"En inglés o meu nome sería Hope. En español ten demasiadas letras. Significa tristura, significa espera".
Imaxe: Sushi Books
Unha narradora noviña e sensible, que leva o simbólico nome de Esperanza, vai contando retallos da súa vida, da familia, amigos e veciños. Tampouco escapan ao seu ollar inquisitivo o espazo e os obxectos que conforman o mundo no que vive. Un mundo ao que se sente allea e que lle resulta hostil. Nin sequera a casa de Mango Street lle parece un fogar, malia que para o pai resulte un paso adiante na loita por lograr unha vida digna. Son poucos os trazos que describen a casa, pero abonda co adverbio da pregunta que ponen boca dunha profesora --Vives aí?-- para que o lector imaxine como son as condicións de vida dos inmigrantes hispanos nese arrabalde de Chicago.
Á parte da casa, que dá título a obra, cobran especial relevancia os zapatos. O calzado pode arruinarlle o día a narradora ou darlle un plus de seguridade. Non son os zapatos de Cinsenta, pero Esperanza considera que cando chegue a encher os zapatos da nai terá logrado a madurez necesaria e a capacidade para enfrontarse ao mundo.
Levar é unha vida digna é o pensamento que guía todos os esforzos da rapaciña narradora. E para logralo sabe que ten que escapar das gadoupas dese submundo no que vive e non retornar a el ata que estea en condicións de rescatar a outros. Porque Esperanza pensa en volver "polos que non poden saír".
Mentres tal non ocorre vainos pondo ante os ollos, en pequenos relatos, as condicións do seu mundo marxinal. Cada relato ten o seu tema central e o seu protagonista; poderían considerarse como pezas autónomas no conxunto da obra, pero non por iso deixan de dar unha visión global do mundo que nos describen. O lector non sente que se rompa o fío do relato que desenvolve a narradora.
A súa voz doce e sensible non agocha a dureza da vida que levan as xentes do arrabalde: baleiro social dos anglófonos, que van cambiando de barrio a medida que se achegan os hispanos; escaseza de medios económicos; infravivendas; maltrato, especialmente sufrido polas mulleres; rapazas que maduran antes de tempo e que soñan cun marido que as saque da pobreza, pero que lles matará os soños e converterá a vida nun inferno; mulleres e fillos abandonados; illamento provocado polo descoñecemento do idioma; escaseza de posibilidades de promoción social... En fin, todas as condicións posibles que xeran na narradora o devezo de resistir e pelexar por unha vida digna, vivida nunha casa de seu que non será a de Mango Street.
Dictiografía
- A casa de Mango Street. Presentación editorial: http://rinoceronte.gal/sushibooks/tenda.php?op=ver&id=1384
- A casa de Mango Street. Na páxina culturagalega.org: http://culturagalega.gal/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=1414
- "A casa de Mango Street, de Sandra Cisneros", no Caderno da crítica, 14-07-2014: https://cadernodacritica.wordpress.com/2014/07/14/a-casa-de-mango-street-de-sandra-cisneros/
Sandra Cisneros, A casa de Mango Street. Cangas do Morrazo, Sushi Books, 2014. Tradución de Alicia Meléndez Sousa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario