15.10.19

Robert Seethaler: "Unha vida enteira"

Cóntanos a vida de Andreas Egger. Unha vida enteira que aparece sintetizada nun parágrafo inzado de verbos:
Segundo a partida de nacemento, que ao seu xuízo non valía nin a tinta do selo, Egger tiña setenta e nove anos. Aguantara máis do que cría posible, e en termos xerais podía estar satisfeito. Sobrevivira á súa infancia, á guerra e a un alude. Nunca estivera tan mal que non puidese traballar, abrira unha cantidade incalculable de buracos na rocha e probablemente cortara árbores dabondo para alimentar durante un inverno as estufas de toda unha cidade. A súa vida pendera moitas veces dun fío, entre o ceo e a terra, e durante os últimos anos como guía turístico aprendera máis das persoas do que podía abarcar. Que el soubese, non cargaba con ningunha culpa digna de mención, e nunca caera nas tentacións do mundo: as borracheiras, as prostitutas ou a gula. Construíra unha casa, durmira en infinidade de camas, cortes, caixas de camións e unhas cantas noites mesmo nun caixón de madeira ruso. Amara. E intuíra ata onde podía levar o amor. Vira dous homes camiñar pola Lúa. Nunca estivera no apuro de crer en Deus, e a morte non lle daba medo.
Imaxe: culturagalega.org
O parágrafo segue algo máis, pero xa con detalles que lle poñen ramo a todo o anteriormente dito. Andreas Egger, malia non queixarse, non tivo moito que lle agradecer á vida. Sen pais que termasen del, acaba na casa dun tío que o trata con crueldade. Unha malleira déixao coxo e condiciona o seu negro futuro. Como compensación, a natureza dótao dunha grande fortaleza física e mental que lle vai permitir sobrevivir malia as precarias condicións que marcan a súa existencia. Velaí o único triunfo na vida de Andreas Egger, a súa capacidade de resistencia.

Cando o seu corpo alcanza un tamaño que lle permite defenderse do seu escravizador, Andreas enfróntase a el, abandónao e comeza a andaina vital en solitario nun mundo inhóspito e nun contorno social hostil. Nin o medio nin a sociedade regalan nada. Andreas pagará en todo momento co esforzo necesario para seguir resistindo.

Seethaler cóntanos a vida enteira do protagonista escollendo etapas clave do seu desenvolvemento: nenez desgraciada, morte da parella embarazada baixo un alude, traballo no teleférico, recrutamento para a guerra, campo de prisioneiros, retorno e cambio de traballo e, derradeiramente, reencontro coa natureza. Malia non estenderse en detalles, a vida non curta de Andreas Egger queda completa ante os ollos do lector. Unha vida tan sinxela como dura, sufrida dignamente en soidade, narrada coa brevidade que lle corresponde ao home de poucas palabras que é o personaxe de Andreas Egger.

Fálase d' Unha vida enteira en Lecturafilia: https://lecturafilia.com/2019/02/15/unha-vida-enteira/
_____________________________
Robert Seethaler, Unha vida enteira.Cangas, Rinoceronte Editora, 2018. Trad. Moisés Barcia.

Ningún comentario: