30.1.19

J. L. Graña Muíño: "Itinerario do botellón"

Imaxe: Fervenza Edicións
Itinerario do botellón desenvolve sobre o escenario as posturas que distintos colectivos sociais adoptan sobre este hábito de divertimento da mocidade.
O desenvolvemento escénico ponse en marcha cando o hábito xa se considera un problema social: moreas de xente nova concentrada en lugares emblemáticos, intoxicacións etílicas, abusos, espectáculo pouco estético e toneladas de lixo ciscadas ao remate da festa.
A partir de aí, cada grupo actuante enfoca o problema segundo o vello método de nadar e gardar a roupa. Os políticos (P) ao mando procuran evitar que a situación se descontrole e cause perda de votos; os empresarios (E) aproveitados tentan sacar tallada de clientes e institucións; os mozos (M) teiman en non perder a súa inocente diversión; os manifestantes, nomeadamente os traballadores do servizo de limpeza "externalizado",  ocupan prazas e rúas reivindicando uns dereitos prexudicados indirectamente polo botellón.
Os axentes implicados non analizan a fondo a situación; simplemente procuran afastar o problema cambiándoo de sitio. Non pretenden darlle unha solución, senón aparcalo, facelo invisible, que non moleste. E se de paso pode aproveitarse comenenciudamente, mel na filloa.
Os personaxes non levan nome. Mesmo os máis individualizados, salientados da masa, pensan, falan e actúan como membros dun grupo social. Así e todo, dentro dos grupos de políticos, empresarios e mozos pódense apreciar diferentes sensibilidades: desde os que amosan unha relativa conciencia social ata os de pertegaza e pallougada. Pero o elo que os une a todos é a pretensión de arrimar a brasa á súa sardiña. O resto da sociedade amosa o seu sentir nas manifestacións.
A peza desenvólvese en dous actos. No primeiro (20 escenas) desenvólvese toda a problemática causada polo botellón, agudizada pola folga dos empregados da limpeza que reclaman melloras laborais. O segundo acto (dúas escenas curtas) cumpre o papel de epílogo: cae o peso da representación sobre os mozos que son, no fondo, as vítimas da situación. Os mozos que nos falan amosan un sentido común de xente madura, e o seu diagnóstico é moito máis obxectivo e atinado ca o dos políticos e empresarios porque é plenamente consciente da cruel realidade e brindan:

M1.- (Resignado) Acabo de entendelo: non somos ninguén. [...]

M1.- Por nós, que non somos ninguén!
M2.- Por todos os ninguén froito do botellón!

Dictiografía
_________________________________
J. L. Graña Muíño: Itinerario do botellón. (A Pinguela. Teatro para ler e representar), Silleda, Fervenza Edicións, 2017. Colaboración da promotora e construtora Bamarti.
Personaxes: 4 P, 4 M, 4 E + número impreciso de manifestantes.

Ningún comentario: