero móvense con familiaridade polo domicilio do doutor.
A través do seu diálogo coloquial, retranqueiro e rápido, imos coñecendo a realidade. Todas elas tiñan unha fobia da que se querían ver libres; todas acabaron sendo enganadas polo psiquiatra; todas deciden librarse del matándoo; e todas o matan, mesmo sen saber que xa era cadáver.
Así e todo, o convite preparado polo doutor acaba con éxito: logra ser a derradeira cea das catro mulleres. A cea era unha trapela pensada para desfacerse delas. Cando se consideran libres e donas das súas vidas, saben que o viño que beberan estaba envelenado.
O lector sospeita algo disto case que no remate da peza, mais non chega á certeza ata que se vai indo a luz do escenario.
(Imaxes da páxina de Edicións Embora.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario