7.3.08

Curros Enríquez. Centenario

Tal día coma hoxe hai cen anos morría na Habana Manuel Curros Enríquez. A prensa do país publica crónicas e reportaxes sobre a efeméride. A súa figura é unha pinga no mar dos programas de literatura e os temibles exames de selectividade tampouco se ocuparán del. Se cadra, mellor que así sexa. Se houbo xente que se alegrou da súa morte física, tamén a haberá que se contente coa súa conversión en mito morto. Mentres tanto, os que teñamos curiosidade por este vulto da nosa cultura podemos botarlle unha ollada ós xornais.
La Voz de Galicia dedica unha páxina moi ilustrada e salienta a vixencia da obra currosiana recollendo a opinión de Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez. Como exemplos: os mozos e o progreso son temas recorrentes na poesía do celanovés. "¿Que se está viva a mensaxe de Curros Enríquez? -pregúntase Antonio Piñeiro-. Máis viva e vixente ca nunca. Só hai que ter interese por lela".
Galicia Hoxe incide na faceta periodística do Curros, salientando o feito de ser o primeiro correspondente de guerra galego así como o traballo realizado tanto na prensa española coma na da emigración.
El País debe ser o xornal que hoxe dedica máis artigos á figura do noso poeta, con traballos de Daniel Salgado ("O Estado contra Curros") sobre o xuízo ó que o someteron por blasfemo, de Dolores Vilavedra ("Un inconformista rabudo") que analiza a súa figura pública, e de Manuel Rivas ("Curros, Rouco e a nova Inquisición") que dá un repaso á actitude da Igrexa no onte e no hoxe de Manuel Curros. Neste mesmo periódico, D.S. advirte de "A escasa visibilidade dunha efeméride" e fai fincapé na magnitude do poeta civil.
Son todos eles traballos de circunstancias, pero conteñen máis información ca que podemos atopar nos manuais de texto.
Que Curros nos sirva de proveito.
(Imaxe de http://xosel2.googlepages.com/curros).

Ningún comentario: