14.1.18

Antonio Manuel Fraga. A virxe das areas

Imaxe: Edicións Embora
Dúas beatas de Vilar de Sembra cren estar vendo a Virxe das areas cando atopan na praia, en camisón e desorientada a Norma Lago. Oficialmente, a rapaza levaba dous anos vivindo en Suíza cos seus tíos. Esta misteriosa aparición bota a andar as pescudas do xubilado e hipocondríaco Paco Louro, que remexe na memoria da parroquia ata dar coa resposta.
Vilar de Sembra pode ser o trasunto de calquera vila mariñeira, nomeadamente da Costa da Morte, segundo nos conta o autor. Coma en calquera poboación pequena, todo o mundo se coñece e todos os seus habitantes teñen unha cara pública e outra cara oculta que condiciona as súas vidas tanto ou máis cá primeira. As pescudas de Paco Louro destapan esta realidade paralela e poñen ante os ollos do lector as desgrazas, as vergoñas e a miseria moral que embazan a vida pública dos personaxes que se moven na novela.
Deste xeito, imos sabendo que Norma Lago nunca marchara a Suíza; esta loia faina correr a nai (Esperanza) para tapar a vergoña de que a filla fuxira cun home casado. En realidade, Esperanza estaba trabucada: Norma pretendía escapar co seu noivo secreto (Xureliño), pero atravesóuselle no camiño Casto Rivas, obsesionado coa rapaza, que a secuestra e mantén dous anos atada na baleeira abandonada da familia; drógaa con morfina e abusa dela en presenza da pretendida imaxe da Virxe das areas, da que tamén a familia tiña a custodia. A reaparición de Norma e o enterro de Casto coinciden no tempo e nas causas.

Servando Trillo, tío de Casto, é o que agacha máis segredos inconfesables. Pertence a unha familia de avoengo: industriais, militantes de partidos políticos ultraconservadores… Na guerra civil, Servando Trillo tomou partido polo bando vencedor, que o premiou coa alcaldía de Vilar de Sembra, alcaldía que mantén cando o país retorna á democracia. Encarna o caciquismo mudado de pel, pero non de condicións. Sospeitaba que o sobriño, herdeiro na xinea familiar e sucesor na política local, matara a Norma, de aí o distanciamento entre os dous. O alcalde fora amigo do irmán de Paco Louro antes da guerra e o noso pescudador ten o convencemento de que Servando está detrás da súa morte.

Esperanza é unha muller a quen a sorte lle torceu a cara. Coidou dos pais ata que morreron, do seu irmán diminuído psíquico e da filla reaparecida. É o único esteo da súa casa e gaña a vida traballando en casas de fóra. Amosa unha encomiable capacidade de resistencia e entrega. A filla foina parir na emigración para non luxarlle a honra ao pai, o cura párroco daquela aínda mozo.
De todos os personaxes da novela, son tres mulleres (Esperanza, Carme e Nora) as que cangan coa penitencia máis dura e menos merecida. Neste mesmo bando de perdedores da historia atopamos a Paco Louro (supervivente de familia de represaliados) e o doutor Óscar Bazán (estigmatizado por homosexual). Tampouco resulta unha sorpresa para o lector que sexan os personaxes máis solidarios e tolerantes.

No relato lineal que desenvolve Antonio Manuel Fraga saliéntanse dúas datas historicamente marcadas: 1938 (guerra civil, represión e xenocidio en auxe) e 1981 (“falido intento de golpe de estado perpetrado no Congreso por un grupo de gardas civís, fracaso que algúns aplaudían aliviados e que outros lamentaban en silencio”, p. 13). Os dous bandos enfrontados na primeira data seguen sen se levar ben na segunda. Na novela seguen ocupando o poder local os triunfadores da guerra fratricida e só lles pasa factura a xustiza poética: “Inevitablemente pensou en Servando, que murcharía só até o seu derradeiro latexo de vida. Paco desestimara denuncialo. A morte de Carme fora xa castigo dabondo” (p. 115).

Nesta novela de intriga, ademais da guerra civil, a represión, o xenocidio, a loita por manterse no poder, a violencia sexual, a homofobia… tócase o tema da xeración perdida, personalizada en Xureliño, paradigma desa mocidade estragada pola droga, especialmente na década dos oitenta do século XX.

Paco Louro gardará algúns dos segredos descubertos nas súas pescudas para non causar máis dor. Así e todo, o relato remata cunha raiola de esperanza reflectida na luz dos ollos de Norma.

Dictiografía
_____________________________________
Antonio Manuel Fraga, A virxe das areas. A Coruña, Edicións Embora, 2017.

Ningún comentario: