Imaxe: O soño crebado/IEV |
Cómpre sinalar que a obra é máis ambiciosa do que o título suxire: o marco cronolóxico esténdese dende as etapas precedentes á República ata os anos posteriores ao remate da II Guerra Mundial; o espazo xeográfico expándese máis alá de Vigo e bisbarra, e os feitos narrados, mesmo sendo locais, poden considerarse exemplos concretos dun estilo de actuación extrapolable ao resto da Península e a outros países europeos. Non estamos, xa que logo, ante un humilde caderno didáctico de historia local, senón ante un auténtico tratado que estuda unha etapa concreta da virulenta historia do século XX partindo dun escenario local pero sen deixar de ollo o espazo global que inflúe sobre ela.
Expostos os precedentes dos tempos da República, o estudo céntrase na esperanza que esperta o novo réxime na sociedade, especialmente entre as clases populares, nos vaivéns padecidos pola incipiente República, no levantamento militar e, conseguido o control do territorio polo exército sublevado, nas consecuencias que tivo na bisbarra o desenvolvemento da guerra: recrutamento de soldados para as distintas frontes, requisa de medios materias, control da poboación por medios violentos (detencións, xuízos sumarísimos, paseos, sacas, fusilamentos...) e accións de propaganda para xustificación e lucimento do bando vitorioso. Os mecanismos de defensa dos leais á República crean entobados, fuxidos e guerrilleiros. A marcha da guerra provoca na cidade e bisbarra a habilitación de cuartelillos, centros de detención, campos de concentración, hospitais...
A traxedia tórnase máis vívida cando escenario e personaxes resultan familiares. A información gráfica que se achega amósase eficaz neste sentido. Na inmensa traxedia que supón o exterminio do inimigo interior (los malos españoles) hai episodios que puideron ser publicados no exilio polos que deron fuxido das gadoupas dos perseguidores. Outros malamente lograron resistir a corrosión do tempo e o sudario de silencio con que os taparon os vencedores. E outros episodios especialmente punxentes tiveron desenvolvemento literario, coma o das vítimas do bou Eva, ás que Unha morte lanzal, de Julián Rodríguez Novo, rende sentida homenaxe. No estudo aparecen nomes de infausta memoria pola súa crueldade e nomes de xentes que non merecían a morte que lles deron. O libro recórdanos todos: uns para que deprendamos a non repetir a historia, outros para devolverlles a honra que a barbarie lles roubou. Entre os miles de títulos publicados sobre o tema aquí tratado, este "caderno didáctico" que temos entre mans resulta ser un bo antídoto contra a desmemoria.
____________________________________________
Xoán C. Abad / Evaristo Pereira: O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra. Vigo, Instituto de Estudos Vigueses, 2019.
Ningún comentario:
Publicar un comentario